Galicia brilla e promete continuidade na festa do fútbol da terra

Once titular da selección © FGF

Marcou Iago Aspas, ídolo celtista, e Lucas Pérez, ídolo do Deportivo, correu a abrazalo mentres todo Riazor berraba o primeiro e único gol da selección galega. Continúa invicta na súa etapa moderna pero mereceu moito máis do empate que Venezuela acadou na última xogada do partido (1-1). Galicia brillou e foi moi superior nun partido que rematou entre o Miudiño e A Rianxeira. Unha festa acompañada polo xogo atractivo dun equipo despedido entre ovacións por unha bancada que demostrou ter ganas de Irmandiña. 

Galicia, moi superior, mereceu moito máis que un empate ante unha pobre Venezuela que empatou na última xogada

Malia as numerosas baixas e a adaptación de futbolistas a posicións aos que non están tan afeitos -Bergantiños e Mallo foron os centrais titulares-, Galicia amosou o seu nivel ante un rival en plena preparación para a Copa América. Gozaron os futbolistas e gozou a bancada, consciente de estar ante a que quizais sexa a mellor xeración de futbolistas galegos. 

Aperta entre Aspas e Lucas, tras o gol © Concello da Coruña

Advertiran os seleccionadores da necesidade -case obrigatoriedade pola calidade dos seus- de saír ao ataque e apostar polo xogo ofensivo. E abofé que o fixeron. Con Lucas e Aspas como arietes, Galicia puxo en serios problemas a Venezuela desde o inicio ante un Riazor que non alcanzou o cheo pero que si viviu un ambiente festivo e de irmandade con arredor de 18.000 persoas. Afeccionados celtiñas, deportivistas e do resto de equipos galegos chegados de todo o país puideron animar case oito anos despois un único equipo que non desentoaría para nada na escena internacional. 

Riazor non alcanzou o cheo pero unhas 18.000 persoas gozaron dun ambiente festivo e de irmandade

Sobraba clase no ataque, dirixido con mestría pola calidade de Jota e Denís e soportado atrás por Mosquera e Fran Rico. Impuxéronse no medio e a defensa, a máis mermada polas ausencias, non sufriu nada ante unha Venezuela inexiste e animada por unha importante representación de afeccionados. No palco, os tres alcades das mareas e un presidente da Xunta, Núñez Feijóo, que tivo que escoitar máis dun apupo e algún cántico de desaprobación desde as bancadas. 

Denís Suárez, despedido cunha enorme ovación por Riazor, comandou o fútbol combinativo e rápido da Irmandiña, rebordante de calidade e que errou varias ocasións nas que puido sentenciar o partido. Non houbo cores máis aló dos da selección nun encontro no que deportivistas ovacionaron a Aspas ou Mallo e celtistas rendéronse a Bergantiños ou Lucas. "Esta é a nosa selección", berraban desde os fondos

Galicia e Venezuela no momento dos himnos Dominio Público @futgal

Denís Suárez, que saíu ovacionado, comandou o fútbol ofensivo e combinativo

As subidas de Mallo e Angeliño polas bandas e o mandar de Mosquera superaron en todo a unha Venezuela que só ao final, nun despiste de última hora da defensa, puido amañar algo un partido no que foi moi inferior. Mesmo Pape, con apenas minutos en Primeira, tivo tempo a demostrar podería no mediocampo e contribuír a un conxunto ao que lle anularon varios goles por fóra de xogo e que acabou con ata tres dianteiros no once. 

"En canto rematou o partido, os xogadores pediron xogar outro. Eles queren estar xuntos", dixeron Fran e Míchel Salgado

De Catoira, á Coruña. De Vigo a Coristanco. De Marín a Portonovo. De Moaña á Pobra. O fútbol galego deu mostra do seu potencial sen necesidade tan sequera de contar con figuras que serían titulares en calquera equipo de nivel. Só fallou o resultado, pero mantívose invicta a Irmandiña na súa época moderna e acumulou un novo empate. Amosou orgullo e retirouse ovacionada, citando os seus seareiros para unha próxima ocasión. Porque desta vez parece que será axiña. "A Selección Galega terá continuidade", dicía a Federación de Fútbol no seu Twitter e o seu presidente, Rafael Louzán, nada máis rematar o encontro. "En canto rematou o partido, os xogadores pediron xogar outro. Eles queren estar xuntos", manifestaron logo os seleccionadores Fran e Míchel Salgado. Paga a pena.  

Un intre do partido da selección en Riazor CC-BY-SA GZ Foto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.