O desembarco chinés que ameaza a idiosincrasia do Celta

Pancarta de agradecemento a Carlos Mouriño en Balaídos © LFP

Abanca en mans venezolanas, Barreras en mans mexicanas... E o Celta dos chineses? Unha viñeta do Carrabouxo tira de humor para describir unha situación que ten pouco de chiste. O presidente do club vigués ultima a venda da maioría accionarial da entidade ao grupo empresarial chinés CITS (China International Travel Service). De viaxe en México, Carlos Mouriño pousa uns días as negociacións á espera dun acordo final que prevé pechar nuns 100 millóns de euros e do que só falta a confirmación oficial. Unha operación empresarial impulsada polo máximo accionista dunha compañía privada saneada e con boas expectativas de futuro. Pero é fútbol. Fútbol moderno, disque, pero tamén moito máis ca iso. 

Mouriño ultima a venda da maioría accionarial ao grupo chinés CITS por uns 100 millóns de euros

"Mouriño, atende, o Celta non se vende!", berrou boa parte da bancada de Balaídos na reestrea europea contra o Panathinaikos. Un grupo de peñas celtistas expresou o seu rexeitamento ás intencións do consello de administración. "Cremos que se o Celta pasa a mans estranxeiras perderemos a nosa identidade", aseguraron, tras aclarar que non queren converterse en "mercadoría". 

O presidente, de 73 anos e cos negocios e a familia asentada en México, foi deixando caer durante bo tempo que deixaría o club. Mantiña aberta as opcións de que algún dos seus fillos se fixese cargo do Celta, compaxinando este traballo coa dirección das empresas no país azteca, ou de apostar por un presidente executivo en Galicia. Pero nada diso se concretou e abriuse a ofertas. A do grupo chinés -compañía centrada no turismo, os negocios inmobiliarios e o comercio libre de impostos- está a piques de ser aceptada. A entidade viguesa caería en mans foráneas e asiáticas, como tantos outros clubs tanto en España como en Europa. Pero os seus seareiros denuncian a deslocalización e perda de raizame dun equipo fortemente vinculado a Vigo e a Galicia. E moitos manifestan a súa "decepción" cun máximo dirixente gabado pola exitosa xestión económica e deportiva. 

Os seareiros celestes denuncian a deslocalización e perda de raizame dun club fortemente vinculado a Vigo e a Galicia

Mouriño chegou ao Celta en xuño de 2006 logo de mercarlle a Horacio Gómez, anterior presidente, o seu paquete accionarial por 5 millóns de euros. Preto do 40% das accións. Unha operación acordeón reduciu o prezo dos títulos de 60 a 10 euros e a parte do actual dirixente quedaba en pouco máis do 26%. Non hai moito, comproulle a Abanca o 25% por 5,5 millóns para converterse no máximo acionista, co 52%. En total, o mandatario investiu 20 millóns no Celta, boa parte deles a través de préstamos para evitar o seu afogamento.

O actual presidente investiu 20 millóns no club e podería obter unha plusvalía de 80

De concretarse a operación en 100 millóns, a plusvalía para Mouriño sería de 80 respecto ao investido. Antes, saneou un club que entrou en concurso de acredores en 2008 cunha débeda de 85 millóns de euros e un grave risco de desaparición. Levouno a Primeira, revitalizou a canteira, xoga en Europa, afronta uns beneficios anuais de 10 millóns de euros e ingresa máis de 50 quilos en dereitos televisivos

Mouriño chegou a un club que afrontou un concurso con 85 millóns de débeda; agora está saneado, con beneficios e en Europa

A oferta chinesa parece máis que apetecible para Mouriño, pero tamén para CITS, que collería un club saneado economicamente e senlleiro no deportivo. Pero queren maior control e buscan accionistas minoritarios aínda que con importantes paquetes. Entre eles, ex futbolistas que cobraron en accións as débedas como Placente ou Baiano. O primeiro deles é, de feito, o segundo máximo accionista do Celta, co 8,3%: 39.765 das 377.021 accións totais. Intermediarios do actual consello de administración negocian cos ex xogadores para facerse coa súa participación e vendérllela logo aos empresarios chineses. Ofreceran 12 euros por título pero a oferta xa subiu vista a valoración de 300 euros que descobren as negociacións.

Ademais, todo este grupo de accionistas vaise animando a vender ante a ameaza de depreciación dos seus títulos por unha futura ampliación de capital que prepara o Celta. A familia do vicepresidente do club, Ricardo Barros, posúe un 5% da entidade e este paquete accionarial entaría dentro da venda ao grupo chinés. Para evitar que calquera conte con máis do 5% -o que permite unha maior fiscalización sobre os donos- e consolidar o seu control, CITS podería botar as redes sobre un 20% do Celta repartido entre uns 15.000 accionistas con pequenos paquetes, operación complexa que non impide que algúns socios xa puxeran os seus títulos a disposición da actual directiva. O holding non aceptará menos do 80% do capital social, que será maior en canto aborde outra ampliación unha vez estea á fronte. 

Un 20% dos títulos do Celta está repartido entre uns 15.000 seareiros pequenos accionistas

O pasado luns, varios emisarios do grupo chinés visitaron as instalacións do Celta en Vigo, entre un silencio que tamén garda a actual directiva. Ese mutismo, ademais da operación que se vai descubrindo aos poucos, é o que máis indigna un celtismo en pleno desacougo. Un malestar do que advertiu mesmo o técnico do primeiro equipo, Eduardo Berizzo, que intenta transmitir optimismo ante unha futura venda.  

Imaxe corporativa de CITS © CITS
Seareiros celestes en Balaídos © LFP

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.