A selección de fútbol gaélico: a Galicia que si xoga un Mundial

Selección galega feminina de fútbol gaélico CC-BY-SA Futgal

Do 24 a 27 de xullo a selección galega de fútbol gaélico vai participar no Mundial de fútbol gaélico que este ano se celebra na localidade norirlandesa de Derry, onde Galicia tentará repetir os éxitos alcanzados no último Mundial en 2019, cando alcanzou a terceira posición na categoría feminina.

Nesta ocasión, como explica a Federación Galega de Fútbol (Futgal) -á que está adscrita desde hai algúns anos esta disciplina-, o combinado "duplica a súa presenza presentando catro equipos en competición". En total, unha expedición que rolda as 60 persoas "que queren mostrar, de novo, o potencial do fútbol gaélico galego que aspira ao máximo en todas as categorías".

Seleccións masculina e feminina de fútbol gaélico CC-BY-SA AGFG

A selección galega celebra os seus once anos de existencia no Mundial de Derry, o cuarto no que participa

A selección Galega de fútbol gaélico, que celebrará en Derry os seus once anos de existencia, ten competido en todos os mundiais e europeos celebrados ata esta data. "Todo un logro para un deporte 100% amateur por normativa e no que está prohibido cobrar diñeiro e no que todos os xogadores e xogadoras fan un enorme esforzo persoal e económico por defender internacionalmente as cores de Galicia", di a federación presidida por Rafael Louzán. 

Galicia tentará superar os éxitos alcanzados no anterior certame, de 2019, en que conseguiu un terceiro posto na categoría feminina. Os primeiros encontros serán o 24 de xullo entre a selección masculina galega contra Canadá e a feminina, que terá diante o equipo de Camboia.

A selección feminina foi campión de Europa en 2018 e bronce no Mundial de 2019; a masculina foi subcampioa do mundo en 2015 e terceira en 2016

Será o cuarto Mundial de fútbol gaélico para Galicia, que anteriormente xa competiu nas edicións de 2015 (Abu Dabi), 2016 (Dublín) e 2019 (Waterford). Os mellores resultados foron o subcampionato dos mozos en 2015 e o terceiro posto de 2016, mentres que a selección feminina logrou a medalla de bronce no Mundial de 2019, ao ano seguinte de conquistar o Europeo 2018.

Foi en 2015 cando Galicia entrou na historia ao ser o primeiro combinado nacional do país recoñecido nun campionato oficial. Debutara, acadando aquel subcampionato masculino logo de caer a última hora na final ante Arxentina. En 2016, Galicia rematou na terceira posición da categoría masculina nos Xogos Mundiais da GAA -o organismo que regula a práctica de todos os deportes irlandeses- que se celebrou en Dublín, mentres que as rapazas venceran na final de consolación.

Selección galega masculina de fútbol gaélico CC-BY-SA Futgal

O fútbol gaélico deulle a Galicia a primeira selección oficial en competicións internacionais

En 2012, no campo do Cadaval de Narón, a selección galega fixera a súa estrea e, xunto a selección de Bretaña, fixo historia ao disputar o primeiro partido entre seleccións nacionais da historia deste antigo deporte, que non saía das fronteiras irlandesas máis que aló onde había descendentes da Illa. 

Con esta nova participación, Galicia confirma o seu posto na elite e a importante e espectacular historia do fútbol gaélico no país. Todo comezou en 2011, cando un grupo de rapaces da Coruña puxo en marcha o primeiro equipo desta disciplina no país. Os Fillos de Breogán comezaron unha aventura nun deporte irlandés, de 130 anos de historia pero do que pouco máis se sabía que semellaba unha mestura entre fútbol e rugby. Impulsaron un club e soñaban con conseguir máis conxuntos cos que xogar.

A Coruña impulsou hai máis dunha década un deporte descoñecido que agora conta con ligas masculina e feminina e unha selección recoñecida oficialmente

Na actualidade, este deporte conta cunha liga galega masculina e feminina con máis de dez clubs afiliados na Asociación Galega e coa súa propia selección oficial recoñecida pola federación irlandesa que rexe o gaélico a nivel global. Ademais, segue a asentarse como competición, espallando o deporte por numerosas localidades como Ourense, A Estrada, Vigo, Lalín, A Coruña, Poio ou Gondomar. 

Ademais, Pontevedra e Poio acolleron o pasado ano o Euro Gaelic Footbal Cup da disciplina, na que participaron máis de vinte equipos e máis de 400 persoas e onde as seleccións galegas obtiveron tamén importantes resultados. Neste mesmo ano, Vigo acolleu o Campionato Ibérico de clubs. 

As seleccións galegas de fútbol gaélico celebran unha vitoria CC-BY-SA Futgal

O éxito deste deporte en Galicia é único. Nunha disciplina plenamente irlandesa, a maioría de equipos que hai fóra de Irlanda están compostos por xente da Illa ou descendentes deles. En Galicia, practicamente a totalidade dos xogadores son galegos e o que empezou como unha aventura mobiliza centos de xogadores e xogadoras cada fin de semana, con cadansúa licenza e de maneira totalmente afeccionada. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.