0 Gardados para despois

Nin amigable da selección galega nin partido pola oficialidade

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A selección galega de fútbol tampouco xogará este Nadal. E nin tan sequera haberá desta vez o tradicional partido que o colectivo Siareir@s Galeg@s organizaba entre un conxunto galego e outro do exterior para reivindicar a oficialidade do combinado do país.

O presidente en funcións da Federación Galega de Fútbol (FGF), José García Liñares, confirmou a Praza que será "imposible" que a selección galega dispute este mes de decembro un partido amigable, tal e como tiña pensado e despois de que mantivese negociacións coas federacións catalá e madrileña para a celebración deste encontro.

O presidente en funcións da Federación Galega confirma que é "imposible" organizar o partido amigable da selección

A carreira electoral na que se atopa o organismo -que elixirá o vindeiro 18 de decembro un novo presidente e no que o principal rival do actual alcalde de Cerceda é o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán- facían xa "moi complicada" a organización deste encontro, co que se pretendía retomar o partido amigable que o combinado profesional galego celebrou durante catro anos a iniciativa do goberno bipartito. A volta do PP á Xunta puxo fin a unha tradición que durou ben pouco e que enfrontara a Irmandiña con Uruguai, Ecuador, Camerún e Irán.

A celebración do proceso electoral na FGF complicou as cousas, pero tamén o feito de que un dos principais valedores do regreso da selecicón galega se atope agora na procura dun futuro profesional. Así o recoñece Liñares. "Fernando Vázquez está negociando cun equipo da China; eu xa falara con el para organizar o partido pero agora todo se xuntou e as circunstancias fan que sexa imposible levalo a cabo", asume o presidente en funcións da Federación, que xunto ao ex adestrador do Deportivo achegara posturas coa súa homóloga catalá para disputar dous partidos ante o combinado catalán.

"Nin a nivel federativo nin a nivel político hai demasiado interese en que se fagan eses partidos, pero sería bonito porque dispoñemos dun grupo de rapaces en Galicia que sería interesente ver xogando xuntos", dixera Fernando Vázquez neste mesmo ano. A excelente xeración de futbolistas galegos que destacan no Celta ou no Deportivo, pero tamén noutros grandes clubs españois e europeos, terá que seguir agardando para disputar un encontro xunta.

O proceso electoral da FGF, o futuro de Fernando Vázquez e o clima político en Cataluña impediron a organización do encontro, segundo Liñares

"Tampouco me parecía o momento de enfrontarnos a Cataluña por todo o momento político que alí se vive; eu quería quitarlle calquera matiz político ao partido e na situación actual era moi difícil", engade Liñares, que intentou tamén a última hora, e sen éxito, a organización dun partido contra unha selección madrileña. "Se gaño as eleccións, en 2015 haberá partido da selección galega, iso seguro", di.

Quen si xogarán serán Cataluña e Euskadi, que disputarán un partido amigable o 28 deste mes de Nadal en San Mamés, onde conmemorarán o primeiro enfrontamento entre as dúas seleccións, celebrado o 3 de xaneiro de 1915. Galicia, pola contra, terá que volver agardar porque, desta vez, nin tan sequera haberá un partido reivindicativo de futbolistas afeccionados, como si ocorreu durante os últimos cinco anos, e que desde 2009 enfrontou un combinado galego con conxuntos de Paraguai, Palestina, Sáhara, Kurdistán e Occitania.

"Se gaño as eleccións á Federación, Galicia xogará un amigable en 2015", di o presidente en funcións e candidato

O colectivo Siareiros Galegos anunciou nun comunicado que "non se celebrará a tradicional xornada de reivindicación da oficialidade para as nosas seleccións". Aseguran que "a debilidade do colectivo, as dificultades para contar coa participación de deportistas e a falta de apoios", entre outros motivos, leváronos a desistir, aínda que advirten que consideran "vital continuar a reivindicar o dereito a competir de igual a igual co resto de pobos do mundo".

Ante estas dificultades, Siareiros asegura que a súa continuidade como colectivo "precisa dunha implicación social" e anima "a todos e todas a participar de forma activa da vida do colectivo e a dinamizalo". Por iso, a comezo do vindeiro ano celebrará unha asemblea aberta para "dar cabida a todas aquelas persoas interesadas en participar" dunha organización que leva anos pedindo a oficialidade dos combinados deportivos galegos.

Siareiros Galegos renuncia a organizar o partido reivindicativo pola súa "debilidade, a falta de apoio e as dificultades para contar con futbolistas"

"Non se pode negar que para nós supón unha mágoa non celebrar esta xornada, mais agardamos que esta sexa unha oportunidade para volver coller forza no camiño da oficialidade para a Galiza", rematan.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.