0 Gardados para despois

O descenso do paro detense en Galicia mentres o mercado laboral segue minguando

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Galicia segue a reducir o seu mercado laboral, cada vez máis minguado, mentres ve como se estanca a levísima redución do paro dos últimos meses. Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do cuarto trimestre, no país hai 222.700 persoas paradas, a mesma cifra ca no trimestre anterior e cunha taxa de desemprego idéntica: 17,7%. Por primeira vez en dous anos, o desemprego que indica a EPA é menor que o rexistrado nas oficinas de emprego. 

O paro mantense estancado no último trimestre de 2015, onde se destruíron 6.500 empregos

Mantense o paro nos mesmos números metres a ocupación diminúe en 6.500 persoas con respecto ao trimestre anterior, situándose a cifra en pouco máis de un millón de persoas ocupadas (1.032.500) e cunha taxa que cae dúas décimas, ata se situar no 43,9%. Menos ocupación e idéntico número de desempregados, o que equivale a un mercado laboral que esgarece e á destrución de emprego. 

O paro estáncase neste cuarto trimestre pero descende en 41.100 persoas (-15,6%) con respecto ao mesmo período de hai un ano. Ademais, nos últimos doce meses o número de ocupados aumentou en 32.100, un incremento do 3,2% que non supuxo tampouco a absorción de todos os parados. Xa que logo, hai case 10.000 persoas que deixaron o paro pero que non son novos ocupados, cando menos no Estado. Os máis de 30.000 empregos creados en 2015 en Galicia contrastan coa evolución negativa do último trimestre.

No conxunto de España, o paro rexistrou unha caída histórica de 678.200 persoas en 2015, onde o emprego creceu en 525.100, case un 3%, o segundo aumento anual consecutivo e o máis elevado desde que comezara a crise económica.  Hai aínda 4.779.500 parados no Estado, unha taxa do 20,9%. Os datos do último trimestre, no entanto, contrastan cos de Galicia. Mentres o paro baixou en España en 71.300 persoas (-1,5%) e os ocupados incrementáronse en 45.500 persoas, na comunidade autónoma estáncase a cifra de parados e descende a ocupación. 

Por sectores económicos, segundo o INE, a ocupación baixou neste último trimestre nos servizos (4.900 persoas) e na industria (4.700) con respecto ao trimestre anterior, mentres aumentou na construción (2.600) e no sector primario (600). No último ano, o número de ocupados aumenta en todos os sectores de actividade, medrando na construción un 11,4%, no sector primario un 3,6%, no sector servizos un 2,6% e na industria un 2,5%.

En canto aos datos do paro por sexo, con respecto ao trimestre anterior, aumenta o masculino e diminúe o feminino: situándose o número total de homes paradosen 111.300 persoas (700 máis que hai tres meses) e o de mulleres en 111.400 persoas (900 menos). A taxa de paro masculina aumenta, en consecuencia, 3 décimas e a feminina cae dúas décimas, situándose a primeira no 17% e a segunda no 18,6%.

Con respecto á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino diminúe en 26.700 persoas (un 19,3% menos), e entre o feminino en 14.500 persoas (un 11,5% menos que hai un ano).

A taxa de paro xuvenil aumentou en 2,5 puntos no último trimestre do ano, ata situarse no 32,1%

De repararmos na poboación xuvenil, o número de parados aumentou en 900 persoas no último trimestre e descendeu en 10.200 nun ano. A taxa de paro neste colectivo medrou durante o trimestre 2,5 puntos ata situarse no 32,1%. En comparación co cuarto trimestre de 2014 diminuíu 4,2 puntos. Dos 332.300 mozos galegos de entre 16 e 29 anos, 116.100 (o 34,9%) están ocupados, 54.800 (o 16,5%) parados e os 161.500 (o 48,6%) restantes son inactivos.

Temporalidade

Ademais, dos 812.300 asalariados en Galicia no cuarto trimestre de 2015, 605.200 sono con contrato indefinido e os 207.100 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior, hai 9.600 asalariados máis con contrato indefinido, o que supón un incremento do 1,6%. O número de asalariados con contrato temporal baixa en 18.700 persoas (-8,3%), mentres que con respecto a hai doce meses, os asalariados con contrato indefinido subiron un 1,5% e os asalariados con contrato temporal un 9,2%.

O número de asalariados con contrato indefinido aumentou en 9.600 no último trimestre de 2015

A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de asalariados con contrato temporal sobre o total de asalariados, diminúe dous puntos neste trimestre, ata situarse no 25,5%.

EPA e paro rexistrado en Galicia

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Ferrol segue sendo a cidade con máis paro e menos ocupación

A partir dos datos ofrecidos pola Enquisa de Poboación Activa, o Instituto Galego de Estatística (IGE) ofrece información singularizada sobre as taxas de actividade, ocupación e paro das sete grandes cidades galegas. O IGE advirte sempre de que "os resultados dos sete grandes concellos deben tomarse con precaución porque poden estar afectados por elevados erros de mostraxe". Con todo, a publicación este xoves das cifras do cuarto trimestre de 2015, permiten achegar o dato medio anual dos catro trimestres. Esta media presenta menos oscilacións e ofrece unha imaxe algo máis fiable.

O pasado ano as sete cidades galegas reduciron as súas taxas de desemprego e melloraron a ocupación, aínda que os datos seguen moi lonxe dos niveis previos á crise. Hai que seguir destacando a Ferrol polas cifras tan negativas que presenta. É a cidade -con diferenza- con máis paro (26,2%) e, sobre todo, a que ten unha menor taxa de ocupación. Nun segundo nivel, poderíamos colocar a Vigo (21,5%) ou Pontevedra (22,4%), tamén por riba do vinte por cento. Por debaixo desa cifra aparecen Ourense, Lugo, Santiago e A Coruña. 

Máis interesante, se cadra, é observar a taxa de ocupación. A de Ferrol (34,5%), aínda que leva dous anos experimentando un lixeiro ascenso, implica que na cidade só 1 de cada 3 habitantes ten traballo, sendo o resto inactivos ou desempregados. A moita distancia (roldando o 45%) aparecen Ourense, Pontevedra, A Coruña ou Vigo. E só Lugo e Compostela presentan taxas de ocupación superiores ao 50 por cento.

Aumenta no último trimestre o número de fogares galegos con todos os membros en paro

Segundo os datos do INE, no cuarto trimestre de 2015, o número de fogares galegos nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 2.000 unidades e sitúase en 75.100. Respecto ao cuarto trimestre de 2014, esta tipoloxía de fogares cae un 15%, con 13.300 vivendas menos nesa situación. 

No último trimestre, aumenta en 2.000 o número de fogares con todos os seus membros activos en paro

Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 1.700 unidades. O número de fogares nesta situación en Galicia é de 555.500. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 28.900 fogares máis nesta situación, o que supón unha suba do 5,5% en termos relativos.

Ademais, no país hai 341.700 fogares nos que non hai ningún membro activo, son 2.000 vivendas máis que o trimestre anterior e 11.400 máis que hai un ano. 

Os sindicatos alertan do paro de longa duración e da perda do diferencial positivo co Estado

A EPA do último trimestre de 2015 amosa un descenso de 17.600 persoas entre os menores de 55 anos na poboación activa galega, caída "que se mantén a pesar do incremento da ocupación a causa da perda de poboación e do avellentamento da mesma", segundo destaca a CIG, que cre que os datos "revelan que a maioría dos novos ocupados teñen un contrato temporal, cuxa taxa medrou en preto dun punto e medio neste período".

Para o sindicato nacionalista, as cifras da EPA "deitan luces e sombras sobre a situación laboral en Galiza": o mercado de traballo continúa a ser a perda de poboación activa,  mentres que o medre da poboación activa con máis de 55 anos "compensou en parte este descenso, pero agrava o outro gran problema que padece a sociedade galega: o envellecemento da poboación".

A CIG alerta da perda de poboación activa entre os máis novos

Dende a CIG amosan a súa "preocupación" porque a pesar do incremento da ocupación mantense a caída da poboación activa entre os máis novos, "agravada non só pola perda da poboación senón tamén polo envellecemento da mesma". Na central entenden que o medre da ocupación pode deberse a unha situación conxuntural, xa que "o maior incremento prodúcese entre os asalariados/as con contrato temporal: a taxa de temporalidade aumentou preto dun punto e medio neste período".

Segundo indica o secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, os datos da EPA volven amosar "o fracaso das políticas económicas do Goberno español do PP e das sucesivas reformas laborais", que non fixeron máis que "profundizar na perda de dereitos laborais da clase traballadora e nunha maior precarización do mercado de traballo".

Pola súa banda, UGT-Galicia destaca que "a ocupación cae, o desemprego baixa de xeito imperceptible e as cifras referidas ás vivendas nas que todos os activos están no paro ou non hai ingresos seguen a ser insostibles". "Case a metade dos menores de 25 anos están en situación de desemprego, a taxa de temporalidade segue medrando e o número de parados que levan máis dun ano na procura de emprego xa supera as 130.000 persoas", explica o sindicato. 

"Galicia ten un mercado laboral cada vez máis contraído", lamenta UGT

"Galicia ten un mercado laboral cada vez máis contraído", insiste UGT, que advirte que "o paro de longa duración segue a ser un gran problema, con 133.200 persoas que levan máis dun ano na procura de emprego e, destas, 100.800 máis de dous anos".

Dende UGT-Galicia tamén se alerta sobre o feito de que, tradicionalmente, Galicia no relativo ás taxas de desemprego, así como noutros indicadores relacionados co mercado laboral, "viña mantendo, historicamente, un diferencial positivo en relación á media rexistrada no Estado". Por exemplo, se no cuarto trimestre de 2009 a taxa de paro era do 12,8 por cento en Galicia no Estado ascendía ao 18,66. É dicir, nesta Autonomía era case seis puntos inferior. Non obstante, obsérvase como no cuarto trimestre de 2015 este diferencial é tan só de 3,16 puntos.