"Son os afeccionados máis vellos os que poden acabar coa violencia no derbi galego"

Vicente Celeiro posa no estadio de Riazor © Moncho Fuentes

Vicente Celeiro (Vilalba, 1962) recoñécese “un caso atípico” ao non poder elixir entre o branquiazul e o celeste. Ex xogador do Deportivo e do Celta, na Coruña segue sendo un mito. Un gol seu no tempo engadido salvou o equipo do descenso a Segunda B e, moi probablemente, da desaparición hai 25 anos. Tras pasar por todas as categorías en Riazor, fichou polo eterno rival para rematar a súa carreira no Racing Vilalbés. Reside en Vigo e, malia declararse afeccionado de ambos os dous conxuntos, vive a rivalidade como poucos na súa propia casa. O fillo maior, coruñés, saíulle “un celtarra de todo”, o pequeño, vigués, é un orgulloso deportivista.

Vostede recoñécese afeccionado de Deportivo e Celta. É un tipo raro?

Son  un caso atípico, si. En Vilalba había unha peña celtista e todos os rapaces do colexio eran do Celta porque daquela a agrupación celeste era moito máis activa. Levábannos a Balaídos coa familia a ver os partidos; as mulleres ían pasear pola praia e os homes ían ao fútbol (ri). Ao final, podo contar con orgullo que aqueles que me levaban ao estadio acabaron véndome xogar no campo, primeiro coa camiseta do Deportivo e logo coa do Celta. Iso é algo que pouca xente poderá contar. 

Como acabou fichando polo Deportivo?

Marchei ao Deportivo con 15 anos, precisamente grazas á peña deportivista de Vilalba. O presidente da peña, que é o pai do actual dirixente, faloulles de min aos directivos daquela época e viñéronme buscar ao Racing Vilalbés. Fun á Coruña a vivir nunha pensión sendo aínda un rapaz.

De que etapa garda máis cariño?

Formeime no Deportivo. Pasei toda a etapa de xuvenís, xoguei no filial e subín ao primeiro equipo, así que está claro que foi unha época que me marcou moito máis. No Celta estiven dúas tempadas nada máis e xoguei pouquiño. Ademais, en Vigo sempre me identificaron co Deportivo e chamáronme e séguenme chamando Vicente o do Coruña. Os mellores recordos como xogador son os de Riazor.

"De pequeno a peña celtista de Vilalba levábame a Balaídos, pero acabei no Deportivo grazas á peña deportivista"

Na Coruña ninguén esquece aquel gol en tempo engadido contra o Racing que evitou o descenso a 2ªB hai 25 anos...

Si, aquel foi un gol mítico que quedou para a historia do club. Pasaron moitos anos e hai xente que segue lembrándome tan só por aquel tanto, pero máis que ese gol, para min o Deportivo foi moito máis e moitos máis goles. Estiven moitos anos, cheguei sendo un cativo e acabei sendo internacional sub 21 xogando en Segunda División.

Aquel gol salvou o Deportivo da desaparición e hai quen di que foi o verdadeiro comezo dos éxitos do club.

É unha maneira de dicilo. Hai un pouco de lenda, pero si é verdade que a situación económica e deportiva do club non era boa. Logo entrou Lendoiro e todo mellorou, pero ninguén sabía o que podía pasar se acabaramos baixando de categoría.

Non é capaz de elixir entre Deportivo ou Celta ou é que é moi diplomático?

Non é que sexa diplomático, é que non son capaz de elixir. É fácil de deducir que teña o corazón partido porque a miña situación foi diferente á doutros futbolistas que pasaron polos dous equipos. Digo a verdade, o que sinto. Eu desexo o mellor para os dous clubs e a cousa este ano pinta moi ben. A ver se acaban ascendendo os dous xuntos a Primeira.

"Non é que sexa diplomático, digo o que sinto: deséxolle o ben aos dous equipos, non podo elixir"

Quen quere que gañe o derbi do domingo?

De cara a este derbi, igual desexo un pouco máis que gañe o Celta porque é a quen lle fan máis falta os puntos, xa que o Valladolid vén apertando forte, pero só porque o Deportivo está nunha mellor situación, nada máis.

O rexurdir da canteira en ambos os dous conxuntos dálle maior transcendencia a este derbi?

Agora os xogadores enchúfanse igual aínda que non sexan da canteira, pero ese punto de paixón que che dá ter mamado a rivalidade desde pequeno nas categorías inferiores é algo que deixa marca. Ese puntiño de ganas e de ansia fai o partido aínda máis interesante e xoga a favor dos canteiráns. 

Que pensa cando ve altercados entre afeccións ou os problemas que teñen os seareiros para viaxar a animar ao seu equipo?

Pois penso que isto da rivalidade é algo histórico. Xa cando xogabamos nós había estes problemas e creo que esa minoría violenta vaina seguir habendo, moi ao meu pesar. A rivalidade e esas ganas de vencer ao rival son algo bo, pero sempre que só sexa de palabra, mentres non se pase á acción. Nese caso, a cousa vólvese preocupante. É un mal consolo, pero cando eu xogaba nos xuvenís, xa había problemas.

Cre que se acabará con esta tensión? Cando veremos un derbi tranquilo?

Non vexo fácil que se erradique a violencia e a proba está nos problemas que houbo no partido de ida. Imaxino que o domingo pasará algo porque os altercados xa se intúen e porque hai xente que quere responder ás pedradas que sufriron os buses de Vigo. O único no que nos queda confiar agora é nas forzas de seguridade, que creo que teñen esas minorías bastante controladas. Oxalá non pasase nada porque é un día e unha hora perfecta para xogar e gozar dun partido de fútbol.

Por que ocorre isto no derbi galego?

Tampouco podemos localizar o problema en Galicia porque é un mal xeneralizado. Non lle vexo solución. No Betis-Sevilla ou no Barça-Espanyol tamén adoita haber problemas. A rapazada ten esa idea de rivalidade case física e non vai ser posible acabar con ela, nin en Galicia nin en ningures.

Nos derbis vascos non adoita haber problemas...

Certo, aí tes razón. Oxalá fose aquí igual.

"Haberá esperanza de que remate a violencia cando os afeccionados máis veteranos fomenten a confraternización"

Que podemos facer para arranxalo?

Se a xente maior e con experiencia non fai máis que picarse e desexar o mal ao rival, aínda que sexa de palabra, imaxina toda a rapazada nova, que xa vai máis aló da palabrería. Con 20 anos están como motos e é difícil paralos... Cando eu vexa os máis veteranos propoñer unha xornada de confraternización e pedir que as dúas afeccións tomen xuntas o polbo con cachelos antes do partido, daquela terei esperanza. Son os máis vellos os que poden convencer os máis novos, pero será difícil.

Hai moitos peñistas de ambos os dous equipos que apostan pola confraternización, non son suficientes?

É que hai xente maior que tampouco o intenta. Eu vivo en Vigo e hai xente que ten unhas ganas terribles de que non ascenda o Deportivo, non hai un obxectivo común. A maioría da xente do Celta dime que o Deportivo non debe ascender e eu sempre lles digo que se teñen que preocupar do Valladolid, pero hai quen aínda non o entende. En moitos casos, non hai lugar ao diálogo.

"Meu fillo maior é coruñés e saíume celtarra de todo; o pequeno é vigués e leva a camiseta de Valerón cando anda por Vigo"

Como levan a rivalidade na súa familia?

O maior dos meus fillos é coruñés e saíume antideportivista e celtarra de todo... E mira que levei a muller á Coruña para que nacese alí precisamente. O pequeno, nado en Vigo, é do Deportivo e non é difícil velo pola cidade coa camiseta de Valerón. Entre eles teñen discusións fortes, pero nunca pasan das palabras, claro está. A ver que pasa o domingo, pero na ida cada un viu o partido co seu grupo de amigos, por separado. 

E vostede que lles di?

Nada. Eu estou moi orgulloso de ter pertencido aos dous clubs e pode que sexa o único. E estou orgulloso de saír dun equipo como o Vilalbés, xogar nos dous grandes de Galicia e volver retirarme ao equipo da miña vila. Todo o que me trae a min aquela época son bos recordos. Póñome alegre cando me lembro da miña etapa de futbolista e iso é o que me queda.

Cromo de Vicente no Celta Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.