Máis de 10.000 sinaturas para que o Deportivo recupere o seu equipo feminino. Esa cantidade foi a reunida por un afeccionado deportivista nunha campaña levada a cabo a través da plataforma Change.org e na que se solicita ao consello de administración do club que poña en marcha o conxunto feminino, tal e como prometera o actual presidente, Tino Fernández, durante a campaña electoral á presidencia.
Un seareiro reuniu 10.000 sinaturas para que o presidente do Deportivo cumpra a promesa de crear o equipo feminino
Na petición, que será enviada xunto aos milleiros de firmas ao consello do club, faise alusión aos logros históricos do equipo, á igualdade de oportunidades para as mulleres, á falta de oportunidades de moitas rapazas para xogar nun dos grandes de Galicia ou ás vantaxes que suporía tanto para a entidade como para a cidade e Galicia contar cunha sección feminina no Deportivo. Pero tamén se recorre á figura de Verónica Boquete, "a mellor futbolista española do momento, unha galega moi orgullosa de selo que é un espello inmellorable no que se poden mirar as mozas da nosa terra, o exemplo de que con esforzo e humildade todo se consegue".
Foi precisamente Vero Boquete unha das primeiras asinantes do manifesto. A futbolista, que actualmente milita no Fránkfurt, sempre apostou por que Celta e Deportivo creasen os seus equipos femininos, algo que "sería un gran paso adiante" para o fútbol feminino en Galicia e que "non lles suporía nada aos clubs". "Outros equipos galegos xa o están facendo e non lles vai mal", dicía nunha entrevista en Praza.
A figura de Verónica Boquete é un dos reclamos para destacar as vantaxes de contar cun equipo de mulleres
Cristian Villaverde, impulsor da campaña, non nega que foi a xogadora compostelá unha das súas grandes inspiracións para empezar a recoller sinaturas. A súa figura e tamén o feito de que "as opcións reais das nenas e mulleres galegas de xogar profesionalmente ao fútbol estean moi lonxe da nosa terra, tendo que emigrar a Euskadi,Catalunya ou Madrid". "Iso desanima as rapazas, xa que teñen que renunciar a moitas cousas, mentres que os nenos teñen todas as facilidadedes ao contar con entidades deportivas de primeiro nivel", explica.
Unha vez reunidas as 10.000 sinaturas marcadas como obxectivo, seranlle enviadas ao consello de administración do Deportivo, xunto coa proposta que, tal e como lembra Villaverde, "coincide cunha promesa electoral do actual presidente". Sabe que a precaria situación económica do Deportivo, así como as prioridades deportivas do primeiro equipo, dificultan o reto, pero está convencido de que o patrocinio sería a solución. "Estou 100% convencido de que moitas empresas coruñesas e galegas apoiarían a iniciativa, porque lles daría maior reputación entre unha sociedade que busca constantemente rachar as barreira da desigualdade". De feito, mesmo non descarta contactar con compañías interesadas e presentar a súa proposta xunto as sinaturas.
O impulsor da campaña está "convencido" de que habería empresas interesadas nun patrocinio que faría rendible a creación do equipo
Villaverde ten claras as vantaxes que suporía a creación do Depor feminino, algo que cre que sería "positivo para os clubs que xa existen, tanto na ciade como no resto de Galicia", pero sobre todo para que "aumente o número de nenas galegas que queiran dedicarse ao fútbol e facer deporte". Recoñece, non obstante, que a aparición do conxunto branquiazul podería xerar "dúbidas", por exemplo, nos dous equipos femininos que ten A Coruña en categoría estatal: o Orzán e o Victoria. "Aínda así, creo que finalmente sería tamén beneficioso para eles", di.
A petición, no caso do Deportivo, ten un compoñente aínda "máis simbólico" polo pasado exitoso que o equipo feminino branquiazul -o Karbo Deportivo- tivo non hai tanto tempo. Fundado a finais dos 60, pasou en 1980 a ser a sección feminina do club coruñés e un dos grandes impulsores do deporte entre as mulleres na Península. Gañou cinco copas (dúas delas de carácter oficioso e as tres primeiras oficiais entre os anos 83 e 85) e foi subcampión do torneo das Sete Nacións tras perder ante o Borussia. Ademais, foi a base da primeira selección galega feminina, campioa de España en 1985 tras vencer a Euskadi no Camp Nou.
A proposta alude tamén aos éxitos do Karbo Deportivo, que gañou cinco copas e foi o mellor equipo do Estado nos 80
Naquel equipo xogaban figuras como Lis Franco -filla do mítico xogador deportivista dos 50, Rafael Franco- ou Pilar Neira, seleccionadora galega de fútbol e fútbol praia. A repercusión daquel conxunto na Coruña foi fonda e amplificouse nas portadas logo de gañarlle un partido ao equipo masculino do Laracha (4-2). En 1988, xusto antes de que se crease a Liga feminina, a falta de apoios acabou co Karbo Deportivo e o club coruñés non volveu propoñer a súa recuperación, nin tan sequera nos seus maiores anos de gloria.
"Algunhas das persoas que non son tan optimistas coa proposta dinme que non había necesidade real da sección feminina, xa que o Karbo non tivo continuidade no tempo e ninguén o volveu mencionar, pero creo que temos que ter presente un feito indiscutible: as nenas e mulleres que asisten aos partidos de fútbol en Riazor e as que practican o fútbol a diario na cidade e na provincia aumentaron considerablemente dende aqueles anos", explica Villaverde, que cre que, "precisamente por iso, o Dépor feminino é necesario para a nosa terra".
Agora, dependerá do Deportivo a decisión. Cristian Villaverde agarda o apoio social -que xa comprobou en forma de sinaturas e que non chegou só de deportivistas senón de centos de defensores do fútbol feminino de toda Galicia- pero tamén empresarial para asentar o proxecto. "É seguro que non é imposible porque o programa electoral do actual presidente do club aclara a vontade de formar o equipo", insiste. Cando? "Supoño que depende da economía", remata.