Unha ducia de datos que amosan a desigualdade laboral entre homes e mulleres en Galicia

Traballadoras de Cuca, homenaxeadas na edición 2013 do Festival Revenidas © Revenidas

O vindeiro 8 de marzo celébrase un novo Día internacional da muller traballadora. Nos días previos UGT e CIG presentaron senllos informes que analizan a situación das mulleres galegas no mercado laboral denunciando o mantemento de importantes desigualdades por razón de xénero, unha realidade que se une e empeora as xa difíciles condicións que sofre o conxunto da clase traballadora.

A CIG, que de cara ao 8 de marzo leva a cabo unha campaña baixo o lema "Precarias", destaca que "a pobreza en Galiza ten, máis que nunca, faciana de muller" e salienta sete aspectos que definen os principais problemas das mulleres traballadoras: “inactividade, desemprego, eventualidade, empregos a tempo parcial, fenda salarial, economía somerxida e infrasalarios". O sindicato destaca que "a crise non fixo máis que agravar a xa precaria situación laboral á que están sometidas" e responsabilizou desta situación ás dúas reformas laborais levadas a cabo por PSOE e PP, ás mudanzas fiscais –"que incrementaron as desigualdades"- e aos recortes sociais. A CIG denunciará esta situación o vindeiro martes ás 12 horas con actos que terán como escenario as tendas do grupo Inditex "porque a meirande parte do seu persoal son mulleres, con contratos a tempo parcial, que traballan a un elevado ritmo de traballo, con grande rotación, salarios baixos, ás clase se lles dificulta a conciliación, mentres as empresas conseguen millonarios beneficios a costa da explotación das traballadoras”.

De igual xeito, na presentación do informe elaborado por UGT-Galicia, sindicato denunciou que "os efectos da crise, as reformas laborais e os recortes impostos, xunto coa omisión de actuacións públicas que realmente contribúan a avanzar na igualdade entre mulleres e homes provocan un afastamento cada vez maior da igualdade laboral entre homes e mulleres". A central destaca que "as mulleres non traballan en igualdade de condicións cos homes, non cobran o mesmo nin hai un reparto equilibrado na atención ás responsabilidades familiares".

 

A desigualdade, en 10 datos

O 76% dos contratos a tempo parcial corresponden a mulleres

  • As taxas de actividade (48,7%) e ocupación (39%) femininas son 10 e 8,7 puntos inferiores ás masculinas. A taxa de paro é máis elevada (20% fronte ao 18,6%) e no último ano mentres que a masculina descendeu en 2,9 puntos, a feminina só o fixo en 1,7. En 2012 e 2013 a taxa de paro foi superior entre os homes que entre as mulleres. En 2014 e 2015 a evolución do emprego masculina foi moito máis positiva. As máis afectadas pola crise foron as mulleres novas. Na actualidade hai en Galicia 51.500 traballadoras de menos de 35 anos menos das que había en 2009.

O 4,9% dos contratos asinados polas traballadoras galegas foron indefinidos. O resto foron temporais e, deles, o 30,9% tiveron unha duración inferior a unha semana e un 44,3% duraron menos dun mes

  • En 2015 só o 4,9% dos contratos asinados polas traballadoras galegas foron indefinidos. O resto foron temporais. Deles, o 30,9% tiveron unha duración inferior a unha semana e un 44,3% duraron menos dun mes.
  • O 76% dos contratos a tempo parcial corresponden a mulleres. Mentres no caso dos traballadores homes, os empregos a tempo parcial representan só o 6,5% do total, nas mulleres son case un de cada catro (23,1%). Máis do 94% das persoas que teñen un contrato a tempo parcial por ter que coidar de nenos ou nenas, de persoas maiores ou por ter que atender outras responsabilidades familiares, son mulleres.
  • Mentres que en 2015 diminuíu o número de homes que levan máis de dous anos na procura de emprego, desde o 2014 apenas varía a cifra de mulleres nesa situación. En Galicia hai 50.200 mulleres que levan máis de dous anos desempregadas na procura de emprego, polo
    que xa non teñen dereito a prestación contributiva. A taxa de cobertura é do 57% nos homes en situación de desemprego e do 43% no caso das mulleres. En total, 72.298 mulleres galegas en situación de desemprego non perciben prestación contributiva.

As mulleres cobran un 23,4% menos que os homes. En 2009 a diferenza era do 20,6%

  • A igual formación, os homes acadan maiores taxas de ocupación que as mulleres. A diferenza atopámola xa no caso das persoas con estudos superiores (69,6% de ocupados no caso dos homes e 67,8% no caso das mulleres) pero é especialmente importante nas persoas con estudos secundarios (entre 8 e 10 puntos de diferenza) e primarios (5 puntos de diferenza).
  • As mulleres cobran un 23,4% menos que os homes (17.258 fronte a 22.522 euros anuais de media). A fenda, lonxe de reducirse, mesmo se incrementou ao longo da crise. En 2009 a diferenza era do 20,6%.
  • En 2009 había en Galicia 86.771 mulleres cuxos ingresos non acadaban a metade do SMI; en 2014, hai 6.725 máis, chegando ás 93.496. E os ingresos destas mulleres descenderon en 27 euros, ficando de media en 1.871€ ao ano. O 36% das mulleres asalariadas non acadaron uns ingresos equivalentes ao salario mínimo (SMI) no ano 2014.

O 36% das mulleres asalariadas non acadaron uns ingresos equivalentes ao SMI no ano 2014

  • A recuperación do emprego no sector público ao longo de 2015 beneficiou sobre todo aos homes. Dos 5.000 novos empregos creados, só 900 foron ocupados por mulleres. Un dato sorprendente, se temos en conta que no sector público as mulleres representan o 55,8% do persoal.
  • Tan só o 2,5% da poboación ocupada feminina traballa en postos de dirección ou xerencia, fronte ao 4,8% no caso dos homes. Mentres, nos órganos de dirección das empresas do IBEX 35 as mulleres tan só representan o 9,32%.

O 4,8% das mulleres que non traballan declaran non buscar un emprego para coidar dalgún familiar. Apenas o 0,6% dos homes sinala que este é seu motivo

  • A inactividade das mulleres por ter outras responsabilidades familiares ou persoais e polo coidado de nenos/as ou de persoas adultas enfermas, discapacitadas ou maiores, dista moito da masculina por estas mesmas razóns. Por exemplo, mentres o 4,8% das mulleres que non traballan declaran non buscar un emprego para coidar dalgún familiar, apenas o 0,6% dos homes sinala que este é o motivo. De igual xeito, o 10,5% das mulleres alude a "outras responsabilidades familiares ou persoais", fronte ao 1,5% dos homes.
  • A prestación por maternidade segue a ser desfrutada de forma exclusiva pola nai no 98% dos casos. As excedencias por coidado familiar seguen a ser solicitadas, en máis do 88% dos casos, polas mulleres, sen grandes variacións nos últimos anos. Así mesmo, o 73,8% das reducións de xornada por coidado de menores de 12 anos son solicitadas por mulleres.

A pensión contributiva media nos homes ascende as 1.010 euros, e a das mulleres a 626, unha diferenza do 38%

  • As mulleres teñen pensións moi inferiores, consecuencia da maior precariedade do emprego, da fenda salarial e da falta de políticas públicas que favorezan a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. A pensión contributiva media nos homes ascende as 1.010 euros, e a das mulleres a 626, unha diferenza do 38%. A fenda é maior da que se rexistraba antes da crise: no 2007 era do 35,8%.

 

Mónica Rodríguez, secretaria de Igualdade, Xuventude e Movementos Sociais de UGT-Galicia © UGT
Margarida Corral, Secretaria das Mulleres da CIG, e Natividade López, responsable do Gabinete de Economía © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.