San Sadurniño é unha pequena localidade do interior de Ferrolterra. Conta con menos de 3.000 habitantes (2.877 segundo os últimos datos do IGE), un terzo deles maiores de 64 anos, repartidos en sete parroquias, a meirande delas con pouco máis de 800 veciños. A vindeira tempada, o seu equipo competirá na elite do voleibol estatal xunto a potencias de cidades como Palma de Mallorca, Teruel, Almería, Soria ou Barcelona. O Intasa Aldebarán acadou a pasada fin de semana o ascenso á Superliga, confirmando unha proeza de difícil parangón.
San Sadurniño, con menos de 3.000 habitantes, terá un equipo na Superliga, a elite do voleibol no Estado
"Aínda non somos conscientes do que acabamos de facer", di Uxío García, xogador, capitán e directivo do club no que empezou con oito anos, co que pasou por todas as categorías e co que acaba de culminar "un soño". "É un motivo de orgullo; empecei na categoría máis baixa do voleibol estatal e cheguei á máis alta no equipo da miña localidade", conta tras horas de celebración. "Foi longa, pero xa estamos empezando a traballar no que nos espera", advirte, consciente da importancia de apoios económicos para se asentar na primeira división.
O que agarda é a elite, a mellor competición de España e clubs con imponente palmarés e raizame neste deporte. Por tradición tampouco será en San Sadurniño onde, como lembra Uxío García, "nos recreos do colexio case non se xoga ao fútbol nin a outras disciplinas, senón ao voleibol". O motivo hai que buscalo corenta anos atrás.
O Aldebarán ten a súa orixe no colexio público de San Sadurniño e nun profesor, Manuel Seco, que impulsou o voleibol e o club
O profesor Manuel Seco chegou ao colexio público desta pequena localidade en 1977. Desde alí, como profesor, impulsou a súa afección e un equipo vinculado ao centro educativo que empezou a destacar nos torneos base en Galicia. Co paso dos anos, o club profesionalizouse e foi creando, ao tempo, unha importante canteira de xogadores. Na actualidade, uns 120 cativos e cativas forman parte dunha entidade que conta con representación masculina e feminina en todas as categorías. Uxío García foi un daqueles rapaces que cambiou o fútbol polo voleibol.
"Miña nai era moi cabezona e non lle gustaba nada o fútbol; empecei a xogar nun equipo, en Naraío, ata que acabou apuntándome ao voleibol... E até agora", conta o capitán, que advirte dun deporte que en San Sadurniño "xa é unha tradición". E co seu traslado á elite. Dos xogadores que veñen de ascender á Superliga, a metade son da casa. "Cremos nese equilibrio entre fichaxes e xente da base e, agora mesmo, é perfecto, ao 50%", di.
Na pista, estrelas mundiais como o brasileiro Saulo Costa, o arxentino-croata Kevin Iurisevich ou o hispano-ruso Vitali Kobzev, pero tamén o propio Uxío ou Marcos Blanco, natural de San Sadurniño e autor do punto definitivo no histórico partido do pasado sábado ante o Podes i Tales de Manacor nun pavillón ateigado.
O obxectivo, para a vindeira campaña, será a permanencia, pero tamén afianzar un proxecto de canteira. "Canto mellor vaia o club, máis visualización imos ter e máis imos chegar á xente; ben seguro que para a próxima tempada aumenten ata nun 50% as inscricións de nenos no club", avisa Uxío, que destaca o traballo e a insistencia da directiva, desde sempre, como a clave do éxito.
A metade dos xogadores que conseguiu o ascenso son naturais de San Sadurniño e formados na canteira
"Foi unha directiva teimuda que se empeñou en facer un grande equipo nunha localidade pequena; traballamos e fixémolo", lembra quen repara no "impresionante labor" dos dirixentes. "Aquí case non hai empresas, nin nada; co orzamento que temos, estamos obrigados a dar o dobre de voltas para conseguir as cousas e ese é o noso mérito engadido", insiste sobre un club no que parte dos recursos aínda dependen "de facer ceas, churrascadas ou vender rifas". "Buscámonos a vida", insiste.
"Sabemos que en cidades como Vigo ou Lugo tamén queren isto e, ao final, fomos nós, desde un lugar que aínda non chega aos 3.000 habitantes, os que conseguimos ser o representante de Galicia na Superliga", conta con orgullo o capitán que levantou en 2016 a Copa Príncipe, o primeiro grande éxito dun club que debe o seu nome --Aldebarán, a estrela máis brillante da constelación Tauro-- a unha profesora daquel centro escolar onde todo empezou.