Pilar Neira será homenaxeada pola Plataforma Pro-Oficialidade Galega o vindeiro sábado 28 de decembro e dentro das xornadas que o colectivo Siareir@s Galeg@s celebrará en Lugo e no que se inclúe un novo partido da selección, aínda que volva ser de maneira amateur e sen o apoio da Federación nin a Xunta. O colectivo destaca a adestradora como unha "incansábel loitadora" que "representa a dignificación do deporte feminino" e como unha muller "que non só ten demostrado o seu forte compromiso co deporte de base participando en diferentes equipos, senón que tamén ten manifestado en varias ocasións o dereito de Galiza a ter seleccións propias". O triatleta Antón Ruanova, outro dos galardoados, será quen acompañe a ex futbolista que triunfou naquel exitoso Karbo Deportivo e que dirixiu a Irmandiña como agora fai co seleccionado de fútbol praia, co que se vén de proclamar campioa de España. Malia todo, non cre que mereza tal recoñecemento: "É unha honra que se acorden de min, pero penso que hai xente con moitísimos máis méritos para ser homenaxeada".
Non atopo moito persoeiro público que defendese con tanto entusiasmo a selección galega e o fútbol feminino coma vostede...
Se temos lingua e temos cultura, temos que ter dereito a ter unha selección que nos represente a galegos e galegas. É lóxico que se defenda e tiñamos que defendela todos. En canto á desigualdade no deporte feminino, tamén é algo que é evidente e todos deberiamos loitar para evitala. Son frontes onde estou, pero é lóxico que estea. Estou eu pero podería estar calquera persoa.
"Confío nesta Federación Galega; creo que o vindeiro ano recuperaremos o partido da selección galega no Nadal"
A ausencia do partido amigable da selección galega non fixo perder pulo á reivindicación do equipo galego?
Tan só os Siareiros Galegos están a loitar pola selecicón. No primeiro ano que o colectivo organizou este partido tamén estaba Fernando Vázquez, pero é certo que agora hai menos apoio. De todos os xeitos, eu teño a esperanza de que este sexa o último ano no que se fai este encontro amateur. Confío na xente que agora dirixe a Federación Galega de Fútbol e en que eles saquen o partido adiante, aínda que só sexa o clásico partido do Nadal. Creo que o vindeiro o ano xa o recuperaremos.
Reivindica tamén a oficialidade da selección galega pero nin tan sequera hai posibilidade dun partido amigable.
Iso é o triste. Teremos que ir pasiño a pasiño pero é que nin tan sequera se nos permite disputar un partido amigable en decembro... Polo menos que nos deixen iso. Que dano podemos facer por vestir as nosas cores unha vez ao ano?
"Que dano podemos facer por vestir as nosas cores unha vez ao ano?"
Cre que falta atrevemento nos futbolistas para reivindicar a selección galega?
Xa non é que non se atrevan é que á hora de confeccionar un equipo, hai moitos clubs que non lles deixan participar neste encontro. Podo comprendelo nos futbolistas moi profesionais, pero é difícil de entender noutros ámbitos. Eu adestro a selección galega de fútbol praia e nunca tiven prohibición ningunha por parte da Federación para participar neste evento. Tamén che hei dicir unha cousa: se mo prohiben, seguirei facendo o que me pete, pero ninguén me dixo que non participase e eles saben de sobra que vou estar o día 28 xunto aos Siareiros.
Dicía Verónica Boquete que "os homes non necesitaban a selección galega, pero as mulleres, si".
O que si está claro é que cando a daquela secretaria xeral para o Deporte, Marta Souto, apostou pola selección galega feminina acabáronse triplicando o número de equipos de fútbol de rapazas en Galicia. O feito de ter unha selección, de que as futbolistas fosen visíbeis, de que saísen nos medios... A visibilidade é clave para que as nenas tivesen un referente e aqueles partidos foron moi importantes para o deporte feminino.
"Despois dos partidos da selección feminina, o número de equipos de rapazas triplicouse en Galicia; a visibilidade é clave"
Por sorte, facer seleccións galegas nesta época non sería tan difícil como hai cinco anos.
O nivel dos futbolistas galegos subiu moito. Deportivo e Celta, aínda que fose por mor da crise, están apostando polos xogadores da casa e o Lugo empeza a apostar tamén. No fútbol feminino tamén avanzamos moito, pero non tanto. Aínda estamos a anos luz do resto do Estado e lembremos que o Olivo de Vigo subiu á máxima categoría pero baixou nesa mesma tempada. Fáltanos aínda.
É clave que Deportivo e Celta formen cadanseus equipos femininos?
Claro que sería moi bo. No Deportivo, o máximo candidato á presidencia, Tino Fernández, anunciou que ía crear un equipo feminino e que ía apostar pola muller. Sería moi bo que Depor e Celta apostasen polas mulleres e, se o fan, eu serei o primeiro en darlles os parabéns.
"Sería moi bo que Deportivo e Celta creasen os seus equipos femininos; eu sería a primeira en darlles os parabéns"
Daquela igual se acordan de vostede...
Aínda que tivese ese ofrecemento, non o aceptaría porque xa non estou para iso. Colaboro coa selección de fútbol praia porque é nun momento determinado, pero teño 50 anos e xa non me vexo capacitada para preparar toda a tempada dun equipo.