- A afiliación á Seguridade Social acumula dous anos de medre e cinco por baixo do millón de empregos
- A temporalidade segue a aumentar mentres volve baixar a taxa de cobertura
O paro rexistrado subiu en Galicia en 4.604 persoas durante o pasado outubro con respecto ao mes anterior, segundo os datos feitos públicos este xoves polo Ministerio de Emprego. A fin definitiva dos efectos da época estival e de milleiros de contratos no sector servizos volve incrementar o desemprego cun aumento do 2,4%, máis de un punto superior á suba estatal.
A fin do efecto estival provoca a suba do paro rexistrado en 4.604 persoas en Galicia durante o mes de outubro
Así, a cifra de parados rexistrados en Galicia sitúase preto dos 200.000 (198.940), que son 23.152 menos que hai un ano. Mentres, o número de afiliados á Seguridade Social descende en 1.335 en outubro pero increméntase tamén con respecto a hai un ano en 20.346, situándose en pouco máis de 971.500 cotizantes. Esta diferenza duns tres milleiros entre a redución do paro e a alta de traballadores é debido a varias circunstancias, como a emigración e fuxida da poboación activa, o desánimo que leva a desapuntarse das listaxes de demandantes de emprego ou o paso á economía en b. Non todo o descenso do paro rexistrado equivale a novos postos de traballo. No entanto, no conxunto do Estado esta tendencia é á inversa, o que indica claramente a febleza do mercado laboral galego.
Porén, a conta oficial do paro rexistrado volve deixar fóra determinados colectivos, algo que sucede desde hai máis dunha década por un cambio na cuantificación, e que agocha un bo número de parados das estatísticas. De feito, os últimos datos da EPA -Enquisa de Poboación Activa, realizada con entrevistas en fogares e cuxas cifras son consideradas máis fiábeis a nivel autonómico e estatal en todos os ámbitos económicos- achéganse máis aos números reais. A do terceiro trimestre situaba o número de parados en Galicia en 206.700. O número total de demandantes de emprego non ocupados nas oficinas de emprego do país é de 213.708. De ter en conta, tamén, o total de inscritos sen excluír aqueles que solicitan determinadas condicións especiais para acceder ao emprego, a cifra total superaría os 230.000.
O total de demandantes de emprego en Galicia supera os 230.000 de incluír todos os que buscan un traballo nas antigas oficinas do INEM
De onde sae esta importante diferenza? De reparar nas estatísticas oficiais do Ministerio, o número total de demandantes de emprego nas oficinas do Servizo Público de Emprego sitúase actualmente nos 257.420 persoas. Para limitalo ás desempregadas, habería que prescindir dos demandantes de emprego ocupados, uns 26.526 en Galicia, que teñen un traballo pero están buscando outro e inscritos nas antigas oficinas do INEM.
Pero as estatísticas oficiais do paro rexistrado non só omiten -por razóns obvias- quen está xa a traballar, senón tamén outros colectivos. Para empezar, aqueles que se inclúen entre os de "dispoñibilidade limitada", desempregados que teñen intención de traballar pero que esixen unhas condicións determinadas en canto ao horario, xornada ou localización, como aqueles que solicitan un traballo de menos de tres meses ou de xornada reducida de menos de 20 horas semanais. Tal e como especifica o Ministerio, tamén se refire a aqueles "demandantes de emprego que indican na súa solicitude condicións especiais de traballo", como por exemplo "só a domicilio, teletraballo ou no estranxeiro". En Galicia, son 17.186 persoas as que se atopan nesta situación.
As estatísticas oficiais exclúen dos parados rexistrados aqueles que piden un traballo conxuntural, de xornada reducida ou nun lugar específico
O resto de desempregados situaríanse na categoría de Demandantes de Emprego Non Ocupados (DENOS), na que se inclúen os considerados parados rexistrados a efectos das estatísticas oficiais difundidas logo polas Administracións, pero tamén outro grupo amplo de persoas sen traballo que non contan como desempregados oficialmente. En total, os DENOS en Galicia suman 213.708 persoas. 198.940 delas son as que este mesmo xoves se veñen de sinalar como o número total de parados rexistrados. O resto, 14.768 que se inclúen non grupo de non ocupados / Teass.
As cifras da Administración exclúen do dato do paro case 15.000 galegos que acoden a cursos de formación ou buscan emprego mentres estudan
Neste último colectivo inclúense desempregados que están facendo algún tipo de formación das oficinas de emprego, e que na maioría dos casos son obrigatorios para acceder a determinados tipos de axudas. Tampouco se contabilizarían entre os parados rexistrados os que buscan o seu primeiro emprego durante ou tras finalizar os estudos ou, no caso doutros territorios, traballadores beneficiarios do subsidio agrario.
Alén disto, tampouco todos os parados están inscritos nunha oficina do Servizo Público de Emprego xa que esa obrigatoriedade só abrangue aqueles desempregados que teñen dereito a percibir algunha prestación por desemprego ou a beneficiarse de políticas activas. O desánimo e a busca de traballo por outras vías provoca que haxa moitos parados que non estean inscritos non antigo INEM pero logo si engorden as estatísticas da EPA.