Unha ducia de festivais do verán 2016 en Galicia
Efectivamente, faltan moitos nesta lista. Esta fin de semana, a primeira do verán, é tamén o sinal de saída para unha lista practicamente interminable de citas festivaleiras por todo o país, de múltiples estilos e para todos os petos, condicións e gañas de festa. Só o don da ubicuidade permitiría pasar por todos, así que velaquí vai unha peneira (tamén nos podes contar nos comentarios os que botas en falta).
-
01
Atlantic Fest e Asalto ao Castelo
1, 2 e 3 de xullo. O herdeiro do Festival do Norte, o Atlantic Fest, prende os focos festivaleiros deste verán dende a Illa de Arousa cun cartaz ben diverso, a comezar por Malandrómeda e a seguir por Tindersticks, Xoel López ou Nacho Vegas. Na mesma fin de semana o Asalto ao Castelo de Vimianzo, patrocinado por Praza Pública, combina a loita irmandiña cun cartaz musical de primeiro nivel: Ses, Celtas Cortos, Firkin, Spin te Kú e Quempallou
-
02
Resurrection Fest e Música na Noite
7, 8 e 9 de xullo. Na segunda fin de semana de xullo Viveiro convértese, co Resurrection Fest, no epicentro mundial do heavy, do rock e de todos cantos derivados se poidan imaxinar. Na súa undécima edición a referencia festivaleira da Mariña ten a Iron Maiden encabezando o seu cartel. Quen prefira os decibeles a outro ritmo, ese sábado, 9 de xullo, hai unha cita coa Música na Noite en Teo, cuxa edición deste ano está dedicada ás persoas refuxiadas. Polo escenario do concello lindeiro a Santiago pasarán Malandrómeda, Zurrumalla, Barbitúricos, O sonoro maxín e Airiños do Maycar.
-
03
Ortigueira e Portamérica
14, 15, 16 e 17 de xullo. Na terceira fin de semana de agosto é a quenda para a que xa é, dende hai tres décadas, unha das grandes citas do verán galego. O Festival de Ortigueira, que nos últimos anos está a facer un esforzo por volver ás súas raíces, ten entre ano entre os principais nomes do seu cartaz a Susana Seivan e MIlladoiro, xunto a relevantes grupos de Irlanda, Bretaña e Escocia. Nun rexistro completamente diferente celébrase esa fin de semana, os días 15 e 16, o Portamérica de Nigrán cun menú ben variado, de Molotov a Bunbury pasando por Love of lesbian e este ano, ademais, cun importante compoñente gastronómico.
-
04
Sinsal San Simón e Festigal
22, 23, 24 e 25 de xullo. As opcións na contorna do 25 de xullo son practicamente incontables, e tamén inclúen citas de festivais. O día 22 bota a andar un dos festivais máis especiais e misteriosos do país, o Sinsal San Simón, unha cita en pequeno á que, evidentemente, cómpre acudir en barco e na que o público descoñece os grupos que vai ver ata que chega á illa. Despois da paz en plena ría de Vigo cabe a opción de coller rumbo norte para gozar do Día Nacional de Galicia en Santiago e aproveitar as festas do Apóstolo e tamén o Festigal, que desta volta trae a Kepa Junkera e aos Poetarras entre os seus cabezas de cartel.
-
05
Antrospinos e Nordestazo
29 e 30 de xullo. Agosto pecha con sons diversos cara á banda atlántica. O día 29 bota a andar unha nova edición do Antrospinos en Taragoña (Rianxo), con corenta e oito horas de música e matraquillos con Familia Caamagno, Superoito ou Noite Fechada como Banda Sonora. O día 30 o rock é protagonista no Nordestazo de Malpica, desta volta con, entre outros, dous clasicazos da música galega: Heredeiros da Crus e Diplomáticos de Monte Alto.
-
06
30 anos de Noroeste
Do 2 ao 7 de agosto. O Noroeste da Coruña fai 30 anos de historia e xa ten confirmadas máis bandas que anos leva sendo protagonista do verán musical da cidade. O trixésimo Noroeste trae consigo unha morea de nomes de bandas galegas e internacionais, algunhas delas aínda por coñecer.
-
07
A Pardiñas ou a Zas?
5, 6 Un dos dilemas clásicos do verán galego. A Pardiñas ou a Zas? Dúas das citas máis senlleiras, unha cara a costa, outra cara á Terra Chá e ambas o 6 e 7 de agosto. A Festa da Carballeira de Zas combina este ano grupos galegos como a Banda Crebinsky, Ruxe Ruxe ou a Orquestra Os Modernos cos xa míticos Mägo de Oz. O festival chairego organizado pola asociación Xermolos, pola súa banda, tamén conta cos Crebinsky no seu cartaz, no que tamén destacan Mini e Mero e mais Xabier Díaz coas Adufeiras de Salitre.
-
08
Sonrías Baixas
Por se non fose dabondo con Pardiñas e Zas, neses días hai tamén a opción de coller rumbo ao Morrazo e parar en Bueu, no Sonrías Baixas. Desta volta, con grupos galegos actuais como Chotoko Eu ou Poetarras xunto a verdadeiros clásicos como os Lehendakaris Muertos, Boikot ou La Pegatina.
-
09
Why not here? e V de Valarés
11, 12 , 13 e 14 de agosto A mediados de agosto consúmase na Mariña o nacemento dun novo festival, o Why not here fest, en Foz, cun cartal que xunta clásicos do rock e do pop con grupos galegos recoñecidos. Así, polo festival focego pasarán Macaco, Loquillo, Los Suaves, Mägo de Oz ou Soziedad Alkoholika. Do 12 ao 14 é a quenda en Ponteceso para o V de Valarés con grupos e artistas como Kula Shaker, León Benavente ou Belako.
-
10
Revenidas
19, 20 e 21 de agosto O festival de Vilaxoán medrou durante anos en xullo e consolídase agora en agosto. Á espera do peche definitivo do cartaz, xa está confirmada a presenza en Revenidas de bandas como O Sonoro Maxín, Os Tres Trebóns, Familia Caamagno, Malandrómeda ou Falperrys. Todos eles acompañados, por suposto, polas correspondentes sardiñas.
-
11
Armadiña rock
26 e 27 de agosto. Vai rematando agosto, pero non a música. Hai rock en Combarro co Armadiña Rock, este ano cun cartaz encabezado por Siniestro Total, Banda Basotti e Terbutalina
-
12
Son agrogay!
26 e 27 de agosto O Festival Agrogay da Ulloa, en Monterroso, chega á súa terceira edición a medio camiño entre a festa e a reivindicación da diversidade sexual e afectiva. Davide Salvado coa Banda das Crechas, As Fillas Bravas, Orquestra Os Modernos ou Pandereteiras Bouba son algúns dos nomes xa confirmados para unha cita que, en tres anos, xa se vai facendo imprescindible.