O regreso triunfal dunha atleta que quixo ser nai

Vanessa Veiga, durante o campionato de España de maratón CC-BY foroatletismo.com

Vanessa Veiga (Gondomar, 1979)  completou un imposible. Ou case. A Federación Española de Atletismo confirmoulle esta mesma semana a súa praza no equipo de maratón para os Xogos Olímpicos de Londres. Era unha noticia sabida logo da súa vitoria no campionato de España da especialidade o pasado mes de decembro, un triunfo que chegou logo de sete anos retirada do deporte e pasados xa os 30 anos.

Porque esta atleta galega, residente en Toledo, decidiu deixalo con 24 anos. Casada co plusmarquista español de maratón, Julio Rey, trasladouse á capital manchega sendo xa unha promesa do atletismo, como campioa española júnior de cross e promesas e con toda unha carreira por diante. Pero quería ter fillos. "Decidín que iso era máis importante", conta. Tivo tres -dúas nenas e un neno- e o deporte de elite quedou a un lado. Pero un día dixo que quería volver. “Ao meu marido non lle fixo moita graza, non o tomou ben”, di Veiga, que lembra como a súa familia consideraba imposible que volvese ter un nivel nin tan sequera semellante ao dos seus inicios. “Non querían que sufrise nin que levase paus, pero meu sogro miroume a cara e desde o día seguinte púxose a traballar comigo”, conta.

Sendo unha promesa do atletismo, decidiu deixalo para ter fillos. Tivo tres e volveu á elite sete anos despois

O seu sogro era e segue sendo o seu adestrador, o home que a convenceu de que era posible estar en Londres neste verán. “Nin se me pasaba pola cabeza chegar aos Xogos”, recoñece unha atleta que nunca disputara un maratón até hai pouco máis dun ano. Volveu probar no cross, pero un problema físico “derivado da presión”, convenceuna para centrarse no asfalto. “Gozaba máis desas carreiras e todo o mundo me dicía que tiña as característicias ideais para correlas; dáseme ben, teño cualidades e son moi traballadora, así que ao final as cousas tiñan que saír”, di entre risas.

"Decidín correr un medio maratón para probar", recoñece. Gañou o campionato de España

Pero sabe que a súa situación foi e é “moi atípica”. “Estiven moito tempo afastada do deporte e decidín correr un medio maratón para probar e sorprendeume o resultado porque case non adestrara”. Gañou o campionato de España. Foi daquela cando se propuxo dar o salto aos máis de 42 quilómetros da proba máis mítica do atletismo. “Prepareime e decateime de que podía loitar por unha praza olímpica; o obxectivo era conseguir a marca mínima, nada máis”, asume.

E abofé que a conseguiu. Gañou o campionato de España de maratón na súa primeira carreira e acadou praza directa para os Xogos Olímpicos. Sete anos e tres fillos despois. E non se conforma. “A verdade é que na carreira non sufrín o que pensaba que se tiña que sufrir”, chega a dicir, o que lle dá máis folgos de cara ao futuro. Desde o pasado mes de decembro, o seu adestramento só ten Londres como obxectivo, ademais de mellorar unha chea de detalles nos que unha corredora afeita ao cross nunca reparara. “Acumular máis quilómetros, mellorar a forza... Agardemos que no verán todo este traballo dea resultados”.

"Cada persoa está predestinada a facer algo ou ter un don nesta vida"

Sabe que é admirada e que, no seu caso, falar de conciliación laboral é case unha milagre. “Non sei nin como fixen, nin como fago... Supoño que se me aparecería a Virxe”, asegura. “Cada persoa nesta vida está predestinada a facer algo ou ten un don para algunha cousa; todo o mundo me dicía que tiña moita clase para correr, pero nun momento decidín que era máis importante ser nai. Cando crin que tiña máis tempo libre, volvín ao atletismo, pero con moito traballo e esforzo”, recoñece. O mesmo que require agora compaxinar adestramentos e coidado familiar.

“Cóstame moito, pero son unha persoa moi organizada; deixo os rapaces ás nove no colexio, recollo a casa e marcho adestrar”. Así día tras día, unha xornada que non podería levar a cabo sen a axuda “do marido, dos sogros e dos pais”. “Con eles todo é máis doado; adaptan os seus horarios a min e o feito de que meu home tivese experiencia no deporte axuda moito porque sabe perfectamente o duro que é”, aclara, tras recoñecer que os méritos dos seus triunfos non son seus, “senón dun equipo”. “Se eles non me botasen as mans que me botan, eu non podería facer nada disto”, insiste.

"Hai algún tempo diría que me conformaba con competir en Londres, pero agora non; darei o 400%"

Agora, e malia que cre “tecnicamente imposible” optar a unha medalla, Vanessa Veiga non se rende. “Se me preguntases hai tempo, diríache que me conformaba con estar en Londres, pero agora non é así; quero chegar alí no mellor momento de forma da miña vida e para logralo estou sacrificando moitas cousas; non me conformo con nada”, explica, tras aclarar que un maratón “é unha carreira moi longa, onde dous e dous non son sempre catro”. “O importante é mellorar a miña marca, pero non me marco unha meta porque darei o 400% do meu corpo”, advirte unha atleta e nai que sabe que compartirá equipo con outra galega, Alessandra Aguilar, que non ten a praza confirmada debido a unha sanción que rematará de cumprir en poucos días.

Se non hai sorpresas, compartirá equipo de maratón con outra galega, a lucense Alessandra Aguilar

“Alessandra sempre a considerei unha fixa no equipo porque sempre foi a mellor maratoniana, con diferenza; se logra conseguir un estado de forma igual, parecido ou incluso algo menor ao habitual, a praza é súa”, aclara quen entende que o tempo de espera sexa “unha tortura” para a atleta lucense. Xa non o é para ela, que dedicará calquera éxito aos seus cativos. A aqueles que “aínda non son moi conscientes do que supón o que fago”, pero que xa se van decatando do mérito da súa nai. “Mamá, por que todos te admiran tanto?”, preguntoulle unha das súas rapazas hai pouco. É evidente.

Vanessa Veiga, durante o campionato de España de maratón CC-BY foroatletismo.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.