Interior culpa o Depor dos erros de seguridade malia recoñecer que avisou da viaxe dos ultras

Imaxe tirada dunha gravación dos feitos CC-BY-SA El Diario

A culpa é do Deportivo. Ou iso parece querer deixar claro o Goberno central. O secretario de Estado de Seguridade, Francisco Martínez, culpou o club galego de trasladar información "imprecisa" á policía sobre a viaxe dos Riazor Blues a Madrid, que acabou cunha enorme pelexa e co asasinato do afeccionado ultra branquiazul Francisco Romero Taboada, Jimmy, a mans do grupo neonazi do Frente Atlético.

O Goberno acusa o Deportivo de non dar información "precisa" sobre a viaxe dos ultras e destitúe os coordinadores de seguridade do club galego e do Atlético

Así, Martínez anunciou a destitución dos coordinadores de seguridade de Deportivo e de Atlético de Madrid durante a súa comparecencia na Comisión de Interior do Congreso dos Deputados, na que deu conta, xunto ao secretario de Estado para o Deporte, Miguel Cardenal, do que ocorreu o pasado domingo 30 de novembro a poucos metros do estadio Vicente Calderón.

O Sindicato Unificado de Policía (SUP) non tardou en criticar o cesamento do coordinador de seguridade do Deportivo, inspector ao que define como "magnífico profesional", ademais das "formas", xa que asegura que este se enterou da súa substitución "polos medios de comunicación". "É lamentable que se descargue a responsabilidade no elo máis baixo da cadea do Ministerio de Interior", aseguran nun comunicado, tras aclarar que o funcionario "trasladou en tempo e forma toda a información da que dispoñía".

De feito, o secretario de Estado leu integramente o correo electrónico remtido o xoves 27 de novembro polo coordinador de Seguridade da entidade coruñesa no que se indicaba que logo de falar "co xefe de seguridade do Deportivo parece ser que viaxarán uns 50 integrantes de Riazor Blues. Non podemos asegurar a compañía que os leva... O normal é que se despracen na mesma mañá do domingo". Ademais, asegura que ao día seguinte se informou por teléfono de que os ultras conseguiran algunhas entradas e asegurábase que "era posible" que se xutnasen cos Bukaneros.

O secretario de Estado confirma que o Deportivo advertiu da viaxe dos Blues, pero cre que a información non foi suficiente

As comunicacións confirman, xa que logo, que o Deportivo informou do desprazamento dos Blues -algo que asegurou tamén a policía na Coruña e a Delegación do Goberno en Galicia, malia que a Delegación do Goberno en Madrid e a policía na capital do Estado o negaran nun principio. Non obstante, para o secretario de Estado a información non foi dabondo e cualifícaa de "imprecisa". Por iso, e ante a ausencia de antecedentes violentos entra ambos os dous grupos, non se declarou de "alto risco" o partido.

Pero hai máis, xa que o secretario de Estado de Seguridade asegurou tamén que a Brigada Provincial de Información de Madrid informou de que o Frente Atlético quedara para almorzar nun bar a primeiras horas da mañá. Tampouco lle pareceu relevante ás forzas de seguridade, que non acudiron a vixiar o devandito almorzo. "A información dos clubs é inprescindible para que as forzas de seguridade poidan facer o seu traballo con rigor", argumentou. E continuou: "O Deportivo non transmitiu información detallada e concreta sobre o desprazamento dos Riazor Blues" e engadiu que se abrirá unha investigación sobre o procedemento polo que os ultras conseguiron entradas.

Malia que había indicios da viaxe dos Riazor Blues, coñecemento dunha quedada para almorzar de ducias de ultras e incluso que os ultras da Coruña conseguiran entradas, a policía non fixo nada. E a brutal pelexa acabou cun asasinato.

A resposta da oposición política foi inmediata. O PSOE -que pediu a dimisión da delegada do Goberno en Madrid, Cristina Cifuentes- lembroulle ao secretario de Estado que "tiña suficientes argumentos para tomar medidas". "Desde A Coruña advírtenlle que haberá desprazamento e saben que o Frente Atlético quedou ás sete da mañá", asegurou o representante do grupo socialista.

A oposición ao completo recriminou a actitude do Goberno; o BNG recrimina que nada se fixese malia saber da quedada de ultras do Frente Atlético

Ademais, o BNG, a través da súa deputada Rosana Pérez, recordou tamén que "houbo un asasinato". "Non se poden equiparar ambas afeccións; hai verdugos que seguen sen aparecer. En trinta minutos non se referiu ao Frente Atlético e podía ter un pouco máis de obxectividade", asegurou a parlamentaria nacionalista, que asegurou que a cidadanía "segue sen saber se houbo ou non quedada, pero si sabían que que había afeccionados que quedaran para almorzar ás 7 da mañá. Que pensaban que se ía facer? Non tomaron medidas de precaución", recriminou.

Xabier Errekondo, de Amaiur, preguntou "cantos expedientes se abriron polos cánticos do Frente Atlético sobre a morte de Aitor Zabaleta" e chamou "a atención" de que os comparecentes "non se referisen aos asasinos" deste grupo ultra. Ademais, IU cre que a comparecencia "soa a escusa" porque "hai cousas que fallaron en Madrid", mentres que Toni Cantó, de UPyD, asegura que non escoitou "nin unha soa asunción de responsabilidade... E algunha debe haber".

"A súa comparecencia soa a escusa porque hai cousas que fallaron en Madrid", di Izquierda Unida

Pero o secretario de Estado seguiu a centrarse nos billetes e afirmou que se venderon aos ultras 110 entradas "en dous paquetes de 50 e 60 entregadas aos Riazor Blues por parte da Federación de Peñas do club sen comunicarllo á Policía. Loxicamente, non coñece estas informacións impediu valorar axeitadamente o risco. Sen entradas, os afeccionados non se terían desprazado".

O Estado insiste en que foi unha pelexa "pactada" malia que fontes dos Riazor Blues insisten en que non foi así

Ademais, insistiu en que a pelexa foi pactada, malia que fontes dos ultras coruñeses insisten en asegurar que non e que a única posibilidade era que algúns deles si coñecesen unha posible liorta. "Se a pelexa foi catro horas antes é porque os dous grupos querían pelexar", dixo, tras asegurar que os "feitos lamentables" foron "orixinados por dous grupos radicais que de maneira voluntaria e consciente acordaron os acontecementos". Aïnda así, recoñecen que non hai "constancia documental" dese pacto para baterse.

Por outra banda, a Liga de Fútbol Profesional (LFP) enviará á Comisión Antiviolencia un informe sobre os cánticos no estadio de Riazor do pasado sábado, polo que o Deportivo podería ser sancionado.

Pancarta en recordo do ultra asasinado CC-BY-SA Praza Pública
Afección deportivista nun derbi galego en Riazor © Roberto Berdini

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.