A selección galega de fútbol gaélico atópase xa en Abu Dhabi para participar no Mundial da disciplina. Será a estrea dun combinado galego nun campionato deportivo internacional oficial a través dos dous equipos, masculino e feminino, que debutarán o vindeiro venres 6 de marzo.
Con máis de 4.000 euros conseguidos a través dunha campaña de crowdfunding e coa achega do seu patrocinador -a Deputación de Pontevedra-, este grupo de 22 xogadores e xogadoras amateur -once en categoría masculina e once na feminina- disputarán xunto a equipos como Suráfrica, Arxentina ou Canadá estes Xogos Mundiais da GAA, o organismo que regula a práctica de todos os deportes gaélicos, enre os que tamén se incúen o hurling ou o camogie.
As seleccións masculina e feminina debutarán na mañá do vindeiro venres contra Suráfrica en Abu Dhabi
Será un campionato con partidos curtos de 20 minutos e no que se xogarán tres encontros por xornada ante a necesidade de apurar o tempo pola pouca disponibilidade duns participantes que tiveron que achegar cartos para a viaxe e que deberon pedir permiso nos seus traballos ou perder días de clase. Así, o vindeiro venres a selección galega masculina debutará ás 12 do mediodía, hora local, contra Suráfrica e xogará a continuación contra Arxentina e o combinado do Golfo Pérsico. O equipo feminino estrearase ás 12,30 tamén contra Suráfrica, repetirá ante o combinado pérsico e enfrontarase tamén a Canadá. En ambos os dous casos, buscarán un posto nas seminais que se disputarán o sábado 7.
Galicia debuta como selección oficial nun deporte que se empezou a xogar no país hai pouco máis de catro anos
A presenza de Galicia neste Mundial é histórica, non só para o fútbol gaélico, senón para o deporte galego en xeral, ao ser o primeiro combinado nacional recoñecido oficialmente. Todo comezou hai pouco máis de catro anos, cando un grupo de rapaces da Coruña puxo en marcha o primeiro equipo de fútbol gaélico do país. Os Fillos de Breogán comezaron unha aventura nun deporte irlandés, de 130 anos de historia pero do que pouco máis se sabía que semellaba unha mestura entre fútbol e rugbi. Impulsaron un club e soñaban con conseguir máis conxuntos cos que xogar. Na actualidade, esta disciplina conta cunha liga galega con 15 equipos (oito masculinos e sete femininos) afiliados na Asociación Galega e coa súa propia selección oficial recoñecida pola federación irlandesa que rexe este deporte a nivel global.
O éxito deste deporte en Galicia é único a nivel mundial. Nunha disciplina plenamente irlandesa, a maioría de equipos que hai fóra de Irlanda están compostos por xente da illa ou descendentes deles. En Galicia, o 99,9% dos xogadores son galegos e o que empezou como unha aventura mobiliza xa uns 250 xogadores e xogadoras cada fin de semana e de maneira totalmente afeccionada. De feito, un combinado galego e outro da Bretaña disputaron o primeiro partido entre seleccións nacionais da historia deste antigo deporte.
Xogadores da Estrada, Compostela, A Coruña ou O Grove representará a Galicia no Mundial
Entre os convocados para o Mundial hai xogadores do Irmandinhos da Estrada, dos Fillos de Breogán da Coruña, do Mecos e Mecas do Grove ou do Estrela Vermelha de Compostela. A TVG comprometeuse, tras unha petición do BNG, a dar cobertura aos partidos das seleccións galegas no Mundial, aínda que o seguimento en directo dos encontros parece complicado por televisión a día de hoxe. A súa emisión por internet non está asegurada tampouco.