Verónica Boquete (Compostela, 1987) pecha un círculo. Liderando a selección española e na súa propia cidade, a que disque xa é a mellor futbolista de España completa un soño que comezou moitos anos antes, cando seu pai loitaba para que puidese xogar entre cativos. Deixou Galicia para competir ao máximo nivel e acumulou goles e títulos en Zaragoza, Barcelona, Rusia ou os Estados Unidos, onde foi declarada mellor xogadora da súa prestixiosa Liga. Agora milita no Tyresö sueco, pero aspira con volver xogar á súa terra... Sempre que os equipos profesionais aposten por un fútbol feminino que aínda ten moito que aprender no país.
Co partido en Santiago completa un soño da infancia?
É certo que nunca xogara en Galicia a este nivel e xa hai oito anos que marchei. Aínda por riba na miña cidade e no meu estadio, alí onde de pequena ía ver o Compostela en Primeira División. É xogar na casa pero é tamén xogar no meu estadio.
Pensou algunha vez en chegar a este nivel?
Cando era pequena non tiña referencias femininas e non sabía nin que había unha liga de mulleres seria, nin que o fútbol de mulleres era tan importante noutros países. A información non me chegaba. A medida que ía dando pasos funme poñendo obxectivos, pero é verdade que todo o que estou vivindo nestes dous últimos anos era complicado imaxinalo.
Ten unha nena de hoxe en día esas referencias que vostede non tiña?
Cada vez chegamos a máis xente. Aquí en España, por cultura, estamos atrasados no deporte feminino con respecto a outros países e no fútbol aínda máis, pero agora hai máis equipos e máis relevancia. Ao saír fóra e ao ser unha das futbolistas máis coñecidas, tamén sirvo de referente ás nenas e esa sempre foi a miña intención: que se decante de que con ser muller non se lle cerran as portas e que se traballan teñen moitas opcións de chegar alto.
Pero non parece que poidan chegar tan alto como os homes, polo menos a nivel económico...
As diferenzas seguen a ser abismais. Eu teño a sorte de poder dicir que son profesional e que vivo disto, pero tamén vou preparando o futuro porque sei que cando remate isto non vou ter a vida solucionada, como moitos dos homes futbolistas. Eu terei que seguir traballando como unha persoa normal.
En que categoría masculina xogaría o campión da Superliga feminina?
Non podemos compararnos cos homes porque hai unha diferenza física que é insalvable. Ata os 14 anos podes ser igual ou mellor ca eles, e eu de feito competín cos rapaces ata os quince anos, pero a partir de aí é difícil. Podes ser mellor tacticamente ou tecnicamente, pero fisicamente eles suplen esas carencias. Posiblemente a mellor xogadora do mundo non dese xogado en Primeira División pola diferenza física, pero non porque sexa peor tecnicamente. Podes competir en todo, pero non en potencia e forza.
Se un repara nos comentarios en Internet ás noticias sobre o fútbol feminino, sempre aparecen frases machistas e insultantes. Queda moito por facer aínda?
Vaise mellorando e cada vez hai máis respecto, pero é certo que hai xente que non cambia. Desgraciadamente, moitas futbolistas xa estamos afeitas a esta situación. Eu tiven que escoitar comentarios de todo tipo desde que era ben pequena e funme curtindo. A quen lle interesa a noticia vaina ler e a nós sempre nos vai interesar saír na prensa e dar a coñecer o noso deporte. Supoño que co tempo acabarán cambiando de idea ou cansados de escribir parvadas.
Moitos afeccionados ao deporte descubrírona a vostede e a moitas das súas compañeiras cos partidos da selección galega. Foron tan importantes para o fútbol feminino como parecen?
Aqueles partidos foron unha maneira de chegar máis á xente, que é o que nos falta. A sociedade descoñece que hai unha liga e que as rapazas tamén xogan. Aqueles partidos servíannos para promocionar o noso deporte e a raíz deles incrementouse moito o número de fichas federativas e os clubs femininos. Independentemente da categoría na que esteas, o que importa é que se faga deporte e ás nenas sempre lles custou máis que aos nenos. Todas as facilidades que lles dean ás rapazas, benvidas sexan.
Semella que a vostedes facíanlles máis falta aqueles partidos que aos homes...
Si. Eles non necesitaban ese partido, pero nós si. Ao final, como tantas veces, o deporte mesturouse coa política e quen o acabou pagando fomos nós. A nós non nos importaba quen estivese no Goberno e quen montase o partido. Só queríamos xogar coa selección galega e promocionar o noso deporte para que a xente coñecese a nosa situación.
O Deportivo tivo nos 80 un equipo feminino pioneiro e moi laureado; o Celta mantén varias seccións deportivas. Por que ningún dos grandes galegos aposta polo fútbol feminino?
Penso que no fútbol feminino en España, por un tema cultural, imos con atraso con respecto a outros estados, pero en Galicia aínda imos con máis atraso en relación a outras comunidades. Barcelona, Espanyol ou Athletic de Bilbao apostan polos equipos femininos porque, aínda que non dean ingresos, si dan unha boa imaxe ao club e son unha forma de promocionar a entidade e o deporte. En Galicia está custando moito, pero se Deportivo ou Celta apostasen polo fútbol feminino, sería un gran paso adiante e a eles non lles supón nada. Outros equipos galegos xa o están facendo e non lles vai mal.
E cre que habería afección a eses equipos femininos?
Claro que si porque eses equipos tamén fomentan a afección ao teu club. Iso vivino no Espanyol. A xente do Espanyol é do Espanyol e dá igual que xogue o equipo feminino, o alevín ou o equipo profesional. Aquí en Galicia, por como é a xente, estou segura de que un Deportivo e un Celta feminino terían moi boa acollida.
Porque vostede declárase afeccionada do Espanyol...
Eu son do Compostela porque é o equipo da miña cidade, pero si é verdade que o sentimento perico marcoume moito nos anos que estiven alí. Ten moito mérito ser do Espanyol en Barcelona. É un equipo sufridor co que non adoitas celebrar títulos; é un sentimento diferente, familiar e a min tratáronme moi ben.
Quédalle esperanza de acabar a súa carreira nun equipo galego de alto nivel?
Claro que soño con iso. Estar fóra é moi interesante e enriquecedor, pero como na casa non estás en ningures. Eu por desgraza tiven que emigrar para competir ao mellor nivel, pero o que me gustaría sería estar na casa e poder competir tamén a ese máximo nivel. Sería un bo sinal que houbese ese equipo galego forte. Oxalá o futuro me traia de volta.