Miguel Pardo

Unha ducia de protagonistas de ida e volta en #onosoderbi

Non son poucos os xogadores que, ao longo da historia, vestiron as camisolas dos dous grandes clubs galegos. Algúns, como Pahíño, son mitos de Celta e Deportivo, e hai casos de vigueses e coruñeses que se converteron en lendas non na cidade onde naceron, senón na do equipo rival. Álvaro Lemos, canteirán branquiazul, e Joselu Mato, da base celtiña, son os dous últimos casos dun camiño de ida e volta que foi moito máis común do que se cre. 

  1. 01

    Catro 'tránsfugas', a orixe da rivalidade

    O Celta fundouse en 1923 tras a fusión do Vigo e do Fortuna, unha unión que aproveitaron catro xogadores daqueles equipos (Isidro, Otero, Chiarroni e Ramón González) para fichar polo Deportivo, que nacera en 1906. Aí sitúan moitos a orixe da rivalidade. A familia de Otero, convertido logo en mito branquiazul, sufriu o boicot no ultramarinos que tiñan na cidade olívica. O futbolista asentouse na urbe coruñesa e acabou rexentando un histórico bar. 

    O conflito acabou coa descalificación do cadro coruñés por aliñación indebida no campionato galego. Houbo que esperar ata o 9 de novembro de 1924 para vivir o primeiro derbi galego, que destacara polo bo comportamento das afeccións. 

  2. 02

    Pahíño, un rebelde idolatrado en ambas afeccións

    Pahíño foi un deses futbolistas elevado a mito aló onde xogase. Tanto que é igual de idolatrado pola historiografía celtista como pola deportivista. Co club da súa cidade anotou 56 goles en catro campañas e co coruñés, 46 en tres tempadas. Co Celta comezou a súa carreira na elite, alcanzando o trofeo Pichichi no ano 48 e disputando unha final de Copa. Co Deportivo, encheuse tamén a marcar goles, colaborando na primeira vitoria branquiazul no Bernabéu con dous tantos e conformando algunha aliñación histórica xunto a figuras como Arsenio, Luís Suárez ou Acuña.

    Manuel Fernández Fernández, Pahíño, vigués da parroquia de San Paio de Navia, foi afastado da selección española logo de rir ante os ánimos dun militar que aludía á "españolía" dos xogadores. As súas ideas de esquerda, a súa rebelión ante a ditadura e a súa afección pola literatura convertérono nun mito máis aló do fútbol. Un rebelde que desafiou o franquismo

  3. 03

    Moll, un charrúa afincado en Galicia

    Lenda do Deportivo, formou parte da ilustre Orquesta Canaro e do equipo que quedou subcampión de Liga en 1950. Dagoberto Moll chegou con 22 anos ao club coruñés, onde xogou cinco tempadas ata que foi traspasado ao Barcelona da man dun tal Luís Suárez. Logo de cinco campañas en Catalunya, con diferentes equipos, regresou a Galicia para xogar un ano no Celta e volver logo a Riazor, xa en Segunda División. Asentado na Coruña, 

  4. 04

    'Zamorita', un ídolo celeste que acabou no Deportivo

    Un dos xogadores máis destacados do Celta dos anos 60. Nado no barrio vigués de Sárdoma, converteuse nun fixo nun equipo vigués no que loitou sen éxito por regresar á elite. Manuel Rodríguez Rial, Zamorita, marcou un total de 21 goles en 130 partidos co seu equipo de toda a vida. Enfadado ao entender que era pouco valorado pola directiva da entidade, aceptou unha boa oferta do Deportivo para disputar alí unha temporada na que o conxunto coruñés acadou o ascenso. Malia todo, abandonou A Coruña e tampouco logrou xogar en Primeira co rival. 

  5. 05

    Guimeráns, un vigués mito do Deportivo

    Vigués de nacemento, Manuel Guimeráns Correa desenvolveu a maior parte da súa carreira, e desde o seu inicio, no Deportivo da Coruña. Formou parte do equipo que fixo a súa estrea en Primeira e tamén do mítico conxunto que foi subcampión de Liga en 1950. Marcou máis de 50 goles cos branquiazuis en oito tempadas para logo xogar tres campañas no Celta, cunha polo medio como cedido no Racing de Ferrol. 

  6. 06

    Carlos Torres, coruñés que foi ídolo en Vigo

    Coruñés e fillo de Pepe Torres, un histórico xogador do Deportivo, Carlos Torres foi ídolo no Celta. Alí xogou máis de 100 partidos e anotou máis de 40 goles, todos eles en Primeira División. Logo destacou tamén no Espanyol, onde botou seis tempadas, para acabar no equipo de seu pai tras un paso polo Málaga. Na Coruña estivo tan só unha tempada e sufriu o descenso do club a Segunda. Con todo, a súa traxectoria foi destacadísima na elite, con máis de 200 partidos e 62 goles. 

  7. 07

    Domínguez, case 400 partidos entre Deportivo e Celta

    O defensa vigués José Domínguez Rial debutou co Celta con apenas 19 anos pero asentouse no fútbol profesional no Deportivo, onde disputou máis de 300 partidos durante once tempadas. Viviu a época de equipo ascensor do conxunto coruñés, alternando a elite coa categoría de prata. As últimas tres temporadas xogounas no club celeste. Entre ambos os dous grandes galegos, 380 encontros, a maioría deles cos da Coruña. 

  8. 08

    Uruguaio, galego, celtista... e xogador deportivista

    Uruguaio fillo de pai galego e nai suramericana, aos 14 anos asentouse coa familia en Galicia. Confeso celtista pola afección que lle inculcara seu pai, Gustavo Loureiro xogou catro tempadas no Celta e abandonouno amolado coa directiva ao considerar que non fora ben tratado logo de sufrir unha importante lesión. Malia as reticencias, fichou polo Deportivo, onde só outra lesión grave frustrou a súa carreira. Aínda así, disputou tres tempadas, a última delas na Primeira División. Antes, outras dúas na elite co conxunto vigués no final dos 80.

  9. 09

    Vicente Celeiro: un anaco da historia do Deportivo

    Vicente Celeiro (Vilalba, 1962) recoñécese “un caso atípico” ao non poder elixir entre o branquiazul e o celeste. Ex-xogador do Deportivo e do Celta, na Coruña segue sendo un mito. Un gol seu no tempo engadido salvou o equipo do descenso a Segunda B e, moi probablemente, da desaparición hai máis de 25 anos. Tras pasar por todas as categorías en Riazor, fichou polo eterno rival para rematar a súa carreira no Racing Vilalbés. Reside en Vigo e, malia declararse afeccionado de ambos os dous conxuntos, vive a rivalidade como poucos na súa propia casa. O fillo maior, coruñés, saíulle “un celtarra de todo”, o pequeño, vigués, é un orgulloso deportivista, tal e como lembraba nesta entrevista en Praza

  10. 10

    Fernando Vázquez, un adestrador recoñecido no norte e no sur

    Tres tempadas no Celta e dúas no Deportivo. En ambos os dous conxuntos teñen bo recordo do adestrador de Castrofeito, que pode presumir de ter dirixido a maioría dos mellores equipos galegos, xa que tamén estivo no Lugo, no Racing de Ferrol ou no Compostela, onde acadou os éxitos máis recoñecidos. Fernando Vázquez ascendeu a Primeira cos dous grandes galegos, no caso do club coruñés hai tan só dous anos e coa entidade nunha dificil situación económica. A súa destitución, pouco antes de empezar a temporada seguinte, foi mal recibida por unha boa parte da afección. 

  11. 11

    Lemos, o último canteirán do Deportivo fichado polo Celta

    Na canteira do Deportivo desde ben pequeno, este compostelán fichou este verán polo Celta. Sinalado por Fernando Vázquez na Coruña como un dos valores seguros do equipo branquiazul para o futuro, unha lesión rachou coas expectativas de Álvaro Lemos hai xa máis de tres anos. Cedido no Compostela, acabou recalando no Lugo, a quen o club vigués pagou uns 700.000 euros polo seu traspaso. Sen minutos na Liga, si conta para Berizzo na Europa League. 

  12. 12

    Joselu, o último reforzo do Dépor con pasado celtista

    O dianteiro de Silleda, criado na canteira do Celta, chegou este verán ao Deportivo para substituír outro galego, o coruñés Lucas Pérez que foi trasladado ao Arsenal. Logo de debutar co primeiro equipo celeste con tan só 18 anos, Joselu Mato foi mercado polo Real Madrid, onde destacou no filial. Deu o salto a Alemaña, onde naceu, e destacou no Hoffenheim, Eintracht e Hannnover para logo ser vendido ao Stoke City, de onde veu á Coruña cedido. Na súa estrea en Riazor mancouse e terá que agardar aínda unhas semanas para volver.