Dous meses e pouco despois do asasinato do afeccionado ultra do Deportivo, Javier Romero, Jimmy, os primeiros datos que se revelan do sumario que investiga os altercados acontecidos en Madrid apuntan cada vez con máis forza á emboscada por parte do Frente Atlético e non a unha pelexa pactada -como mantiveron fontes policiais e oficiais desde un inicio- entre ambos os dous grupos.
Datos revelados do sumario apuntan á emboscada por parte do Frente Atlético e non a unha pelexa pactada
Diversos medios achegan xa datos dese sumario da operación Neptuno, que investiga os violentos incidentes do 30 de novembro antes do encontro do Deportivo no estadio Vicente Calderón, nos que parece claro que os radicais do Frente Atlético, xunto a outros doutros grupos ultras, quedaran para atacar os ultras coruñeses. TVE, no seu telediario deste xoves, advertiu de novidades da investigación da que se tira que "os Riazor Blues estaban a almorzar nun bar e foron sorprendidos pasadas as oito e media da mañá polos seus rivais".
"Empezaron a voar cadeiras, producíronse persecucións e o xa coñecido asasinato de Jimmy, ultra do Deportivo. O máis complicado para a policía foi identificar os catro autores materiais de morte", asegurábase na peza elaborada polo xornalista Xaquín López, acompañada de imaxes nas que se basearía a policía para deter os catro presuntos asasinos do seareiro deportivista, xa no cárcere.
Testemuñas aseguran que os ultras madrileños repartíronse coitelos de cociña para o ataque e que os Riazor Blues foron sorprendidos mentres almorzaban
Ademais, tal e como adianta a Cadena SER, declaracións de testemuñas recollidas nese mesmo sumario aseguran que membros do Frente Atlético repartíronse coitelos de cociña que un ultra ofreceu nunha bandexa dun bar achegado á zona da liorta. O testemuño dun afeccionado deportivista fala dun líder máis do grupo "que ía en cabeza todo o tempo e dirixía as accións dos demais cun pau de grandes dimensións" e doutra persoa que retaba a berros aos galegos "con dúas navallas tipo mariposa nas mans".
Tamén asegura esta testemuña que entre o grupo do Frente Atlético había individuos que poderían ser de orixe polaca e que apoiaría a versión dada por membros dos Riazor Blues -e por fontes do mesmo mundo ultra consultadas por este diario- que aseguran que na presunta emboscada terían participado elementos de extrema dereita estranxeiros, así como afeccionados radicais dos Ultra Boys -ultras do Sporting- ou mesmo un dos Ultras Sur, do Real Madrid, que tería agochado material para a pelexa nun vehículo.
Ultras asturianos terían sido recollidos nun hotel por un membro do Frente Atlético ás 6.30 da mañá
De feito, informacións do xornal Estrella Digital achegan datos que indican que un membro do Frente Atlético foi recoller ultras do Sporting de Gijón a un hotel ás 6.30 da mañá. Ás 7, segundo diversas informacións policiais, os seareiros radicais quedaran para almorzar, un dato que coñecía a policía pero que non evitou os altercados.
Os Riazor Blues seguen a defender que nesta ocasión tratouse dunha "emboscada neonazi" por medio dun grupo que ía armado con paus e barras metálicas, malia que os ultras do Deportivo protagonizaron nos últimos meses outras importantes pelexas, algunhas delas sabidas de antemán. Non semella que fose así neste caso e a investigación parece insistir na teoría de que os ultras atléticos agardaban os afeccionados galegos para atacalos con elevada violencia. Tal e como destacan fontes consultadas por Praza e outras achegadas á investigación, todos os feridos por arma branca pertencían á peña deportivista.
Os catro presuntos asasinos do afeccionado galego están xa na cade e hai outros 77 ultras en liberdade con cargos
Nun principio, a policía argumentou no uso dun coche lanzadeira conducido por membros de Bukaneros, ultras do Rayo, e na presenza de ultras doutros grupos de esquerda como clave para apuntar á quedada, pero fontes do mundo ultra aseguran que eses achegamentos son algo habitual nestas viaxes. Tamén se advertiu de que os Riazor Blues intentaran evitar a vixiancia da policía alugando o autocar a unha empresa de Lugo, algo habitual desde hai anos, que ademais saíu do centro da cidade da Coruña.
O Ministerio de Interior, que apuntou sempre á teoría da quedada entre grupos ultras, recoñeceu tamén que non tiña probas dese pacto para a pelexa e as mesmas fontes consultadas por Praza insisten en que os ultras do Deportivo foron sorprendidos por un "ataque neonazi" que acabou con varios feridos e co asasinato de Francisco Javier Romero, Jimmy, que sufriu unha malleira e foi lanzado ao río Manzanares.
Os catro presuntos autores do asasinato atópanse xa na cadea e hai, ademais, 77 ultras en liberdade con cargos, aínda que a policía espera deter máis persoas nas vindeiras semanas.