UD Ourense: terceiro ascenso consecutivo do club máis popular

Celebración do ascenso da UD Ourense no Couto © UDOurense

Coa bandeira do extinto Club Deportivo Ourense suxeitada polos futbolistas e as bancadas ateigadas no Couto. Así celebrou o pasado domingo a Unión Deportiva Ourense o seu terceiro ascenso consecutivo desde a súa fundación hai tres anos. Coa chegada a Preferente, o equipo que naceu das cinzas da histórica entidade desaparecida continúa asentando as súas bases. Faino baixo a fórmula do accionariado popular e cuns alicerces ben sólidos: os do "sentimento ourensanista" e os da súa entregada afección.

A UD Ourense, herdeiro do histórico club desaparecido, logrou o domingo o seu terceiro ascenso consecutivo e xa está en Preferente

Co 2-0 ante o Velle e con seis xornadas de antelación, a UD Ourense acadaba o primeiro dos propósitos marcados cando hai tres anos socios e afeccionados do CD Ourense que loitaron por evitar a súa disolución decidiron impulsar este novo club. "Desde o primeiro día tiñamos claro que os tres ascensos seguidos para chegar a Preferente eran unha obriga, por orzamento e por masa social", explica Rubén Conde, secretario dunha entidade con arredor de 1.350 abonados e 314 socios, os que toman as decisións en asemblea. 

"Un socio, un voto". Un sistema, o do accionariado popular, ao que son fieis e que é base e valor da Unión. "O noso funcionamento é igual desde o principio e é algo innegociable a non ser que asemblea decida rachar con el, algo que semella improbable e que non sería tan fácil", di Conde. "Continuaremos así, máis aínda vendo a situación na que está o fútbol actual, con todos os problemas que se derivan doutros modelos", engade quen lembra que o club seguirá loitando tamén por mudar normativas como a que obriga á conversión en SAD aos equipos que alcanzan categoría profesional. Con todo, hai unha razón fundamental pola que ninguén renega da fórmula escollida: "A xente séntese moito máis partícipe do proxecto".

O club ten 1.350 abonados e 314 socios, que son os que toman en asemblea as decisións no club: "É algo innegociable"

Nel, ademais, implicáronse desde o comezo ex-xogadores do CD Ourense movidos polo sentimento e o cariño á histórica entidade. No banco senta Antonio Dacosta, ourensán, ex-xogador vermello e do Mallorca e Deportivo nos 80. No campo, no pasado domingo, os dous goles chegaron das botas de Rubén Durán, vigués tamén ex-futbolista do vello equipo do Couto e que pasou polo Racing de Santander, Real Unión, Marbella ou Lugo.

"Temos esa sorte e o de Rubén foi o último caso; quixo volver onda nós e esperamos poder seguir contando con máis futbolistas así porque sabemos que a idea de xogar no Couto e ante unha media dun milleiro de afeccionados nesta categoría é algo que atrae", asegura Conde, que explica que o mercado polo que aposta a UD Ourense é "o de xogadores locais: se son ourensáns, mellor, e senón, galegos". 

Agora, co salto de categoría, o club precisa incrementar os seus recursos para "facer un equipo competitivo". "Cada ascenso supón un maior investimento económico", engade sobre unha entidade que vai camiño de pechar o orzamento cun novo superávit. A publicidade, os patrocinadores e os abonados son a base do presuposto. Para a vindeira tempada, buscarán seguir coa política de ter o abono máis barato da categoría, pero buscarán "involucrar a familiares e amigos" para aumentar a súa masa social e tamén os ingresos. 

A Unión Deportivo conta con equipo masculino e feminino e 14 conxuntos máis na base

Arredados da idea de vivir das subvencións públicas -co que iso supuxo no pasado-, o que si piden é "colaboración". "Non queremos depender desas axudas como ocorreu co CD Ourense ou co COB de baloncesto, pero si pedimos que as administracións colaboren", di Conde. Refírese ao feito de que a entidade tiña que seguir pagando instalacións privadas para que os equipos da base poidan adestrar. "Buscamos solucións, pero na cidade galega con peor ratio de campos por fichas a situación é complexa", engade. 

Porque a UD Ourense non é só o equipo sénior agora en Preferente. Ten 14 equipos na canteira e un máis en categoría feminina. Van cuartas na Primeira Galega no seu primeiro ano tras o ascenso e é o único club de rapazas na cidade. Por iso, desde a entidade piden que non se lles poñan máis atrancos. "Hai unha marxinación cara ao fútbol feminino; no noso caso, non temos disponibilidade nin para disputar os partidos no centro da cidade e temos que ir ás aforas, o que resta moita visibilidade", di Conde, que reitera a aposta polas mulleres e por seguir acollendo a todas aquelas que queiran practicar o deporte. 

Mentres, na directiva preparan xa a estrea en Preferente do primeiro equipo, que aínda buscará o primeiro posto na Liga e busca superar un 2-0 en contra na Copa Deputación. De logralo, podería enfrontarse ao Ourense CF, antigo Ponte Ourense, entidade que eliminou o nome do barrio para intentar tamén ser o referente do fútbol na cidade logo de non abrollar a idea de unirse para conformar unha única entidade. O derbi podería tamén celebrarse na vindeira tempada, de non lograr o ascenso a Terceira o outro equipo da cidade

A UD é recoñecido como o herdeiro do histórico Ourense: "Esa batalla xa etá superada, todo o mundo nos ve como os sucesores"

A UD acabou por asentarse como o herdeiro do Club Deportivo Ourense. "Esa é unha batalla que xa está superada porque todo o mundo nos ve como os sucesores; mesmo os xogadores sacaron unha bandeira do antigo club na celebración do domingo e nas bancadas víronse moitas bufandas antigas", din desde unha entidade que reivindica o pasado pero, tamén, o presente e o futuro co modelo de accionariado popular. 

A Unión Deportiva continúa o ronsel que comezaron a marcar en Inglaterra a AFC Wimbledon ou o FC United of Manchester ou que no Estado representan clubs como o Ciudad de Murcia ou a UC Ceares asturiana. Todos eles froitos da rebelión popular ante o "fútbol moderno". A obrigada conversión dos clubs en sociedades anónimas deportivas e a lei Bosman a que fixeron medrar a burbulla futbolística desde os anos noventa. Os prezos das fichaxes multiplicáronse e as débedas tamén. A mercantilización rematou con moitos equipos e as bancadas rebeláronse a prol dun fútbol popular. O CD Ourense foi unha das vítimas, pero na cidade das Burgas, a rebelión permanece. 

Bancadas do Couto, durante o partido ante o Velle © UDOurense
A UD Ourense celebra o ascenso coa bandeira do extinto CD Ourense © UDOurense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.