Pedro Nimo: "Edúcannos nun egoísmo que lles é ideal para crises coma esta"

Pedro Nimo, na maratón de Berlín CC-BY-SA Dirk Ingo Franke

O atleta galego Pedro Nimo non quería esta repercusión, pero a súa exemplar rebeldía saltou aos medios. O último vencedor da clásica Behobia-San Sebastián decidiu renunciar "a toda bolsa e axuda pública" e a competir representando a España ou a Galicia. Anunciouno nunha carta aberta na que se declarou "farto" da falta de apoio, pero tamén do sistema político e xudicial e da xestión que os gobernantes están a facer en plena crise. Seguirá correndo grazas aos apoios de marcas estranxeiras, pero xa non será unha prioridade. Dixo basta canso da corrupción, das promesas incumpridas e dunha situación que cre que require un cambio. Pero resígnase. Cre que a súa reacción esquecerase en poucos días e que "o egoísmo no que nos educaron" seguirá triunfando nunha sociedade que ve "temerosa e acomodada". El deu un paso, pero farían falta moitos máis. "E unión, porque sen unión non vai cambiar nada".

Por que agora?

Levamos bastante tempo aturando esta situación. Creo que moito do que está a acontecer agora víase vir e si pode ser certo que viviamos por riba das nosas posibilidades, pero isto é demasiado. E non é cuestión de que se tomen medidas que nos gusten máis ou menos, senón que xa non podemos máis. Non escribo esta carta aberta nin tomo as decisións que tomo só por min, senón máis ben polo que vexo ao meu carón, nos meus amigos e coñecidos. Todo o que te arrodea tamén che afecta.

Critica a falta de axudas no deporte, pero tamén a nivel profesional, aos negocios pequenos como o seu...

En min vexo os problemas que teñen outras moitas persoas e que tamén vexo ao meu redor, pero tamén escoito as noticias e o que pasa por aí adiante. Ves como che prometen axudas e apoios que logo non chegan, tanto no deporte como na empresa. Os apoios aos emprendedores teñen que chegar cando estamos empezando, pero iso é estensible aos estudantes, aos atletas e aos investigadores... Javier Gómez Noya dicía non hai moito que el agora que era campión do mundo non precisaba axudas, senón cando estaba abaixo, cando empezaba e precisaba un empurrón. Pero en España tes que demostralo todo e despois se cadra xa che dan unha axuda. Algo falla. Pídennos esforzos e non predican co exemplo.

"As axudas aos deportistas, aos emprendedores ou aos investigadores teñen que chegar ao principio e non cando demostras algo"

Esperaba o apoio que recibiu?

Non esperaba apoio ningún. Eu só escribín o texto que me apetecía e que me saíu de dentro. Non esperaba nada nin deixaba de esperar. O que escribín foi froito de toda esta situación que estou pasando e que vexo ao meu redor. Síntoo e ata aquí cheguei. É certo que hai moitos atletas que me apoiaron e que me dixeron que oxalá eles puidesen dicir o mesmo ca min e renunciar ao que eu renunciei, pero entendo que non todos poden permitirse isto. Hainos que poden e hainos que non.

Rexeita representar a España ou a Galicia e renuncia ás axudas públicas, deixará de correr?

Seguirei correndo, polo menos polo de agora, porque teño contratos asinados con marcas de fóra. Falei con eles por se había algún problema pola carta que escribín, pero déronme total liberdade de expresión e non me puxeron atranco ningún. Pero agora teño un negocio e as prioridades cambian. No momento que contratas a alguén, tamén tes unha responsabilidade extra, porque o que ti fagas non só che afecta a ti.

"Non creo que a  miña reacción inflúa noutros; isto durará dous días e acabarase; non se lembrará ninguén"

Cre que o seu xesto pode influír noutros deportistas ou caras coñecidas? Fará alguén o mesmo?

Non creo que o que eu fixen inflúa noutros. Eu son alguén moi pequeniño e o que eu digo pensámolo todos. Isto durará dous días ou día e medio, pero acabarase e xa non se lembrará ninguén.

Houbo algun persoeiro coñecido que o apoiase?

Máis dos que podes imaxinar. Deportistas, xornalistas, actores e ata algún alcalde... Moita xente que me dixo que eles farían o mesmo se puidesen e que opinaban o mesmo ca min. Houbo alcaldes que dixeron compartir a miña reflexión pero que a disciplina de partido lles impedía dicir o que pensaban. Por iso eu digo que non todos os políticos son iguais, sobre todo estes de vilas ou localidades pequenas, con maior disponibilidade e máis achegados á xente.

"Houbo deportistas, xornalistas, actores e alcaldes que me dixeron que farían o mesmo ca min se puidesen, pero non poden"

E se quen se planta e escribe o texto é Nadal, Gasol ou Iniesta...

As cousas cambiarían, claro que si. É ben fácil de deducilo se temos en conta en que deportistas se fixan as marcas para publicitarse. Cando Nadal, Fernando Alonso ou Gasol poñen  un comentario nun perfil social, nun minuto chegan a milleiros de persoas porque as súas palabras inflúen en moita máis poboación. Son ídolos para todos nós e a súa reacción si que podería cambiar algo.

E por que ninguén o fai? Ninguén está en contra de nada? Son conformistas ou están moi presionados?

Seguramente están bastante sometidos ás marcas que os patrocinan, pero tamén haberá casos nos que están acomodados. Se tes un bo contrato e unha boa situación, é máis complicado que te rebeles porque pensan que non teñen nada que gañar e si moito que perder. Desde que somos cativos edúcannos nun egoísmo que lles é magnífico é ideal para situacións como as que estamos vivindo agora. "Divide e vencerás", din, e é certo. Se non hai unión, non vai cambiar nada. Eu podo dicir algo... E outro, outra cousa, pero acabará caendo en saco roto.

"Educáronnos nun egoísmo que lles é magnífico para situacións como as que vivimos agora"

Por que a xente non se mobiliza máis? Hai medo ou demasiada xente acomodada?

A xente está temerosa, pero tamén acomodada. O acomodo é algo xeneralizado. Quen está ben non se queixa porque ve inxusto queixarse e outros non o fan porque teñen medo a quedar sen choio. Moitos amigos dinme que se non tivesen fillos tamén sairían á rúa a protestar e eu enténdoos, pero non me serve. Cada un sabe as súas.

Anunciou que participará en plataformas e protestas sociais. Ten previsto implicarse en política?

Non teño unha formación que me permita meterme en temas políticos. Insinuóuseme algunha vez, pero para todo hai que ter formación. Necesitamos políticos profesionais. Creo que un presidente dun país non pode cobrar tan pouco, ten que cobrar  moito máis porque é o xerente da maior empresa, que é o propio Estado, pero ten que render contas. A súa contratación é pública e masiva a través dos votos, pero ten que estar á altura e, se non está, dimitir ou que nós poidamos prescindir dos seus servizos. Así é na vida real e así debería ser na política.

"Teño amigos que me din que se non tivesen fillos sairían á rúa a protestar; enténdoos, pero non me vale"

E agora que le o que se está a destapar da operación Pokémon, que pensa?

Penso o que todos. Antes de atleta son cidadán. Son os propios políticos os que o din e os que nalgún caso mo dixeron a min: "nós somos os responsables do desprestixio da clase política" Non pode ser que a maioría da sociedade aperte o cinto e eles non.

"Chegamos a unha situación na que todos precisamos  un cambio, e precisámolo xa"

Que percorrido lle agarda á súa carta?

O que eu escribín podería escribir calquera outra persoa, pero como o fixen eu tivo unha repercusión distinta. Eu son un cidadán máis e non quero que teña máis repercusión que unha carta aberta, sen máis. Que se interprete como unha crítica construtiva e non como algo que pretende facer mal. Chegamos a unha situación na que todos precisamos un cambio, e precisámolo xa.

Pedro Nimo, na maratón de Berlín CC-BY-SA Dirk Ingo Franke

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.