Centos de traballadores do estaleiro de Navantia en Ferrol participaron este xoves pola tarde nun novo acto reivindicativo, en demanda de solucións á crise pola que atravesa o sector na comarca. A marcha, que esixiu carga de traballo para os estaleiros, percorreu as rúas do centro da cidade baixo a chuvia, dende as portas de Navantia ata a Praza de Armas, onde se celebrou unha vixilia. Os manifestantes portaron fachos acesos e candeas, nunha acción que abre un novo ciclo de protestas.
De feito, esta mobilización forma parte do calendario de accións que foi aprobado en asemblea polos traballadores de Navantia nas últimas semanas, que levará á celebración dunha gran manifestación comarcal, que está programada para o vindeiro domingo 13 de decembro.
A marcha coincidiu co inicio da campaña electoral, este xoves, e tamén a manifestación prevista para a vindeira fin de semana, sete días antes do 20D, ten como obxectivo que as distintas forzas políticas que concorren aos comicios teñan moi presentes as reivindicacións do sector. Xa na campaña das eleccións municipais do pasado mes de maio, a comarca de Ferrolterra saíra ás rúas apoiando as demandas do sector naval.
O acto lembrou tamén a situación de crise xeral que segue afectando a toda a economía da comarca, que rexistra as taxas de paro máis elevadas de toda Galicia, uns elevados índices de emigración -sobre todo na mocidade- e un envellecemento xeral da poboación. Pouco mudou a situación nos últimos meses. No verán produciuse a botadura do flotel encargado por Pemex, que deu traballo a apenas 500 persoas en Ferrol, moi lonxe das dúas mil prometidas nun comezo.