0 Gardados para despois

Caramelo e Viriato: liquidación e 200 persoas á rúa en Galicia, o 80% delas mulleres

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


200 empregos destruídos en tan só uns meses. A liquidación de dúas históricas empresas do téxtil galego, Caramelo e Viriato, supón a perda de dúas firmas fundamentais no pasado máis recente, volve golpear a industria en Galicia e deixa na rúa moreas de persoas. Ademais, volve cebarse co traballo feminino, moi maioritario nun sector no que o éxito dalgunhas compañías contrasta coa agonía de moitas que desaparecen e seguen o ronsel doutras que xa son historia. 

A liquidación de Caramelo e Viriato deixa 200 persoas na rúa, entre o 80 e o 85% delas mulleres

Porque as mulleres son, falando de cifras aproximadas, entre o 80% e o 85% dos cadros de persoal das compañías e, xa que logo, do conxunto de despedimentos, tal e como lembra Dores Martínez, secretaria nacional da FGAMT-CIG, que lembra que o respecto aos cumprimentos de xornada ou á retribución dos permisos no caso destas dúas compañías contrasta cunhas condicións precarias históricas do sector. "Todo o mundo sabe que o téxtil tivo os seus anos de ouro ao tempo que as mulleres sufrían de precariedade e dunha situación laboral pésima, e iso foi recoñecido polas propias compañías", engade. 

Pero os peches seguen chegando. O último episodio foi o de Viriato, que o pasado luns anunciou que presentará axiña a solicitude de liquidación ante os xulgados ao empeorar as súas previsións de actividade para os vindeiros meses. El Corte Inglés advertiulle que non lle compraría prendas para a súa colección primavera-verán do vindeiro ano, supoñendo como supón o 40% da facturación da compañía de Ordes. Era algo previsible logo de que a firma non fose quen de servir todo o pedido para a actual campaña de outono-inverno ante a súa importante falta de liquidez. 

Viriato pecha e despide 120 persoas, que  hai que unir ás 40 que xa perderan o seu traballo hai un ano

Liquídase Viriato e quedan na rúa 120 persoas, ás que hai que unir as 40 que xa perderan o seu traballo o ano pasado na última reestruturación. Como en Caramelo, a crise foi vindo aos poucos e ameazante. No caso da téxtil que controla o grupo Inveravante de Manuel Jove, a súa liquidación supón a marcha de 169 empregados, 79 deles en Galicia. E chega tras non superar os continuos problemas de viabilidade dos últimos anos, marcados por continuos despedimentos e reestruturacións, a última delas a través dun concurso de acredores en 2013 e un ERE de 180 empregados, sumado ao que prescindiu de 237 en 2009. Tamén daquela, as mulleres foron case exclusivamente as afectadas. 

A liquidación de Caramelo e o despide de 169 persoas chega tras dous ERE nos últimos sete anos con máis de 400 baixas

"Non creo que sexa síntoma de que as cousas van ir peor no sector, pero si dunha xestión pésima e mesmo interesadamente pésima por parte de propietarios e accionistas en ambas as dúas empresas", di Dores Martínez. O caso de Caramelo e Viriato, segundo analiza, ten que ver "co afán de incrementar a marxe de beneficios que levou á externalización e deslocalización da produción malia a perda de calidade". E todo isto, como lembra, en marcas dirixidas a un cliente cunha capacidade económica elevada e a un prezo importante. 

"A propia Viriato recoñece que non foi quen de responder ao pedido de El Corte Inglés. Por que? Pois porque a deslocalización a Portugal  non deu resultado, mirouse só conseguir man de obra máis barata e acabouse apañando isto", explica quen advirte tamén dunha cuestión coincidente tanto en Caramelo como na empresa de Ordes agora camiño da liquidación: as importantes axudas da Xunta recibidas nos últimos anos. 

 

Axudas públicas

Logo do despedimento de 40 traballadoras mediante un ERE en agosto de 2015, Viriato recibo unha axuda de 1 millón de euros da Administración galega. "Malia iso", como lembra Dores Martínez, "comeza acumular débeda cos traballadores, séguea acumulando cos talleres auxiliares e dos 40 despedidos hai máis dun ano só sete deles teñen cobrado a indemnización pactada". 

No caso de Caramelo, o Executivo galego tiña o 7,5% do capital da compañía tras pagar máis de 3 millóns de euros. Foi despois de achegar un crédito participativo de 15 millóns de euros que acabou en nada tras o concurso de 2013. Antes, e co gallo do polémico ERE en 2009, o daquela conselleiro de Economía, Javier Guerra, cifrara en máis de 30 millóns as axudas que á irma lle concedera o bipartito, 27 deles en créditos e avais. En 2010, e logo das críticas ao goberno de coalición, a Xunta de Feijóo inxectara 5 millóns máis a través dun préstamo participativo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.