Praza Pública

Unha ducia de papeis para lembrar a Ernesto Chao

Ernesto Chao marchou esta semana, pero déixanos un legado histórico ao longo de cinco décadas de traxectoria. Sen o seu traballo e a súa pegada, nin o teatro nin o audiovisual se poderían entender. Cando todo estaba por inventar, aló a finais dos sesenta, Ernesto Chao xunto a moitos compañeiros e compañeiras de xeración, fundou a histórica Agrupación Cultural Abrente. Dende aquela até este 2018, Chao regalounos innumerables interpretacións que o público nunca esquecerá. Velaí unha ducia de papeis de Ernesto Chao

Agradecementos: Santiago Montenegro, Antonio Durán 'Morris', Mabel Rivera, Eduardo Alonso, Teatro do Noroeste, Redrum Teatro, Centro Dramático Galego e Xabier Estévez

  1. 01

    'Gulliver' ou 'A cantante calva'

    Neste 2018, cúmprese o 40 aniversario do teatro profesional en Galicia. En 1978, xurdían as primeiras compañías profesionais, entre elas, Artello. Entre os seus fundadores, atopábanse Ernesto Chao, Morris, Santiago Montenegro, Rosa Álvarez, Alfonso Agra, Rosa Hurtado ou Manuel Pombal. Nos seguintes sete anos, Chao participou en obras de Artello como Pic-nic, As nubes, Celtas sen filtros, A cantante Calva ou Gulliver F.M. Na fotografía da esquerda, podemos ver a Ernesto en A cantante Calva e, á dereita, nunha imaxe promocional de Gulliver F.M, coproducida polo CDG e dirixida por Antón Reixa. Fotos: Artello.

  2. 02

    'Agasallo de sombras'

    En 1984, nacía o Centro Dramático Galego grazas ao pacto xurdido entre a profesión e a administración daquela altura. O espectáculo inaugural foi o Woyzeck dirixido por Xúlio Lago. Poucos meses despois, o CDG estreaba en Vigo a súa segunda montaxe e a primeira cun texto de autor galego. Tratábase de Agasallo de Sombras, de Roberto Vidal Bolaño. A peza, un singular e inédito achegamento á figura de Rosalía de Castro, Ernesto Chao interpretaba a Benito Vicetto. Na fotografía, feita e cedida polo actor Xavier Estévez, vemos a Ernesto Chao caracterizado nos camerinos do Teatro Principal de Santiago.

  3. 03

    Rei Lear

    Con Teatro do Noroeste, compañía de Eduardo Alonso e Luma Gómez que o ano pasado celebrou o seu trinta aniversario, Ernesto Chao desenvolveu un gran número de papeis ben lembrados polo público e pola profesión. Unha frutífera relación que se iniciou con Galicia SL en 1988 e que incluíu títulos como Os Xustos, Macbeth, As vodas de Fígaro ou Rei Lear, montaxe de 1990 na que interpretaba ao monarca do universo shakespiriano e da que podemos ver esta foto cedida por Teatro do Noroeste.

  4. 04

    Galileo

    Precisamente, con Teatro do Nororeste, Ernesto Chao interpretou un dos seus grandes papeis en Galileo Galilei, de Bertolt Brecht, encarnando o célebre astrónomo. Era o ano 1992 e por el recibiu o Premio Compostela de Teatro ao mellor intérprete masculino protagonista.  Foto cedida por Teatro do Noroeste.

  5. 05

    'Un soño de verán'

    En 1993, recuncaría nos Premios Compostela ao levalo na categoría de actor de reparto coa obra Un soño de verán, adaptación do Centro Dramático Galego do clásico de William Shakespeare dirixido por Eduardo Alonso. Na montaxe compartía táboas con Imma António, Luma Gómez, Marcos Orsi, María Bouzas, Sabela Gago, Santi Prego ou Avelino González. Cartel do CDG.

  6. 06

    No CDG

    Ernesto Chao, ao longo da súa carreira, impulsou as principais entidades profesionais do sector da interpretación. Así, foi presidente da AAAG, de Escena Galega e da Academia Galega do Audiovisual. Ademais, foi director do Centro Dramático Galego durante dúas temporadas e participou nun gran número das súas producións. Formou parte dos elencos de Os vellos non deben de namorarse, As tres irmás, O incerto señor don Hamlet,  As Alegres Casadas ou O profesional, obra que en 2012 se converteu na última ocasión para ver a Chao no CDG. FOTO: O profesional, do Centro Dramático Galego.

  7. 07

    'Compañía'

    No ano 2000, Manivela&Galería reunía en escena, baixo a dirección de Antonio Simón, a Mabel Rivera, Rosa Álvarez e Ernesto Chao na obra Compañía. A montaxe, segundo o seu autor Eduardo Rovner, trataba sobre o conflito entre os desexos das persoas, as súas paixóns e as estruturas culturais. Indagábase así no modo en que a perda do afecto dun ser querido ou a necesidade desesperada de compañía podía trocar as persoas.

  8. 08

    'As últimas lúas'

    En 2001, Rosa Álvarez e Ernesto Chao crearon Lagarta, lagarta, compañía que até o momento do seu peche, en 2012, lle regalou ao público montaxes como Fobias, Carambola, O segredo dos Hoffman ou Unha hora na vida de Stephan Zweig. No repertorio de Lagarta Lagarta, destaca unha obra ben lembrada pola interpretación de Ernesto Chao. Referímonos a As últimas lúas, montaxe que reflexionaba sobre a vellez e a memoria. Coa dirección de Xúlio Lago e na compaña en escena de Artur Trillo e Rosa Álvarez, Ernesto Chao fíxose co Premio María Casares á mellor interpretación masculina.

  9. 09

    'Aeroplanos'

    En Aeroplanos, Lagarta, lagarta reunía a dous grandes nomes do noso teatro: Xosé Manuel Olveira Pico e Ernesto Chao. A obra, dirixida por Rosa Álvarez, converteuse nun éxito rotundo da nosa escena e colgou o cartel de "entradas esgotadas" en gran parte dos teatros e auditorios que visitou. Máis de setenta funcións dunha obra para a lembranza.

  10. 10

    'A canción do elefante'

    A canción do elefante, de Redrum Teatro, foi a última obra protagonizada por Ernesto Chao. A montaxe, dirixida por Álex Sampayo, presenta un thriller psicolóxico no que Chao encarnaba o director dun centro psiquiátrico que debe interrogar a un paciente para descubrir o paradoiro dun médico do seu hospital. A canción do elefante, estreada en setembro de 2017, contaba no elenco con Guille Carbajo, Patricia Vázquez e Ernesto Chao. Foto de Redrum Teatro.

  11. 11

    'Condenado a vivir'

    Ao longo da súa carreira, as incursión no audiovisual de Ernesto Chao foron incontables. Na súa traxectoria, o actor de Ribadavia formou parte de elencos de producións como Urxa (Alfredo García Pinal e Carlos Piñeiro, 1989), fita que xunto a Continental e Sempre Xonxa, forma a tríade de películas consideradas como o amencer do noso audiovisual. Antes de Urxa, xa traballara en producións como La hora Bruja, de Jaime de Armiñán; Esperanza, de Chano Piñeiro,ou Divinas palabras, de José Luís García Sánchez. Posteriormente, deixou a súa pegada en longas como La ley de la frontera, de Adolfo Aristaráin; Días de voda, de Juan Pinzás; 13 badaladas, de Xabier Villaverde; Os mortos van á présa, de Ángel de la Cruz, ou María (y los demás), de Nely Reguera. En 2001, protagonizou Condenado a vivir, de Rober Bodegas, na que encarnaba a Ramón Sampedro.

  12. 12

    'Fariña'

    En Fariña, serie de Bambú para Antena 3, Ernesto Chao asomouse por última vez á pequena pantalla. Fíxoo nesta exitosa serie na que se metía na pel dun presidente da Xunta de Galicia que ben podería ser Fernández Albor, aínda que nunca se pronuncia o seu nome. Por suposto, o seu currículo televisivo inclúe outro gran número de series: El Comisario, Cuéntame como pasó, Aquí no hay quien viva, Os outros feirantes ou Pepe, o inglés. E si, tamén esa serie da TVG que todos coñecemos, pero que nin falla fai citar para describir a longa traxectoria e o enorme legado que nos deixa.