0 Gardados para despois

O escándalo das 'preferentes' do Popular consúmase e atrapa 1.500 galegos

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Pilar BlázquezPilar Blázquez | @praxagora21


Chegou o 25 de novembro e milleiros de clientes do Banco Popular, uns 1.500 en Galicia, ven hoxe como o seu investimento en bonos convertibles vira en perdas. Os polémicos produtos adquiridos hai seis anos convértense agora en accións. A débeda mercada polos clientes transfórmase en títulos da entidade financeira, o que supón unha perda patrimonial dun 80%.

Milleiros de clientes do Popular ven como hoxe o seu investimento en bonos convertibles vira en perdas de ata o 80% 

Son as preferentes do Popular que teñen atrapados os propietarios dos bonos subordinados necesariamente cambiables en accións, máis coñecidos como bonos convertibles, que se venderon entre os clientes habituais da entidade en 2009, por un importe de 700 millóns de euros e cuxa data inicial de vencemento, en outubro de 2013, foi ampliada nunha segunda versión dos bonos lanzada en 2012, até o 25 de novembro de 2015. As perdas derívanse de que o prezo de conversión da acción está fixado en 17,69 euros, cando a súa cotización actual non chega aos 3,38 euros. O adiamento pretendía que a precaria recuperación económica fose dabondo para arranxar o problema, pero a cotización da entidade non mellorou. 

En Galicia, o investimento nestes produtos supera os 40 millóns de euros e o problema afecta máis de 1.500 persoas

En Galicia, o investimento nestes produtos supera os 40 millóns de euros e o problema afecta máis de 1.500 persoas, segundo os cálculos do despacho de avogados Caruncho, Tomé & Judel, especializado neste caso, e que advirte que "pola confusa política infomativa do Popular en relación a estes bonos, máis da metade dos afectados acumulará esa perda do 80% patrimonial", aínda que cos intereses cobrados desde 2009 poden quedar 35% do capital inicial achegado, segundo defende o banco. 

A conversión que hoxe se fai efectiva afecta, sobre todo, os pequenos investidores, "con importes máis reducidos e que non recibiron oferta ningunha específica do banco". "Será o colectivo máis damnificado; desde o Banco Popular ofreceuse unha fórmula xenérica na que mesmo en ocasións teñen que investir máis cartos aos xa achegados para poder acceder ás condicións ofrecidas", algo "destinado sobre todo aos grandes investidores". 

Agora, o Banco Popular afronta moreas de denuncias pero foron moitos tamén os clientes que preferiron non esperar ata o momento da conversión para acudir aos tribunais. "Son aqueles que se negaron a aceptar a ampliación imposta en 2012 ou os que, vendo as grandes perdas que ían ter, non agardaron", explica Carlos Tomé, avogado especializado neste tipo de produtos. 

Sobre un 20% dos 1.500 afectados en Galicia optaron por demandar o Banco Popular, que ve como a maioría de sentenzas lle son desfavorables

Segundo o despacho de Tomé, a única medida que permite recuperar a totalidade do investido é a demanda, xa que en ningún caso o Popular ofreceu a devolución íntegra, senón a contratación de depósitos rendibles con vencementos superiores aos cinco anos. En Galicia, sobre o 20% dos 1.500 afectados optaron por demandar, segundo aclara o letrado. "Os menos informados acetaron a oferta da entidade por descoñecemento dos seus dereitos legais ou por non querer iniciar preitos, xa que moitas son persoas maiores aos que as demandas lles impoñen respecto", engade, tras aclarar que no conxunto do Estado, o 30% optaron pola denuncia e outro 30% pola oferta do banco. 

No despacho de Carlos Tomé xa levaron varias demandas contra Banco Popular por este produto. Asegura que os xuíces están a recoñecer que se trata dun produto financeiro de investimento "complexo e arriscado que, xunto a unha boa rendibilidade inicial comporta riscos inherentes á propia aleatoriedade das fluctuacións do mercado de referencia", segundo un extracto da Sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra 119/2014 de 8 abril. 

 

"O perfil é como o dos preferentistas"

Ademais, outras sentenzas sobre os bonos xa se están a coñecer nos últimos meses, tal e como se pode comprobar na web da asociacion de afectados por abusos bancarios, Asufin, e no rexistro de xurisprudencia do Consello Xeral do Poder Xudicial. En base a esta experiencia nos tribunais xa é posible detectar as principais debilidades do Popular na colocación dun produto que lembra a outros. "O perfil do investidor é moi semellante ao dos preferentistas, persoas maiores, sen ningún tipo de formación e información respecto ao que asinaban ou investían. Trátase dun produto complexo que se contratou pola confianza e porque se vendeu como un investimento seguro", di Carlos Tomé.

As eivas do Popular de cara á súa defensa ante os tribunais son moi evidentes

As eivas coas que se atopa o Popular de cara á súa defensa ante os tribunais son moi claras. Hai erros burocráticos ao ser a entidade moito máis descoidada que por exemplo no caso dos Valores Santander á hora de facer asinar os documentos aos clientes; a maioría dos clientes son moi conservadores e con moi pouca cultura investidora, na liña dos afectados polas preferentes; e o produto é moi complexo e "nin unha persoa con formación xurídico-económica -como recoñece unha vítima- é quen de saber como funciona". 

Ademais, o Popular pecou sempre de falta de transparencia e a sensibilidade e os coñecementos dos xuíces ante os abusos bancarios son moito maiores que os de hai anos. "Á Xustiza non lle abonda con que o banco presente un xustificante de que se entregou un resumo informativo de produto aos seus clientes e estes asinaron que asumín os riscos", advirte Carlos Tomé. O Supremo xa sentou xurisprudencia segundo a cal asegura que as entidade financeiras deben acreditar que explicaron ben e con tempo suficiente a complexidade e os riscos do produto. 

"Hai unha tendencia importante a que os tribunais lles dean a razón aos afectados e mesmo sentenzas de audiencias provinciais admitindo a nulidade destes produtos", remata Tomé ante un caso que, como lembra, "afectou a xente de todo tipo". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

"É unha estafa como a das preferentes porque se aproveitaron da confianza dos clientes"

Un dos afectados polos bonos convertibles do Banco Popular, cuxo pai investiu uns 20.000 euros, contoulle a Praza o seu caso. "El xa faleceu e eu, como herdeiro, atopeime co problema; un xestor da oficina de toda a vida empezoulle a falar destes bonos, dicíndolle que era un produto sen risco ningún e convencérono, en outubro de 2009 e en plena crise", explica este home que prefire manter o anonimato e que advirte do complexo non só do produto que vendía a entidade, senón do texto que o explicaba.

"Teño formación xurídico-económica e, aínda léndoo oito veces, non es quen de saber como funciona"

"Teño formación xurídico-económica e, aínda léndoo oito veces, non es quen de saber como funciona", insiste un dos que se considera "estafado". "Porque é unha estafa, si, e moi parecida ás preferentes porque tamén se aproveitaron da confianza de clientes de toda a vida". Seu pai tiña varios produtos contratados no Banco Popular.

“Case todos os afectados que coñezo son do mesmo perfil: xente maior e cliente de moitos anos. Meu pai tiña 82 anos e o seu caso parécese moito ao que conta calquera preferentista. Ademais, el sempre sabía diferenciar perfectamente que era o que tiña risco e o que non, pero nisto fiábase de quen lle dicía que non tiña ningún. E non era certo”, engade.

“Sempre se pensou nun risco cero, pero non nunha fórmula 'kafkiana' que non entende ninguén"

No caso do afectado que conta o seu caso, os 20.000 euros investidos polo seu pai quedarían en pouco máis de 4.000. “Sempre se pensou nun risco cero, pero non nunha fórmula kafkiana que non entende ninguén. Dubido moito que explicasen todo con detalle e o que querían era vendelo. No fondo, é un investimento bursátil puro e duro”, remata.

A "patada cara adiante" da entidade que dirixe Ángel Ron

En outubro de 2009, en plena crise, as autoridades financeiras europeas requirían aos bancos maiores esixencias de solvencia. Mentres uns colocaban participacións preferentes, como no caso galego, o banco presidido por Ángel Ron optou por unha estratexia máis semellante aos Valores Santander lanzados polo banco da familia Botín en 2007. Así, lanzou unha emisión de 700 millóns de bonos subordinados necesariamente convertibles, para "fortalecer os recursos propios adaptándoos aos novos criterios de elixibilidade relativos á solvencia", segundo se recollía no folleto de lanzamento.

Europa requiriu aos bancos maiores esixencias de solvencia en 2009: uns optaron polas preferentes e outros por produtos como os bonos convertibles

Para captar ese capital, emitiu bonos a un tipo de interese do euribor a tres meses máis un 4% até a data de vencemento, inicialmente fixada para o 23 de outubro de 2013, momento no que os bonos se transformarían automaticamente en accións do banco. O prezo de conversión inicial estaba fixado en 7,01 euros por acción. O problema foi que case desde o mesmo día da emisión as accións do Popular entraron en caída libre.

En 2012, cando faltaba un ano para o seu vencemento, o produto acumulaba unhas perdas do 52% do investimento inicial. O banco quixo evitar o quebranto económico aos seus clientes e ofreceulles a salomónica solución de contratar unha segunda emisión de bonos, remunerada ao 7%, con xanelas trimestrais de liquidez e que atrasaba o vencemento até o mencionado 25 de novembro de 2015. Unha patada cara adiante que non saíu ben.

Tal e como explican os afectados, o Popular, en plena polémica coas preferentes en Galicia, decidiu “pegarlle unha patada cara adiante ao vencemento, que adiaron a novembro deste ano”. “Viron que tiñan un grave problema ante a repercusión mediática destes temas e quixeron afastalo”, di. Pero agora non lles dan opción e efectuarase o troco. E iso é o que provoca a avalancha de denuncias que está a afrontar a entidade bancaria, xa que o límite acaba nun mes. “Agora si que se están a decatar do que se lles vén enriba”.

"Viron que tiñan un grave problema ante a repercusión mediática das preferentes e pegáronlle unha patada cara adiante"

Desde 2012, o Banco Popular realizou complexas operacións financeiras (entre elas, unha ampliación de capital e un agrupamiento ou contrasplit de accións) que derivaron en que o actual prezo de troco deses bonos se sitúe nos inalcanzables pouco máis de 17 euros por título. Isto implica unha perda sobre o capital inicial do 79,4%, pero que descontados os intereses que os afectados cobraron durante todos estes anos quedaría en arredor do 35%, segundo datos do propio banco