Os recortes regresan aos bancos. Pero en cadro de persoal e oficinas. Desta vez foi o grupo Popular quen puxo enriba da mesa un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que afectará uns 3.000 traballadores no conxunto do Estado e que se ceba en Galicia sobre 450 empregados.
O Banco Pastor pretende un ERE que afectará 3.000 traballadores no Estado, 450 deles en Galicia
Na primeira reunión cos reprentantes dos traballadores, que comezaron este martes, fóronse adiantando xa os propósitos. En Galicia, a entidade bancaria prevé desfacerse do 25% do seu cadro de persoal, uns 450 empregados dos perto de 1.800 cos que conta entre os 1.300 do Pastor e os 500 do propio Popular. O impacto, xa que logo, sería importante no país ao supoñer un 15% do total dos despedimentos e cunha afectación maior á media estatal. E chega tan só catro anos despois de que a integración do antigo banco galego no grupo Pastor supuxese unhas 800 baixas en Galicia entre traslados a Madrid -pola desaparición dos servizos centrais da antiga entidade galega na Coruña- e prexubilacións.
Queda por ver cantos deses traballadores que se poden ver afectados en Galicia poderían acollerse ás prexubilacións, aínda que, segundo datos dos representantes laborais, son tan só uns 250 os que superan os 59 anos no país. Ademais, agás sorpresa, a reestruturación que asume o Pastor levará por diante algunha das sucursais que o grupo ten en Galicia, xa que ten previsto o peche dunhas 300 no conxunto do Estado. Esta nova vaga uniríase ao terzo de oficinas bancarias que os bancos pecharon no país desde que comezara a crise.
Os representantes dos traballadores ven "brutal e desproporcionado" o número de despedimentos previstos e piden "alternativas"
As vindeiras reunións están previstas en Madrid xa a vindeira semana e, segundo a CIG, sindicato maioritario no grupo, a entidade "pretende ter todo finiquitado antes de que acabe o ano, incluíndo os despedimentos e o peche de oficinas". Rosa Conde, secretaria da sección sindical de CIG Banca, presente nas xutnanzas, destaca que é "unha redución brutal" que será aínda máis dura "porque se pretende aplicar de forma inmediata".
Ademais, Conde advirte do "desproporcionada" da medida, "especialmente en Galicia", máis aínda logo de que, hai tan só catro anos, a integración do Pastor no Popular provocase a perda de 400 postos de traballo no país. "É un cuarto do cadro de persoal; será duro porque o banco está moi decidido", explica a representante sindical, que lamenta que desde a entidade "non se puxesen enriba da mesa medidas alternativas como reducións de xornada ou excedencias temporais". "Loitaremos para salvar o maior número de empregos", insisten desde a CIG, que lamenta tamén que o Popular deixase caer a posibilidade das prexubilacións pero que non especificase, polo momento, nin as condicións nin o número real de aspirantes desa posibilidade.
En canto á marca Pastor, e segundo lles trasladou o grupo aos representantes sindicais, o Popular prevé mantela en Galicia. "E é normal que o faga porque é rendible dentro da entidade", indican.