0 Gardados para despois

A LFP prohibe mensaxes "políticas, sociais ou reivindicativas" nos campos de fútbol

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Documentos relacionados

A Liga de Fútbol Profesional (LFP), no seu intento por acabar coa violencia nos estadios, endurece as restricións de acceso aos estadios, así como os requirimentos para que un símbolo poida ser exhibido nun campo. Nun documento recibido polos 41 clubs de Primeira e Segunda División, convídaos a inscribir nun rexistro a todos as peñas de animación e tamén a todos aqueles colectivos que se denominan ultras e que, na maioría dos casos, non figuran na listaxe de seareiros ou nin tan sequera como colectivo de animación na lista de peñas dos equipos. 

A LFP pretende que os ultras, ou cando menos a súa simboloxía explícita, desapareza dos estadios

No intento por deter a violencia ultra -e cunhas medidas que se impulsaron e aceleraron tras o asasinato en Madrid do afeccionado do Deportivo Francisco Javier Romero Taboada, Jimmy- a LFP, da man do CSD, exixe uns cumprimentos aos clubs baseados na Lei contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte -reforzada hai cinco anos- e que nunca foi cumprida de todo. A idea é facer desaparecer o movemento ultra ou, cando menos, a súa expresión explícita nos campos, onde se fomentan bancadas de animación como as que xa hai no Santiago Bernabéu ou en Mestalla. 

No texto da LFP, prohíbese aos clubs manter cos ultras calquera tipo de relación de apoio, cobertura, dotación de infraestruturas ou xestión de entradas e desprazamentos. Ademais, controlará tamén aqueles colectivos de seguidores que sen estar nas listaxes manteñan de maneira notoria non xa a súa presenza nos campos de fútbol senón tamén a través de páxinas web, contas en redes sociais ou se dediquen á venda de material identificativo do grupo. E esixe aos clubs que lles impida o acceso aos estadios. Nada que poña ultra poderá pasar e calquera elemento que se exhiba no interior do recinto deportivo "debe ser coñecido polo club organizador"

A LFP advirte que incumprir co rexistro solicitado aos clubs suporíalles a estes responsabilidades xurídicas. E a orde é non só que os grupos ultras non queden á marxe deses rexistros, senón que non volvan actuar como o viñan facendo até o de agora os estadios. Que haxa bancadas de animación, pero sen ultras. En Galicia, os Celtarras -que non se consideran ultras- enviaron xa a documentación requirida polo Celta para a súa regularización, segundo o club. No Deportivo, a situación semella moito máis complexa, non só porque os Riazor Blues non son nin tan sequera unha peña rexistrada na listaxe oficial, senón polo enfrontamento que este colectivo mantén coa nova directiva.

A LFP limita o recinto deportivo ás "expresións de apoio ao club" e "en ningún caso" a simboloxía "política, social, relixiosa ou reivindicativa"

Pero o documento supón tamén outras medidas polémicas máis aló das que afectan aos grupos ultras. Así, nun dos seus apartados, a LFP asegura que "o interior do recinto deportivo debe quedar para as expresións de apoio ao club no campo deportivo, e en ningún caso se permitirán pancartas ou elementos análogos ou similares de carácter comercial, político, social, relixioso ou reivindicativo, que son alleas ao deporte". E mesmo recomenda que esta medida "se recolla nos regulamentos internos de cada club ou SAD". 

A dúbida xorde agora en saber cal será o límite, xa que no caso de que a norma se aplique estritamente, unha bandeira de Nunca Máis -cuxo lucimento mesmo futbolistas galegos impulsaron por exemplo a pasada tempada-, o chamamento a unha manifestación e calquera reclamación social ou política podería ser vetada nun estadio de fútbol. 

O texto da LFP impide pasar aos estadios con rolos de papel hixiénico "porque xuntándoos poden supoñer un risco para a seguridade"

Esta polémica orde da Liga chega tamén  despois de que afeccionados de Celta e Deportivo se queixasen en numerosas ocasións do veto ás bandeiras nacionalistas galegas en diferentes estadios, algo que lle valeu incluso o reproche do Valedor do Pobo ao Goberno central, que xustificara a súa prohibición. Ademais, foron moitos os seareiros que denunciaron os devanditos vetos a certos símbolos, mentres se podían ver en numerosos estadios simboloxía fascista.  Ao tempo, o presidente da Liga de Fútbol Profesional, Javier Tebas, amosa a súa conformidade con que a final da Copa do Rei sexa suspendida no caso de que se asubíe o himno de España. 

O texto da LFP aos clubs complétase ademais cunha serie de medidas xerais nas que se prohibe a entrada a un estadio con paraugas de punta metálica ou con rolos de papel hixiénico porque, segundo a Liga, "en pequenas cantidades pode ser inocuo, pero unha vez no interior, e xuntándoos, poden supoñer un risco para a seguridade". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.