0 Gardados para despois

Deportivo Galicia: o equipo dos galegos en Londres, a un paso de xogar a FA Cup

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Campións da súa Liga, subcampións da Copa e co billete adquirido para optar a disputar na vindeira tempada a FA Cup, o torneo de fútbol máis antigo do mundo. O FC Deportivo Galicia de Londres vén de asinar unha campaña histórica e continúa a subir chanzos no seu palmarés. Xurdido da emigración galega na capital británica nos anos 60 e a piques de cumprir 50 anos, soña con celebrar esa efeméride representando o país no campionato con máis tradición, nas Illas onde se inventou o deporte. 

O Deportivo Galicia gañou a Liga, foi subcampión de Copa e xa cumpre cos requisitos para ter praza na vindeira FA Cup

A vitoria por 4-0 contra o Cricklewood Wanderers na última xornada da Middlesex County Premier League deulle ao equipo galego o título e o ascenso á Combined Counties League. En poucos meses, o Deportivo Galicia debutará nun campionato dividido en dúas divisións de 18 equipos que equivalería, segundo aclara o club, á Preferente Autonómica en España. É, en todo caso, a décima categoría do fútbol inglés e xa achegada ao profesionalismo, aínda que a equivalencia exacta "é difícil de facer porque os sistemas de liga mudan moito". Así o asegura Mónica Villar, responsable de prensa dunha entidade que é a única española e federada no balompé británico. 

Co título de Liga no peto, nesta última fin de semana o Deportivo Galicia caeu na final da Copa da categoría contra o Assyria (0-3), unha derrota que non quita brillo á tempada. "Adestradores, directiva e xogadores fixeron un traballo inmellorable para conseguir o noso obxectivo", explican desde o club, que buscaba o ascenso para continuar escalando divisións, pero sobre todo para poder optar, de vez, a xogar na FA Cup, torneo que este ano cumpre a súa 146ª edición. 

O equipo alcanza a mínima categoría esixible para disputar o torneo máis antigo do fútbol e está á espera do convite da Federación Inglesa

Os deberes están feitos. A Combined Counties League é o punto de corte para poder participar na FA Cup pero para optar a ela, os equipos desta competición teñen que ter participado antes na FA Vase, torneo para os clubs de ligas inferiores, algo que o Deportivo Galicia fixo a tempada pasada. Agora, todo depende da decisión da Federación Inglesa, que chegará nos dous vindeiros meses. "Cumprimos con todos os requisitos, pero agora depende de que eles decidan outorgarnos unha praza", explican no club, que é optimista de cara á súa inscrición no campionato. 

Hai tan só uns anos, foi recoñecido como un FA Charter Standard Club, galardón da Federación Inglesa de Fútbol que recoñece o bo facer da entidade, tanto na súa xestión como no traballo de canteira. Participar na FA Cup sería un soño cumprido e un broche de ouro á traxectoria dos últimos anos para un club xurdido arredor do Centro Galego de Londres a finais dos 60. Anos despois uniuse a outro equipo de emigrantes na capital británica (o Deportivo, na honra do seu homónimo coruñés) para refundarse como FC Deportivo Galicia.

O club xurdiu a finais dos 60 no Centro Galego de Londres

Malia que viviu as súas mellores épocas durante os 90, chegando incluso a conquistar títulos amateurs en Francia, Bélxica ou Alemaña, tardou pouco tamén en pasar polos seus peores momentos, cando hai menos dunha década estivo a piques de desaparecer. Foi daquela cando dous veteranos xogadores e fillos de galegos, Leo Decabo e José Andón, colleron o temón do equipo para facer aboiar de novo o Dépor, tal e como denominan os seus membros e afeccionados o club. 

Coa cruz de Santiago e a bandeira de Galicia no escudo e na camisola, no actual cadro de xogadores hai até oito futbolistas galegos: cinco emigrantes e outros tres que son fillos ou netos de galegos que marcharon ao Reino Unido hai xa décadas. O resto, catro mozos doutras partes do Estado e futbolistas de Xamaica, Bolivia, Francia, Iraq e a República Dominicana. "O 80% dos futbolistas teñen pasaporte español e o 60% destes son galegos", explica a entidade, que serve tamén como lugar para "aprender inglés e integrarse nas diferentes culturas de Londres". 

O equipo conta con oito xogadores galegos: cinco emigrantes e tres fillos de emigrados hai xa décadas

Así, xunto a apelidos como Vigo, Alves, Casal, Gascón, Louro, Añón, Lamas ou Decabo mestúranse outros como Orakzai, Ibnahaten, Kelenchy ou Lewis-Waithe. Nun equipo que é exemplo de multiculturalidade e integración pero que serve como escaparate publicitario de Galicia. Pola súa vinculación co Centro Galego de Londres, a entidade recibe unha pequena subvención pública de arredor de 2.500 libras anuais e contaba con outra pequena achega de Abanca a través do patrocinio da que xa non dispoñen. Non é dabondo. 

"Contamos con ese pequeno apoio e estamos moi agradecidos ao Centro Galego de Londres, pero non é suficiente; o ascenso de categoría aumenta os nosos gastos e esperemos que esta fazaña faga que o noso nome e a nosa historia se vaia coñecendo e se xere así máis interese", explica o club, cuxos representantes aproveitaron as súas viaxes a Galicia para promocionar o equipo, ademais de implicar a través de fotografías e apoios a través das redes sociais a ilustres futbolistas españois que disputan a Premier. 

No futuro, o Deportivo Galicia "tampouco descarta" contactar con algún club para procurar algún tipo de colaboración, aínda que non o fixeron polo momento. A súa denominación e orixe dirixen case todas as olladas cara ao Real Club Deportivo da Coruña. Sexa como for, a súa ambición no para. Para a vindeira tempada, o obxectivó é "intentar gañar a Liga e seguir ascendendo", ademais de formar un equipo xuvenil para os máis novos. Todos os xogadores seguirán levando a camisola azul e celeste. 

"Representar a Galicia é case a cousa máis grande para nós; é difícil explicar o orgullo que sentimos e moito máis doado chorar de emoción", recoñecía Leo Decabo, técnnico do equipo, nunha reportaxe de Praza na que lembraba que "levar a banda azul no peito" supón "un sentimento de verdade" para todos os integrantes do equipo. "Tamén para os que non son galegos, porque todos se senten moi a gusto con nós", dicía o adestrador dun club que viste a franxa da bandeira galega ou raias branquiazuis nas súas equipacións e que serve tamén de promoción para o seu lugar de orixe. "Non hai rival que non nos pregunte onde está Galicia, e non hai club que non acabe coñecendo a nosa terra", remataba.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.