Caramelo quebra e pide a liquidación

Sede de Caramelo no polígono de Vío Dominio Público Nemigo

Caramelo quebra e bota o peche. A histórica empresa téxtil galega comunicou este martes a súa solicitude de liquidación, que deixará na rúa 169 empregados en todo o Estado, case a metade deles (79) en Galicia. A empresa de moda, que controla o grupo Inveravante de Manuel Jove, non foi quen de superar e enésima crise sufrida nos últimos anos, marcados por continuos despedimentos e reestruturacións, a última delas a través dun concurso de acredores en 2013. Logo dun ERE de 180 empregados, sumado ao que prescindiu de 237 en 2009, a compañía procurou a saída da crise para se consolidar durante este ano. Non puido. 

Caramelo solicita a súa liquidación dous anos despois de superar un concurso de acredores e tras dous EREs nos últimos anos

Non o logrou malia facer "todo o posible para intentar recuperar a senda da rendibilidade", tal e como asegura Caramelo no comunicado, no que destaca que malia as "diferentes medidas", como a apertura de novas tendas ou o relanzamento da marca, a compañía "non conseguiu superar as perdas dos últimos exercicios, véndose abocada á liquidación". 

A nova nave que a empresa ten no polígono de Vío, do que foi a primeira inquilina, con 4.000 metros cadrados de superficie e os cambios na directiva non lograron os resultados desexados para unha empresa que chegou a contar con 800 traballadores e que xa prescindira de 70 tendas na súa última reestruturación. 

A empresa téxtil recibiu millóns de euros en axudas por parte da Xunta en forma de créditos e avais na última década

Tampouco foron suficientes as axudas que chegaron desde a Xunta nos últimos anos. De feito, o Executivo galego tiña o 7,5% do caital da compañía tras pagar máis de 3 millóns de euros. Foi despois de achegar un crédito participativo de 15 millóns de euros que acabou en nada tras o concurso. Antes, e co gallo do polémico ERE en 2009, o daquela conselleiro de Economía, Javier Guerra, cifrara en máis de 30 millóns as axudas que a Caramelo lle concedera o bipartito, 27 deles en créditos e avais. En 2010, e logo das críticas ao goberno de coalición, a Xunta de Feijóo inxectara 5 millóns máis a través dun préstamo participativo

"A actividade de Caramelo viuse seriamente danada pola profunda crise de consumo que afecta a toda Europa e, de forma particular, a España, mercado ao que a empresa estivo excesivamente exposta nos últimos anos", explica a empresa, que nos últimos anos optou pola deslocalización da súa produción en Asia para logo traela de novo á Península -principalmente en Portugal- e norte de África. 

Logo da solicitude de liquidación por parte da compañía téxtil, será agora o xulgado do mercantil da Coruña quen decidirá as seguintes fases do proceso legal para levala a cabo. 

Os representantes dos traballadores cualifican de "irresponsable" a decisión de Caramelo, que foi anunciada "de maneira sorpresiva"

As traballadoras de Caramelo foron avisadas do peche esta mesma mañá do martes "de maneira sorpresiva", tal e como asegura Víctor Ledo, responsable de CCOO-Industria. "Non sabemos exactamente a que obedece esta decisión nin por que se fan así as cousas; se hai que buscar un investidor, a Administración pode facer moito para logralo", insiste quen cualifica de "irresponsable" a posición de Caramelo que, advirte, é "unha máis" nun sector téxtil "que vai a pique en Galicia a excepción de Inditex". Ademais, xa anuncia que o comité de empresa solicitará unha reunión este mércores coa dirección da compañía e pedirá tamén toda a documentación remitida ao xulgado. "Loitaremos para evitar o peche como sexa", remata. 

 

Un símbolo do téxtil galego

Caramelo naceu en 1969 e foi fundada por José Antonio Caramelo, xunto ao seu sobriño Javier Cañás e Luis Gestal. O home que dá nome á marca fora tamén un dos fundadores de GOA con, entre outros, Amancio Ortega, no que serían os alicerces do futuro imperio Inditex. A principios do século XXI a compañía espállase polo mundo adiante, chega a máis de vinte países e en 2005 adquire Antonio Pernas, que acabaría integrado plenamente na empresa. Outra marca ilustre que desaparece.

Con Caramelo desaparece tamén a marca de Antonio Pernas, integrada no grupo téxtil desde hai anos

Tras a entrada de Manuel Jove -que acabaría por controlar o 92,5%, co restante en mans da Xunta- para intentar resucitar unha compañía xa en serios problemas, diferentes gobernos galegos apoiána a través de diferentes créditos a Caramelo, que leva a cabo un importante ERE en 2009 e outro tan só uns anos máis tarde, deixando na rúa máis de 400 persoas. En 2013 a firma solicita o concurso de acredores, que supera en 2014. Dous anos despois, solicita a liquidación. 

Galicia afronta este inverno a perda duns 750 postos de traballo cos EREs de Popular e Extel e a liquidación de Caramelo

Máis destrución de emprego en Galicia

A nova da liquidación de Caramelo e a perda de 79 empregos únese aos EREs anunciados en diferentes empresas de Galicia. Na Coruña, o centro de atención de chamadas Extel prevé despedir 205 persoas, mentres que o Grupo Popular conta con prescindir da metade do seu cadro de persoal nan comunidade, un total de 435 persoas. De unir esas baixas ás previstas na empresa téxtil e en Isolux, este inverno podería remtar cuns 750 postos de traballo menos en Galicia. 

Manifestación contra un dos últimos ERE en Caramelo © CIG
Tenda de Caramelo nun centro comercial Dominio Público Nemigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.