Miguel Pardo

Unha ducia de propiedades da Casa de Alba en Galicia

Cayetana Fitz-James Stuart, na súa denominación máis reducida, ou a duquesa de Alba -e condesa de Lemos-. Tras o seu falecemento deixa un patrimonio difícil de calcular, aínda que a revista Forbes estímao nuns 3.000 millóns de euros entre palacios, castelos, terras, obras de arte ou valores bursátiles, ademais de 51 títulos nobiliarios. Algunhas desas propiedades da Casa de Alba atópanse en Galicia, aínda que foron varias as que cedeu a diferentes organismos ou administracións unha duquesa que non visitaba o país desde os anos 60. A mesma que non pagaba impostos polo 90% do seu patrimonio e que cobrou importantes subvencións en fondos europeos a través da PAC.

  1. 01

    A fortaleza de Castro Caldelas

    É a máis antiga das propiedades que tiña a duquesa en Galicia. A fortaleza foi construída no século X sobre un asentamento celta e pasou ás mans da Casa de Alba en 1794. Foi cedida por 50 anos ao Concello e emprégase como oficina de Turismo, biblioteca ou museo etnográfico.

  2. 02

    Castelo de Moeche

    É un castelo medieval do século XIV e un dos escenarios principais das revoltas irmandiñas, que aínda se conmemoran cada verán. Está situado na parroquia de San Xurxo, na cabeceira do val que ten aos pés. Foi cedido ao Concello en 2006 durante trinta anos logo do acordo que se alcanzara anos antes coa Xunta.

  3. 03

    Castelo de Naraío

    É un castelo medieval situado ao pé do río Castro, na parroquia de Santa María de Naraío (San Sadurniño). Logo do seu abandono no século XVII foise irmandando co hábitat que o rodea, chegando aos nosos días como unha romántica ruína ao pe do río Castro e atópase nun réxime semellante ao de Moeche.

  4. 04

    Castelo de Andrade

    Tamén coñecido como fortaleza da Nogueirosa, é outro castelo medieval, que foi denominado nalgún tenpo o castelo da Fame. Desde a súa orixe sempre estivo moi vinculado á familia dos Andrade. Atópase en ruínas, foi construído en 1337 e tamén foi cedido ao Concello de Pontedeume durante varias décadas. Non debe confundirse coa Torre dos Andrade, situada no centro da vila.

  5. 05

    As Covas de Dona Urraca

    Son os restos dunha primitiva fortaleza en Salvaterra do Miño. É  unha especie de palacio, con planta en forma de L e unhas escaleiras únicas dobres en forma de caracol. A través dun corredor Dona Urraca podía entrar e saír do castelo sen ser vista, de aí o nome que reciben na actualidade.

  6. 06

    Castelo de Monterrei

    Otero Pedrayo bautizou este conxunto como "a acrópole da fidalguía". O castelo foi cedido ao Estado e logo traspasado á Xunta en 2009. O Goberno galego proxecta convertela nun hotel de luxo, o que levantou unha fonda polémica en toda a comarca.

  7. 07

    Torre da Homenaxe

    A Torre da Homenaxe forma parte do conxunto monumental do mosteiro de San Vicente do Pino. Dende ela pódese contemplar todo o Val de Lemos e a Casa de Alba desfíxose dela para traspasala en 2003 a Paradores, que á súa vez cedeuna pouco despois ao Concello de Monforte, ao igual que ocorreu co Palacio Condal.

  8. 08

    Colexio do Cardenal

    Coñecido como o Escorial galego, pasou a mediados do século XVIII a ser propiedade da Casa de Alba, que  o cedeu en 1873 aos Padres Escolapios, que o emrpegan como colexio en Monforte de Lemos.

  9. 09

    Castelo de Vilalba

    A Torre do Castelo dos Andrade ou Torre dos Andrade é o que queda do Castelo de Vilalba, construción que tivo as súas orixes na familia dos Castro no século XI. A imaxe actual é resultado da reconstrución feita no século XV polo conde de Vilalba Diego de Andrade. A principios do século XX, a Casa de Alba vendeuno a un particular e desde oas anos 60 é partE do Parador de Turismo e, polo tanto patrimonio do Estado.

  10. 10

    Castelo de Doncos, é ou non é?

    A Casa de Alba deu a coñecer, non hai moito, que o Castelo de Doncos non figuraba entre as súas propiedades, malia que así o pensaba incluso a administración local do Concello onde está situado, As Nogais, que se dirixiu á familia noble ante o grave deterioro que tiña o edificio que logo foi reclamado por un monfortino que di ser descendente dos seus donos.

  11. 11

    Os títulos nobiliarios

    A duquesa de Alba era condesa de Lemos, de Andrade, de Vilalba, de Ribadeo e de Salvaterra e tamén marquesa de Sarria, aínda que a última vez que visitara Galicia fora en 1964 a Verín.

  12. 12

    ... E moitas terras

    Cada vez que se fala das propiedades da Casa de Alba remátase dicindo que ademais de castelos e fortalezas, tamén posúe "moitas terras". E será, pero sabe alguén cales son e onde están?