Os gandeiros volven á rúa a pouco do 25-S e un ano despois do fracasado acordo lácteo

Concentración de tractores neste mes de decembro © Revista Afriga

Hai agora un ano, o lácteo remataba as mobilizacións comarcais cunha gran mobilización en Lugo e outra, a comezos de setembro, en Compostela. Milleiros de tractores encheron a capital lucense e Santiago pedíndolle a Feijóo que "gobernase" e contra a "ruína" do sector para logo centrar as protestas nas áreas comerciais e arrincar compromisos da distribución. Ao pouco, asinábase un acordo de carácter voluntario que non concretaba o prezo sustentable nin establecía un réxime sancionador para os incumpridores. Unións Agrarias (UUAA) e o Sindicato Labrego Galego (SLG) non o apoiaron, os gandeiros volveron aos bloqueos dos centros comerciais en decembro pero os prezos tocaron fondo -outra vez- en Galicia. Doce meses despois, varios colectivos anuncian novas mobilizacións. “Estamos peor que hai un ano”, argumenta a Organización de Produtores de Leite (OPL). 

A OPL apoia a mobilización convocada por Agromuralla en Lugo para o vindeiro 6 de setembro

Precisamente, a OPL anunciou xa que apoia a protesta que convoca para o vindeiro martes 6 de setembro outra vez en Lugo o colectivo Agromuralla, xurdido a raíz das mobilizacións de hai un ano e creada á marxe dos sindicatos e da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, que agrupa a propia OPL, sindicatos ou cooperativas. UUAA promove un boicot a Lactalis e os sindicatos non descartan máis mobilizacións, a menos dun mes das eleccións e en plena campaña. 

Agora, a OPL cre que o acordo lácteo impulsado polo Ministerio tiña o propósito principal de “desconvocar as manifestacións dos produtores”. “A xente está desanimada, pero temos que poñer en coñecemento da cidadanía que estamos abandonados polas administracións e nas mans de industria e distribución”, defende, tras insistir en que os poderes públicos "prefiren inxectar cartos para axudar a pagar as débedas en lugar de impulsar medidas reais que fagan sostible a cadea de valor do leite". 

UUAA lamenta que Agromuralla "vaia por libre" malia ter claro que "hai razóns" para mobilizarse ante "a grave situación do sector"

Ante esta convocatoria, o secretario xeral de UUAA, Roberto García, censurou que Agromuralla "vaia por libre" e, aínda que ten claro que "hai razóns ante a situación grave que atravesa o sector", aclara que "calquera plantexamento enbiguista á marxe do sector vai afondar pouco na solución do problema". Desde o SLG, a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, apoia "calquera reivindicación que vaia na dirección de conseguir un prezo que realmente remunere os custos de produción e en acabar co abuso nos contratos parécenos importante", pero entende que "centrarse no cumprimento dun acordo lácteo que é papel mollado non é ir ao fundamental"

SLG cre que "centrarse no cumprimento dun acordo lácteo que é papel mollado non é ir ao fundamental"

"Nós xa nos negamos a asinalo e, doce meses despois, non trouxo garantía ningunha para o sector", insiste Vilalba, que ve "con bos ollos as mobilizacións que aglutinen o máximo de colectivos do sector", pero que non ten noticias de Agromuralla "agás pola prensa". Ademais, insiste en que a clave está, entre outras, en "acabar coa absoluta impunidade que permite ás empresas impoñer todos os termos do contrato". E cita exemplos de como Leite Río asinaba acordos a 27 céntimos por libro para "logo aplicar descontos unilateralmente ata chegar a 17 ou 11 céntimos". 

Ao tempo, lembra que "cantidades de compañías" seguen a "liquidar unha parte do produto coma se fose leite en po sen ningún tipo de control" ou como "diante dos impagamentos denunciados e con centos de granxas con importes por baixo da media, nin o Ministerio nin a Consellería levaron a cabo accións ningunhas". 

 

Contra as medidas da UE para reducir a produción

O SLG, ao igual que UUAA e a OPL, denuncia tamén as medidas levadas a cabo pola UE para reducir a produción en forma de axudas. Bruxelas anunciou o pagamento de 14 céntimos por cada litro que se reduza desde outubro e por períodos de tres meses co obxectivo de estabilizar os mercados. 

Os sindicatos advirten da posibilidade de que prolifere o "leite negro" e dunha "reconverrsión brutal" que afecte de cheo a Galicia

Roberto García considera "inútiles" unhas medidas que poden provocar que "unha granxa pida a axuda para reducir a produción mentres outra aproveita para producir máis". Ademais, advirte tamén da proliferación do "leite negro" e da picaresca, uha vía para declarar menos produción da real e, ao tempo, aproveitarse das axudas para reducir as entregas. 

Desde o SLG, Vilalba advirte tamén dos riscos de "botar produción do mercado mentres noutro lugar se incrementa sen problema". "Na UE están sustentando unha reconversión brutal do lácteo, incentivando que haxa produtores que deixen de producir e unha substitución deles co incremento das importancións". "Non  nos vale porque nos leva a unha reconversión qeu fará desaparecer a produción en diferentes lugares, e Galicia é unha das candidatas porque é unha das que menos cobra", explica. 

Roberto García (UUAA) e Isabel Vilalba (SLG) © SLG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.