A xustiza tomba as 'preferentes' do Banco Popular

Oficina do Banco Popular CC-BY-SA eldiario.es

A xustiza está sendo rápida, contundente e mantén unha postura común. Os bonos subordinados convertibles en accións do Banco Popular foron ofrecidos e vendidos a pequenos aforradores sen coñecementos financeiros axeitados, aproveitándose da súa confianza e sen achegarlles a información necesaria. Así, a entidade bancaria está sendo condenada a devolver de maneira íntegra o investimento realizado polos milleiros de persoas que a demandaron pola comercialización das outras preferentes, un produto que atrapou ducias de milleiros de clientes no Estado e arredor duns 1.500 en Galicia. 

O Banco Popular está sendo condenado a devolver integramente o investimento e a pagar os intereses e as costas do proceso

Así de claro o deixan dúas das últimas sentenzas de dous xulgados da Comunidad de Madrid, ás que tivo acceso Praza, nas que se vén de condenar o Popular á devolución íntegra dos 240.000 euros investidos polos clientes, ademais do pagamento dos intereses legais desde a data de subscrición do produto e as costas dos demandantes. O ditame incide no que xa deixara claro un informe da CNMV sobre os bonos convertibles en resposta a unha denuncia presentada por dúas xubiladas galegas: "deben ser considerados como complexos". 

Nestes casos agora coñecidos, a situación é semellante á do resto de afectados. Tal e como explican desde o despacho galego Caruncho, Tomé & Judel, que se encarga da defensa de centos de enganados, o pefil dos clientes era o de "pequenos aforradores, sen coñecementos necesarios para contratar un produto destas características" e que, de saber o risco, "non terían adquirido os bonos". Ademais, adoitan ser de avanzada idade, cunha vinculación e cunha confianza coa súa sucursal da que se aproveitou a entidade, que non levou a cabo o test de conveniencia para poder ditarminar se o produto encaixaba nas súas características. 

A xustiza insiste en que a entidade aproveitábase de pequenos aforradores sen coñecementos financeiros e con confianza na súa sucursal

Nunha destas sentenzas, referida a un matrimonio de 67 anos que acumulou perdas dun 80% sobre os 180.000 investidos, aclárase que se lles ofreceron os bonos como un produto sinxelo e seguro semellante a un depósito bancario. E insístese en que, non só non se informou a muller de nada relevante, senón que os datos foron "insuficientes sobre os riscos" que supoñía a operación e facilitáronse "na mesma mañá na que se contratou o produto". O xuíz advirte que as entidades deben ser "extremadamente dilixentes e transparentes", como non se fixo, e lembra que na sucursal "ocultáronse riscos evidentes". E chégase a asegurar que nin o propio empregado que comercializaba os bonos "tiña coñecementos básicos sobre a súa operatividade" malia que os afectados "celebraron o contrato na confianza que lles inspiraba". Os demandantes, segundo insiste o maxistrado, "actuaron baixo a crenza inexacta do que contrataban". 

Unha das sentenzas advirte que nin o comercial "tiña coñecementos básicos" sobre os bonos e que os clientes non foron informados correctamente

"Son, en definitiva, unhas preferentes máis", resumen fontes xurídicas, que animan a comprobar como o modus operandi no caso dos polémicos produtos das caixas e destes bonos era semellante e, case sempre, cun obxectivo moi claro de clientes cunha determinada idade e nivel de confianza e descoñecemento financeiro. 

 

40 millóns de euros e 1.500 afectados en Galicia

Os bonos obrigatoriamente convertibles de Banco Popular son un produto financeiro que emitiu a entidade en 2009 para captar capital entre os seus clientes. A emisión tivo un importe de 700 millóns de euros -40 en Galicia- e eran títulos de débeda privada do banco que se convertían en accións públicas en outubro de 2013. Case un ano antes, en maio 2012, a situación financeira da entidade era tan complicada que provocaba perdas cuantiosas para os subscritores do produto, polo que se ofreceu aos propietarios un troco para atrasar esa conversión ata o 25 de novembro de 2015.

Máis de 300 dos 1.500 afectados en Galicia demandaron o Banco Popular

A solución, que foi unha patada cara adiante, rematou o ano pasado cunha conversión obrigatoria que supuxo unhas perdas de preto do 80% para todos os afectados. En Galicia, os afectados alcanzaron os 1.500, dos que máis de 300 acabaron por demandar. Agora, as sentenzas danlles a razón e confirman o mal proceder do Banco Popular. Con todo, desde o despacho Caruncho, Tomé & Judel advirten da fin dos prazos para interpoñer demandas e da "conveniencia" para presentalas antes de que finalice este mes de maio, no que se cumpre o prazo de caducidade de catro anos tras a prórroga realizada en 2009. "Aínda sendo posible exercer unha acción legal con posterioridade, cómpre non atrasala xa que facilitaría á entidade un argumento de defensa contra a nulidade", explican. 

Ángel Ron, presidente do Banco Popular CC-BY-SA Victoriovipnet360

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.