O CES advirte de que a nova Lei do Solo rebaixa a protección do solo rústico

Traballos nunha parroquia rural de Compostela © Concello de Santiago

O Consello Económico e Social emitu este mércores o seu ditame referente ao Anteproxecto da Lei do Solo de Galicia. O órgano presidido por Corina Porro recibiu en xullo a encomenda de analizar e pronunciarse sobre a nova norma, redactada polo Goberno galego e que debe ser aprobada polo Parlamento. O ditame recoñece que a lei proposta "contén aspectos positivos", mais tamén "outros mellorables que dificultan a súa valoración de conxunto".

O CES valora como positiva "a introdución dun plan básico autonómico" que proporciona "un instrumento útil de planeamento" aos concellos pequenos

Entre os positivos, o CES destaca "a reorientación do modelo de desenvolvemento, dende un baseado no crecemento cara a outro máis sustentable, orientado ao fomento da rehabilitación, renovación e rexeneración urbana" e "a introdución dun plan básico autonómico, que proporciona un instrumento útil de planeamento aos municipios cuxo reducido tamaño limita severamente a dispoñibilidade de recursos para o desenvolvemento de plans propios".

O ditame critica que a "elevada indeterminación nalgúns dos conceptos e termos empregados" podería "crear inseguridade xurídica ou derivar en situacións de arbitrariedade"

Porén, o ditame advirte dun bo número de eivas, que se poden resumir na "elevada indeterminación nalgúns dos conceptos e termos empregados, o que podería crear inseguridade xurídica ou derivar en situacións de arbitrariedade". Máis en concreto, a análise fai fincapé en que a pesar de que a lei declara apostar pola "protección territorial, en particular pola defensa e respecto do solo rústico como solo produtivo e útil", isto "non ten o seu reflexo no articulado, xa que deixa boa parte da regulación sobre a materia a expensas de instrumentos de desenvolvemento".

O CES conclúe que "isto supón unha rebaixa no grao legal de protección do solo rústico respecto da anterior normativa" e recomenda a elaboración inmediata "dos catálogos e plans sectoriais pendentes dada a inseguridade xurídica que a súa ausencia xenera". Na súa fase de redacción, o deputado de AGE Antón Sánchez criticara "a liberalización, degradación, desprotección e desvalorización do solo rústico, tamén e moi especialmente do protexido" que ao seu xuízo caracteriza a norma.

O CES considera que "o solo rústico de especial protección aparece definido con menor precisión que na lei actual"

O ditame do CES considera que "o solo rústico de especial protección aparece definido con menor precisión que na lei actual" e afirma que "á hora de definir o solo rústico de protección agropecuaria debe acudirse máis á actividade existente que ao concepto de alta produtividade". O texto reclama unha definición específica de solo rústico e sinala que "a devandita definición debe facer referencia explícita aos terreos que veñen dedicándose ás actividades agrícolas, gandeiras, forestais e cinexéticas, entre outras, como actividades máis relevantes no solo rústico".

 

Outros aspectos, tamén cuestionados

"Nalgúns ámbitos urbanísticos apréciase unha notable diverxencia entre as normas aplicables e as prácticas xeneralizadas"

O ditame salienta, así mesmo, que "nalgúns ámbitos urbanísticos apréciase unha notable diverxencia entre as normas aplicables e as prácticas xeneralizadas, o cal introduce elementos de aleatoriedade que poden conducir a situacións de arbitrariedade na aplicación dos procedementos de disciplina urbanística".

O informe foi aprobado cun voto particular, correspondente á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), en desacordo cunha apreciación que o ditame realiza sobre reservas de solo para a vivenda pública e protexida. O texto critica que cando a Anteproxecto da Lei do Solo introduce excepcionalidades nas porcentaxes de reserva total para vivenda protexida, estas excepcións "non deberían basearse unicamente nun criterio de natureza estatística (inscritos no rexistro único de demandantes de vivenda)", dado que isto "pode contribuír a que a excepción poida converterse na regra xeral".

Para os empresarios, "non é conveniente seguir esixindo porcentaxes de reserva para vivenda de protección oficial"

A CEG non concorda con esta crítica e afirma que "nunha gran maioría dos concellos de Galicia hai vivenda libre xa construída por prezos inferiores aos da vivenda protexida, o que permite sinalar que non é conveniente seguir esixindo porcentaxes de reserva para vivenda de protección oficial". Os empresarios defenden que "a porcentaxe de reserva de solo para vivenda suxeita a algún réxime de protección pública" debe adaptarse "á demanda real" en base "aos datos do Rexistro Unico de Demandantes de Vivenda Protexida"

Comparecencia da secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas © Consello Economico e Social
Traballos nunha parroquia rural de Compostela © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.