0 Gardados para despois

Vilalba, onde o derbi galego é un exemplo de "confraternización"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A 85 quilómetros da Coruña e a 160 de Vigo, en plena Terra Cha. Aí se atopan as peñas máis antigas do Deportivo e do Celta. Afastados de Riazor e de Balaídos, o latexar dos sentimentos branquiazuis e celestes non entenden de distancias nesta pequena vila onde o madridismo e o barcelonismo sucumben ante a paixón polos dous grandes galegos. Son estas dúas agrupacións as que teñen moita (ou toda) culpa deste dominio enxebre da afección futboleira. Dúas peñas que non precisan nome, agás o do seu lugar de nacemento: a peña deportivista e a peña celtista de Vilalba. 

“É curioso, si”, recoñecen os presidentes de ambos os dous colectivos, cando se lles pregunta polo feito de que en Vilalba, celtismo e deportivismo se vivan con tanta forza. A explicación atópana “no entusiasmo dos fundadores das peñas”, pero tamén na colaboración que mantiveron durante anos cos colexios para desprazar cativos a Balaídos ou a Riazor e fomentar “a afección polos equipos da nosa terra”. Francisco Roca, presidente da agrupación branquiazul e herdeiro familiar daqueles precursores, representa os 250 peñistas que o Deportivo ten na vila. Carlos García, dirixente celtista, sitúa en case 400 os afiliados á peña celeste, que non é a única na localidade. E son amigos “de toda a vida”, compañeiros de festas e grandes conversadores de fútbol. Niso tamén son algo atípicos.

A peña deportivista fundouse en 1952 e a do Celta recorda desprazamentos a Vigo nos anos 40

“Nunca tivemos problema ningún, nin entre nós nin entre os membros das peñas, á marxe das picadas lóxicas que nos botamos por algún resultado”, resume Carlos García, que recibe na sede da súa peña a Francisco Roca. “Xogan na casa, como no derbi do domingo”, ri. Entre recordos de anécdotas e risas conxuntas, nin un nin outro entenden de rivalidades violentas ou irrespectuosas. “Somos afeccionados e peñistas de dous equipos galegos, dos nosos”, repiten como se tivesen que xustificar algo que semella lóxico, pero que non o é tanto en Galicia. E sono desde hai moitos anos. A peña deportivista fundouse en 1952 e cumpre 60 anos; a celtista consta no rexistro oficial de agrupacións celestes desde 1969, pero o seu presidente lembra que “xa nos principios dos 40, os afeccionados reunían 15 pesetas á semana para poder ir a Balaídos o domingo”. E teno documentado grazas a unha anécdota que puido acabar en traxedia. “Cando se desprazaron en 1941 a ver un encontro contra o Madrid, a Garda Civil confundiunos coa banda do Foucellas e detívoos”, lembra. Precisamente el, o guerrilleiro antifranquista ao que unha pancarta facía honra en Riazor non hai moito tempo e sobre o que as crónicas contan que acudía a ver o seu Deportivo disfrazado de cura.

Dous bares foron os inicios de dúas peñas que viven con paixón o derbi, pero sen rivalidades estúpidas. Ambas as dúas soñan “cunha festa conxunta” no final da tempada para celebrar a volta dos dous grandes galegos á máxima categoría. “Iso é o que nos gustaría aos dous”, di García. “A min gústanme os derbis e como quero que ascenda o meu equipo, tamén quero que ascenda o Celta para gozar deles en Primeira”, retruca Roca, que cambia un chisco a cara cando se lle pregunta pola viaxe para desprazarse a Vigo o domingo. “A nosa peña non fai viaxe organizada desde que empezaron os problemas; non podemos arriscarnos a ir en bus e que nos dean cunha pedra na cabeza”, asume, aínda que recoñece que algún peñista “si irá, pero de incógnito” a Balaídos.

"Soñamos cunha festa conxunta en Vilalba para celebrar o ascenso dos dous equipos"

“É unha mágoa que pasen estas cousas por culpa dos energúmenos que hai dun e doutro lado”, engade o dirixente celeste, que non se corta á hora de buscarlle solución á violencia. “A toda esta xente que provoca altercados habería que prohibirlles a entrada aos estadios ou telos separados e á marxe, pero sobre todo, os clubs deberían deixar de subvencionar viaxes ou prestar apoio aos que non se comportan”, reclama, tras lembrar como nalgún desprazamento tivo que separarse dos propios afeccionados celestes para evitar os altercados que provocaran uns poucos. Nin un nin outro dan atopado explicación a tanto rancor. “A política, os políticos e a rivalidade norte-sur tivo moito que ver”, din desde o centro de Galicia, e sitúan a violencia unicamente “entre os máis novos, xente de 20 anos que está como unha moto e equivócase”.

"A rivalidade política norte-sur tivo moito que ver nesta rivalidade violenta que é exclusiva dos máis novos"

No entanto, tamén piden máis implicación dun e doutro lado. Tanto por parte dos políticos como dos clubs. “A iniciativa dos hostaleiros vigueses e coruñeses para ofrecer prezos reducidos aos afeccionados é un bo paso, pero os alcaldes e as directivas deben implicarse máis para fomentar a concordia e non o contrario”, coinciden. E refírense a comparecencias conxuntas, chamadas á cordialidade... Todo o contrario aos vetos que un e outro club fixeron ás entrevistas conxuntas ou ás declaracións dalgún xogador, aínda que aclaran: “O que dixo Aspas na primeira volta enmárcoo dentro desas arroutadas da xente nova, pero foi unha equivocación e non contribuíu nada a calmar os ánimos”, di Paco Roca, que coincide co seu compañeiro Carlos García en que aquilo foi “cousa dun mozo”.

"Se os violentos fosen catro gatos, o problema acabaríase rápido; son bastantes máis que catro"

Uns e outros soñan “cun derbi tranquilo”. “Cunha xornada de confraternización, onde se poida ir con tranquilidade ao campo, onde o partido sexa un espectáculo e que gañe o Celta”, din desde o lado celeste. “Soño con que no vindeiro derbi na Coruña as rúas da Estrela, a Galera ou os Olmos estean cheas de celtiñas, compartindo os viños cos deportivistas, como o recordo eu de pequeno; esa é a mellor maneira de gozar do fútbol... E que gañe o Deportivo”, responde a peña branquiazul. Saben, no entanto, que os seus desexos son aínda utopía por culpa dunha minoría que, recordan, “non son catro gatos como se di”. “Se fosen catro gatos, o problema acabaríase ben rápido, pero non é verdade, son unha minoría, pero son bastantes máis”, reflexiona.

Mentres continúa a conversa recordando derbis e partidos míticos, Carlos García exerce de anfitrión e abre unhas cervexas para compartir co seu amigo deportivista. E brindan todos xuntos. “Polo noso derbi”. “Iso, polo noso derbi”. “E para que os dous estean en Primeira!”. É o 'espírito de Vilalba'. 

© TingaLaranga AudioVisual

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Vicente, o vilalbés que triunfou nos dous

Non só Vilalba pode presumir de ter as dúas peñas decanas de Deportivo e Celta, senón de ser a terra que viu nacer a Vicente Celeiro, mítico xogador branquiazul e celtiña nos anos 80. "Claro que o coñecemos, a el e a toda a súa familia", contan os dirixentes de ambas as dúas peñas. O dianteiro que moitos din que salvou o Dépor da desaparicións saltou do Racing Vilalbés ao club coruñés grazas á intermediación do pai do actual presidente da agrupación branquiazul. "Meu pai xa o vira xogar nos xuvenís do equipo da vila e recomendoullo aos directivos da época", recorda Roca. 

Vicente acabaríase convertendo nun símbolo para o deportivismo, pero tamén un símbolo dese 'espírito de Vilalba' que ambas as dúas peñas queren trasladar ao derbi galego. "Non podo elixir entre un equipo e outro e non o digo por quedar ben nin por ser diplomático; eu deséxolle o ben aos dous", di Vicente Celeiro, que frecuentaba a peña celtista de moi cativo, acabou xogando no Deportivo e no Celta e retirouse no Racing Vilalbés. "Cando faltaba el ou José Luis, sabías que no Deportivo seríai imposible meter un gol", rememora Roca. "Era moi bo, un  home de área, un excelente goleador", ratifica Carlos García. 

"Aquí tamén é difícil pelexar contra o maioritario"

Aínda que con sentimentos deportivistas e celtistas ben asentados na terra, Vilalba tamén conta cunha importante porcentaxe de seareiros que prefiren o Real Madrid ou o Barcelona aos equipos galegos. Quizais en menos proporción que noutras vilas, pero con moita representación. "Esa é unha enfermidade da que é difícil de escapar", bromea Paco Roca. "Só tes que prender a radio ou a televisión e xa comprobas que a maioría do que se fala ten que ver con eses dous grandes e así é difícil que os pequenos opten por outros clubs", engade. 

Para Carlos García, da peña celtista, a preponderancia de Madrid e Barcelona é "algo común en moitas zonas de Galicia", algo que se cadra en Vilalba nótase menos polos esforzos que os colectivos celestes e branquiazuis fixeron desde hai anos por achegar os rapaces aos seus equipos. "Nós colaborabamos sempre cos colexios para organizar excursións a Balaídos e fomentar o celtismo entre os pícaros, aínda que agora é todo máis difícil", recoñece. De moitas desas excursións a Vigo ou á Coruña naceron os afeccionados do futuro. Eses que en Vilalba conviven sen problemas. 

"Fun a Cartaxena e volvín... E teño 87 anos"

A xuntanza entre peñistas do Deportivo e do Celta en Vilalba acaba entre recordos e nostalxias doutros derbis mellores ou, polo menos, máis agradables para os afeccionados. Os dirixentes de ambas as dúas peñas lembran cando gozaban do ambiente anterior aos partidos degustando as tapas e os viños en ambas as dúas cidades. E bótano de menos. "Lembro aos seareiros do Celta tocando a gaita polo centro da Coruña acompañados polos do Deportivo", apunta Roca, que non dubida cando se lle pide que elixa un futbolista. "Agora non podo dicir ninguén máis que Valerón". Para Carlos García, o elixido sería "Riverita, ese enorme xogador do Carballiño". 

No medio da conversa, outros dous peñistas do Celta non botan a vista tanto atrás. "Mazinho e Mostovoi", deciden, mentres recordan a última viaxe co equipo, a Cartaxena, de onde volveron sen saber resultado definitivo e sen o partido rematado. "Fun a Cartaxena e volvín... E teño 87 anos", apunta o peñista máis veterano da agrupación celeste, que xa non é capaz de lembrar todos os estadios onde foi animar o seu equipo. Todos eles, ademais, soñan cun futuro cheo de canteiráns nos derbis. "O Celta xogou o outro día con nove e iso é un orgullo", di García, que cre que os dous clubs deben apostar pola base "porque é a única forma de tirar para adiante". "O Deportivo adoita contar con catro ou cinco canteiráns en cada partido e a cousa vai ir a máis; a aposta polos xogadores da casa é algo fundamental", remata Roca, que tamén reivindica un maior uso do galego por parte do seu club e que apoia unha iniciativa para galeguizar o equipo con varias peñas xa implicadas.