O Valedor 'tíralle das orellas' ao Goberno polo veto a bandeiras nacionalistas

Galicia-Ecuador, en Riazor en 2007 © Siareir@s Galeg@s

A exposición dunha bandeira galega coa estrela nun acontecemento deportivo "pode provocar unha reacción adversa e violenta por parte doutros sectores do público”. Ese foi o argumento empregado polo Ministerio do Interior nunha resposta ao BNG, que protestara no Congreso contra o veto sufrido por seareiros do Deportivo, aos que se lle retiraran símbolos nacionalistas antes dun partido en Valladolid, e logo de experiencias semellantes sufridas por afeccionados do Celta ou do Obradoiro noutros eventos deportivos.

Tal e como lembraba o Bloque, os seareiros con bandeiras nacionalistas "son tratados como un problema de seguridade ou alteración de orde pública, son ameazados con sanción ou sofren acoso" por parte das forzas de seguridade. Agora, o Valedor do Pobo tíralle das orellas ao Goberno central recorda que as estreleiras só poderían serlles retiradas aos afeccionados en casos "excepcionais" e naqueles partidos declarados de alto risco pola Comisión Estatal contra a Violencia e "nos que exista unha ameaza demostrable de que a súa exhibición xerará incidentes violentos".

O Valedor lembra que a lei contra a violencia no deporte "foi pensada para prohibir símbolos ilegais" e non estreleiras

Así se tira do informe enviado polo Valedor á Defensora do Pobo estatal -ao que pide que transmita ao Ministerio de Interior-, logo de que o organismo galego recibise a través do Movemento polos Dereitos Civís máis de 220 denuncias de afeccionados aos que lles foran vetadas ou requisadas bandeiras nacionalistas en espectáculos deportivos. Neste documento lembra tamén que a lei 19/2007 contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte "foi pensada para prohibir símbolos ilegais" e destaca tamén que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos xa afirmou "que a discrecionalidade das autoridades para limitar a exhibición de símbolos dotados de contido político aplícase só cando a existencia dunha ameaza seria de violencia pode mostrarse dun xeito convincente".

O informe destaca que non hai lei ningunha que vete símbolos políticos como a bandeira nacionalista galega

O Valedor lembra que para prohibir bandeiras independentistas explicitamente habería que reformar a lei e permitir unicamente a entrada a eventos deportivos de símbolos estritamente deportivos ou con recoñecemento e uso oficial. "O certo é que na actualidade esa norma non existe nin ten visos de existir, polo que é preciso abordar a cuestión só co dereito vixente na man", engade. "A retirada destes símbolos debe producirse só de xeito excepcional e naqueles casos nos que a ameaza de incidentes violentos sexa altamente probable", di.

O informe vai máis aló e recomenda ás forzas de seguridade "a aplicación dun enfoque autorestrictivo sobre a súa capacidade de control da exhibición de símbolos políticos polos cidadáns en espazos públicos" porque "resultaría coherente coa xurisprudencia española e internacional en materia de dereitos humanos e suporía alcanzar un mellor equilibrio entre a liberdade de expresión individual e o mantemento da orde pública".

O Valedor recomenda ás forzas de seguridade que restrixan "a súa capacidade de control da exhibición de símbolos"

O Valedor fai referencia a varias sentenzas xudiciais e tamén ao Tribunal de Estrasburgo, que ten sinalado en múltiples ocasións que o feito de que a exhibición de símbolos xere sentimentos de rexeitamento ou carraxe en parte da sociedade (como pode ocorrer cando se enarbolan bandeiras independentistas en estadios que están fóra das respectivas comunidades autónomas) "non é motivo suficiente para proceder a limitar a liberdade de expresión pacífica dos cidadáns". Refírese incluso ao Tribunal Supremo dos Estados Unidos, que ten subliñado nun coñecido pronunciamento que "o Goberno non pode prohibir a expresión dunha opinión simplemente porque non está de acordo coa mensaxe, por moi dura ou dolorosa que lle poida parecer esta mensaxe".

 

O veto a seareiros do Deportivo, Celta e Obradoiro

No caso do veto ás bandeiras nacionalistas dos deportivistas en Valladolid, a ameaza dos membros de seguridade ou dos axentes presentes era clara. Ou os afeccionados entregaban a bandeira ou non podían acceder ao estadio, malia ter mercado a súa correspondente entrada. Unha deportivista que foi testemuña destes feitos relataba a Praza o acontecido. "Miraban as bandeiras e se tiñan a estrela vermella mandábanche deixala á entrada, pero en ningún momento che aseguraban que a poderías recoller despois", explica.

A normativa vixente foi o argumento dos axentes, o mesmo ao que se aludiu no Santiago Bernabéu para requisarlles bandeiras nacionalistas galegas a afeccionados celestes que acudiran animar o seu equipo nunha das súas últimas visitas a Madrid. Nese mesmo estadio fora multado o pasado mes de decembro un seareiro do Barcelona con 3.001 euros por introducir unha estelada (bandeira independentista catalá). Daquela, o propio Ministerio de Interior recoñecera que estas bandeiras non constituían "ningún tipo de infracción" da Lei contra a Violencia no Deporte, pero aclaraba que poderían ser confiscadas se a autoridade policial presente no recinto deportivo considera que supoñen un risco de alteración de orde pública.

A ameaza dunha multa semellante foi a que tamén denunciou un seareiro do Obradoiro ao que se lle esixía retirar unha bandeira nacionalista galega da bancada do Multitusos Fontes do Sar, un veto á estreleira que se repetiu en varios partidos e que provocara incluso a protesta pública do grupo municipal do BNG.




 

Bandeiras nacionalistas en Riazor e Balaídos Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.