Galicia precisa 120.000 empregos máis para igualar os que atopou Feijóo ao chegar á Xunta

Feijóo, nun pleno do Parlamento © Conchi Paz

Galicia precisaría crear uns 120.000 empregos máis para alcanzar os niveis de ocupación que atopou Feijóo cando chegou á presidencia da Xunta hai agora case sete anos. Unha ollada ás cifras dan conta da destrución de emprego que sufriu o país durante a crise económica, así como da progresiva perda do diferencial positivo que mantiña co conxunto do Estado. 

Galicia conta con 120.400 persoas ocupadas menos e 56.000 parados máis que cando Feijóo chegou á Xunta

Así, e segundo os últimos datos da EPA, Galicia conta na actualidade con pouco máis de 1 millón de persoas ocupadas (1.032.500), que son 120.400 menos dos que había cando Núñez Feijóo chegou ao poder (1.152.900). A destrución de emprego foi practicamente constante, alcanzando a súa peor cifra nos dous primeiros trimestres de 2014, cando a ocupación no país baixou da barreira do millón de traballadores, quedando mesmo en 982.800. 

Esa perda de persoas ocupadas nin tan sequera se corresponde co incremento do paro. A destrución de emprego é máis acusada e, se non hai máis desemprego nas estatísticas é porque a emigración, fundamentalmente, as maquilla. Con todo, Galicia conta a finais de 2015 con 56.000 parados máis que cando Feijóo accedeu á presidencia da Xunta. Son 222.700 persoas paradas fronte ás 166.700 daquela e logo de rozar os 300.000 no primeiro trimestre de 2014. 

A taxa de paro aumentou en cinco puntos, só maquillada polo descendo da poboación activa en 64.400 persoas

A taxa de paro, ademais, incrementouse en máis de cinco puntos, ao pasar do 12,6% do segundo trimestre de 2009 ao 17,7% de agora. Só a baixada da poboación activa ten impedido que esta taxa sexa aínda maior, porque ese é otro dos graves problemas do mercado laboral galego: a caída da poboación activa, especialmente entre os máis novos, agravada tamén polo elevado envellecemento. 

Porque o número de persoas activas en Galicia caeu en 64.400 durante a era Feijóo no Goberno, pasando de 1.319.600 ao 1.255.200 que marca a última enquisa do IGE. A taxa de actividade, xa que logo, sitúase no 53,3% fronte ao 54,8% de hai sete anos, mentres que a de ocupación baixa moito máis, catro puntos, do 47,9% ao 43,9%. 

Galicia perde aos poucos o diferencial positivo que mantiña coa media do Estado en varios indicadores laborais

De compararmos co Estado, Galicia mantivo, historicamente, un diferencial positivo tanto na taxa de desemprego como noutros indicadores coa media de España. Hai seis anos, a taxa de paro era do 12,8% en Galicia mentres no Estado ascendía ao 18,7%. Agora, o diferencial é tan só de 3,2 puntos, ao tempo que a caída do paro a nivel español acentúase mentres se estanca no país. 

 

O Goberno de Rajoy acaba a lexislatura con destrución de emprego

No caso do conxunto do Estado, o último dato da EPA reflicte unha significativa mellora do mercado laboral no último trimestre de 2015. Con todo, as boas cifras non logran compensar a destrución de emprego que se viviu durante a primeira parte da lexislatura do PP. O saldo para o mercado de traballo español do Goberno de Mariano Rajoy achega 59.000 empregos menos e 567.000 persoas desaparecidas do mercado de traballo, isto é, activos que xa non están en España.

O saldo do Goberno de Rajoy é de 59.000 empregos menos e 567.000 persoas desaparecidas do mercado laboral

Grazas a esta redución da poboación activa, a taxa de paro si baixou significativamente até quedar nun 20,9%, mellor do agardado polo propio Executivo que agoiraba unha taxa do 22% nas súas últimas previsións. Iso si, a taxa de actividade (a porcentaxe da poboación disposta a traballar) non logra recuperar a cota do 60% na que estaba cando Rajoy chegou ao Goberno.

Ademais, a taxa de temporalidade repuntou até situarse por riba do 25% reflectindo que a creación de emprego está a ser moito máis rápida pola vía das contratacións temporais que as indefinidas. Este fenómeno parece case inevitable en España onde nas recesións destrúese masivamente emprego temporal, que é o primeiro que se xera despois. Con todo, cabe destacar que a composición do tipo de emprego do último trimestre do ano mostra unha mellora no tipo de postos de traballo que se están creando.

Así, aínda que no conxunto do ano se crearon 170.000 empregos indefinidos fronte aos 335.100 temporais, no trimestre de outono a tendencia dá a volta cunha caída do emprego temporal (de 63.600 persoas) e unha mellora do emprego indefinido (103.400 máis).

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.