0 Gardados para despois

Afectados polas preferentes confían na Fiscalía pero esixen "xa" unha "solución política"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Satisfacción entre os afectados polas preferentes en Galicia. O anuncio da Fiscalía de que prepara unha demanda colectiva civil contra Novagalicia Banco aumenta algo as esperanzas das preto de 43.000 persoas que din sentirse “estafadas” pola entidade galega. Adicae (Asociación de Usuarios de Bancas, Caixas e Seguros), que canaliza moitas das reclamacións, amosa tamén a súa “esperanza” pola nova e anuncia que se persoará no proceso, achegando toda a información que ten no seu poder para intentar demostrar que as antigas caixas “actuaron con mala fe” e que “aplicaron cláusulas abusivas” aos seus clientes abusando da súa confianza.

“É unha luz no túnel porque se se mete o fiscal, supoñemos que isto terá que chegar a bo porto”, asegura Antonio Rodríguez, un dos membros da Plataforma de Afectados polas preferentes do Morrazo, que explica con crueza como “xente que coñecía de toda a vida” o convenceu para contratar un produto que lle definiron como depósito a prazo fixo. “Como vou desconfiar eu dun produto que disque me asegura un xuro dun escaso 2,5% e que me ofrece un antigo compañeiro de colexio?”, engade este veciño de Cangas, que lembra como ante a negativa de NCG Banco de devolverlle os cartos, os empregados sempre se escudaban “na fusión e na intervención do FROB”. “Abusaron da confianza de clientes de toda a vida e así, persoa a persoa, marcharon cos meus aforros e cos de milleiros de galegos”, sentencia.

"As caixas sempre lle botaban a culpa á fusión ou á intervención do FROB para non dar solucións"

"Se prospera a denuncia e temos unha sentenza que cremos que é a solución definitiva para o problema, porque nos terían que devolver o diñeiro", destaca un compañeiro da plataforma do Morrazo, Luciano Villar, en declaracións ás axencias. Mentres, Argimiro Martínez, da asociación do Baixo Miño, amosa a súa alegría pola decisión da Xustiza, algo que ve normal porque “todo o que fixeron as entidades foi un atraco a man armada”.

Eugenia Mariño, técnica de Adicae en Compostela, leva semanas colgada ao teléfono atendendo chamadas de afectados nos que agora ve “máis esperanza” tras o anuncio da demanda por parte da Fiscalía. A súa asociación apoiará “con toda a documentación que poida” unha denuncia colectiva que consideran “totalmente lexítima” porque sempre defenderon que “un problema global e desta magnitude require dunha solución tamén global”. En Galicia, e só tendo en conta os afectados de NCG Banco, preto de 43.000 persoas afectadas pola emisión de 1.100 millóns de euros, dos cales 1.000 se corresponden a clientes minoristas. Xente que, de media, arriscaba uns aforros de non máis de 15.000 euros.

Ademais, unha directiva europea obriga a que os bancos sometan aos seus clientes a un exame para asegurarse de que saben o que están a contratar. É a denominada informacón precontratual dos riscos que asumen. O único que se facilitaba en NCG Banco era un folleto que case nunca se entregaba e que non aclaraba demasiado. "Se o cliente non quería arriscar, como era na maioría dos casos, non se lle podían ofrecer estes produtos", lembra a Asociación de Usuarios de Banca.  

A emisión das preferentes de NCG Banco ascende a 1.100 millóns de euros, 1.000 deles corresponden a pequenos aforradores

Tanto Adicae como os afectados reclaman “unha solución política” e unha “maior implicación dos gobernos galego e central”, pero rexeitan as propostas feitas nos últimos días desde a Xunta ou o Executivo en Madrid. “Sabemos que a saída ten que ser política e que os políticos teñen que posicionarse e deixar de propoñer, ao igual que algunhas entidades, que as preferentes se convertan en accións... Se os afectados quixesen accións, xa as terían comprado. O que queren son os cartos”, insiste Mariño, de Adicae, que critica que o ministro De Guindos anuncie agora unha normativa para evitar “estes timos” cando “todo o mal xa está feito”.

Os afectados confían na Fiscalía pero non no tempo que poida durar o proceso: "Queremos unha solución xusta e no tempo axeitado"

Pero a demanda da Fiscalía non acaba cos temores nin coas reivindicacións. Nin moito menos. Tal e como advirte Adicae “o preito pode durar cinco ou seis anos”. “O que nós demandamos é unha solución dentro do panorama de reestruturación financeira que se está a producir; as preferentes son un activo tóxico que debe sanearse e os afectados deben ter unha solución xusta e no tempo axeitado”, recorda a asociación de usuarios de banca, que teme que a demanda se alongue demasiado no tempo.

Por todo isto, Adicae e as distintas plataformas de afectados continúan coas mobilizacións e este mesmo xoves 24 están convocados en varias vilas e cidades do país fronte ás oficinas de NCG Banco para protestar. Entre as 11.30 e 12, Compostela, A Coruña e Vigo, entre outras localidades, recibirán centos de clientes das antigas caixas que, entre 2003 e 2009 “foron enganados”. “Foi un abuso feito a mala fe, as caixas sabían a quen lles colocaban estes produtos: a minoristas e aforradores de toda a vida, xente traballadora que confiaba na entidade e da que se aproveitaron”, sentencia Eugenia Mariño. O día 2 de xuño, na Coruña, unha manifestación a nivel galego e que pretende ser masiva percorrerá as rúas desde a praza de Ourense. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Nin accións, nin depósitos

As emisións de participacións preferentes puxéronse de moda hai anos e alcanzaron o seu momento de maior protagonismo entre 2006 e 2009. Convertéronse, daquela, nun importante produto entre os investidores e aforradores particulares. Pero as coñecidas como preferentes son instrumentos financeiros emitidos por calquera sociedade e teñen unhas características especiais. Moi especiais. En resumo, non son máis que emisión de débeda sen un prazo definido.

A garantía de cobro non existe ao estar condicionada aos beneficios das entidades

Tal e como explicou a Organización de Consumidores (OCU) en varias ocasións, as entidades bancarias pagaban unha rendibilidade segundo os seus resultados, dándose incluso a posibilidade de que non pagasen nada. Así foi como os altos intereses cobrados e ofrecidos durante as épocas de bonanza remataron por se converter en nada en moitos casos coa chegada da crise. Como a oferta estaba condicionada aos beneficios das caixas ou dos bancos, a garantía de cobro non existía, algo que, evidentemente, a maioría de clientes non sabían porque non lles foi explicado. 

Ademais, non son accións ordinarias porque non outorgan dereitos políticos ao investidor, nin moito menos depósitos cunha rendibilidade fixa, unha característica que foi vendida como tal á maioría dos "estafados", aproveitándose da súa boa fe. 

Polo xeral, son produtos sen vencemento determinado ou claramente indefinido e o máis habitual é que o dereito de cancelación por parte do cliente sexa válido a partir do quinto ano. Polas características que teñen, pódense definir como un produto híbrido entre a renda fixa e variable, dado que non son débeda exixible ao non ter vencemento determinado como as obrigacións, pero tampouco se poden considerar accións ao carecer dos dereitos políticos intrínsecos das mesmas.

O obxectivo de bancos e caixas era reforzar o seu capital sen outorgar cota de control ningunha aos investidores

O obxectivo dos bancos e caixas que promoveron e convenceron a milleiros de persoas para contratar preferentes non era outro que reforzar o seu capital e non outorgar cota de control aos investidores que posuísen estas participacións. Un negocio redondo, pero máis perfecto aínda se o que se ofrecía non tiña nada que ver co que en realidade era. 

"Contrataron preferentes a xente de 88 anos"

Que foi un engano masivo xa case ninguén o nega. As declaracións de afectados ou as historias que levan escoitando os técnicos de Adicae desde hai meses dan boa fe disto. "Hai casos tremendos, como o de persoas ás que lle contrataron o produto con 88 anos ou tendo unha minusvalía evidente", contan desde a Asociación de Usuarios de Banca. 

"Por suposto, a maioría das persoas que foron enganadas non tiñan coñecemento financeiro ningún", insisten desde Adicae, que censura que NCG Banco ou outras entidades xustifiquen os problemas "na crise" cando o verdadeiro problema "non foi outro que intentar vender un produto tan complexo a toda costa e a calquera persoa". 

"Enganaron a traballadores, pequenos aforradores e clientes de toda a vida"

Cando se di a "calquera persoa", tanto Adicae como as plataformas de afectados destacan que a maioría das preferentes foron contratadas por "traballadores, pequenos aforradores e clientes de toda a vida das caixas que confiaban nos responsables ou operarios das oficinas". "Sempre o vendía como un prazo fixo cando non o era", aseguran unha e outra vez. 

"Teñamos en conta que o perfil do que contrataba as preferentes era unha persoa de idade avanzada e cuns aforros de entre 15.000 e 30.000 euros, non máis; moitos deles con cartos que fixeran na emigración ou tras vender unha casa ou unhas terras", contan en Adicae, que lembran que as persoas maiores "adoitan ser ultraconservadoras en canto aos seus aforros". "Non ían meter os cartos nun sitio onde sabían que os podían perder; se así fose, contratarían accións e non un produto híbrido", rematan na asociación, que critica tamén que NCG Banco siga "botando balóns fóra": "Nin tan sequera permiten presentar follas de reclamacións". 

O BNG insiste nunha "solución política"

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, volveu reclamar "unha solución política" para os afectados polas participacións preferentes, que o Bloque considera "unha estafa". En Lugo, o líder nacionalista indicou que "a xente ten dereito a recuperar o que lexitimamente é seu".

Así, avaliou de forma "positiva" a intención da Fiscalía de Galicia de presentar a demanda civil por ser "un dano masivo a miles dos nosos cidadáns". "Alguén terá que pagar por esa responsabilidade; estamos nunha situación absolutamente alarmante, con responsables dun desastre financeiro que se van de rositas sen a asunción de ningún tipo de responsabilidades", criticou. Na súa opinión, "o das participacións preferentes é unha estafa e o poder político non pode mirar para outro lado".