0 Gardados para despois

Ence dispara un 54% o soldo dos seus altos directivos tras o indulto de Rajoy á fábrica de Pontevedra

Antonio M. Vélez | eldiario.esAntonio M. Vélez | eldiario.es | @unvelez


A papeleira Ence disparou un 54% a retribución da súa alta dirección no primeiro semestre deste ano, até a cifra récord de 2,285 millóns de euros. O incremento chega tras a polémica prórroga (por 60 anos) aprobada en funcións polo Goberno de Mariano Rajoy o pasado 20 de xaneiro á planta de celulosa da compañía na ría de Pontevedra, que salvou ao complexo dun peche que estaba previsto para xullo de 2018.

O premio de Ence aos sete membros da súa alta dirección, entre os que están o conselleiro delegado, Ignacio de Colmenares, e un fillo do presidente e máximo accionista, Javier Arregui Abendívar (director xeral do negocio Forestal), contrasta coa evolución do beneficio, as vendas e a cotización das accións da empresa nese período.

Entre xaneiro e xuño, o beneficio de Ence reduciuse a practicamente a metade (foi de 11,4 millóns de euros, fronte aos 22,1 millóns dun ano antes), mentres que o resultado bruto de explotación (Ebitda) caeu un 31,2% (até 53,2 millóns) e as vendas baixaron un 7,7%, até 289,2 millóns. A cotización dos seus títulos retrocedeu un 25% nese período.

Os peores resultados explícanse pola caída dos prezos medios da celulosa, principal liña de negocio de Ence co 85,8% dos ingresos e o 84,1% do Ebitda. Entre xaneiro e xuño, os prezos medios da celulosa caeron un 8,3%, aínda que a empresa compensou en parte o descenso grazas ao aumento da produción (5%) pola ampliación da súa fábrica en Navia (Asturias), "xunto coas maiores taxas de utilización conseguidas na fábrica de Pontevedra". O indulto do Goberno custoulle ao presidente Rajoy o título de persoa 'non grata' na que sempre considerou a súa cidade.

O incremento dos soldos dos altos directivos non ten precedentes dende que a empresa desagrega este dato

A planta pontevedresa, que poderá seguir aberta até o 8 de novembro de 2073 grazas á prórroga do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, achegou até xuño o 46,2% da celulosa producida por Ence. Non foi posible contactar con Ence para coñecer as razóns do incremento de soldos da súa alta dirección, que levaron a esta partida a cifras que non teñen precedentes desde que a empresa empezou a desagregar este dato hai dez anos.

O incremento non se trasladou á retribución do consello de administración, cuxos membros cobraron até xuño 528.000 euros (un 5,37% menos) pola súa pertenza a ese órgano, no que sentan tres ex-políticos do PP: a exministra Isabel Tocino, Carlos del Álamo, (ex-conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Manuel Fraga) e Pascual Fernández, secretario de Estado de Augas e Costas con José María Aznar.

O incremento non se trasladou ao consello, no que sentan tres ex-políticos do PP

Privatizada por Aznar en 2001, os principais accionistas de Ence son o empresario Juan Luis Arregui (ex-vicepresidente de Iberdrola e fundador de Gamesa), cun 28,60%, e Alberto Cortina e Alberto Alcocer (Los Albertos), cun 9,9%.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.