"Monbus véndese: Alsa e Arriva, á expectativa". O titular na primeira páxina na edición do xornal Expansión do pasado venres axitou o sector do transporte. A posibilidade de que o xigante que controla dende Galicia máis da metade das liñas de autobús do Estado poida cambiar de mans sería un verdadeiro terremoto empresarial con implicacións económicas, sociais e tamén políticas. Ás poucas horas dende a contorna do grupo que preside Raúl López advertiuse de que o que podería cambiar de mans é, como moito, un terzo da empresa, o que pertence a Abanca. No entanto, no sector lese a nova como un novo sinal dos abondosos ruxerruxes que arrodean a compañía con sede en Lugo dende hai meses.
"Nos meus plans non está vender", afirmou López en declaracións a El Progreso tras a saída á luz dunha nova tras un dos períodos máis convulsos para a empresa. A rotundidade das súas verbas contrasta cos movementos en torno a Monbus que, segundo fontes do sector consultadas por Praza.gal, se suceden dende hai meses. O interese de Alsa ao que apunta Expansión viríase unir a outras grandes empresas do transporte que, indican as mesmas fontes, pairan sobre Monbus dende hai tempo. Soan con especial forza dous nomes tamén aludidos polo xornal madrileño: a alemá Deutsche Bahn -Arriva é parte deste grupo- e a mexicana Autobuses del Oriente (ADO), compañía referente no país centroamericano e propietaria dende 2013 da española Avanza.
López nega ter "plans" de venda e Monbus só admite posibles movementos no 34% que pertence a Abanca
Pero, que podería provocar que Monbus cambiase de mans? As fontes consultadas por este diario apuntan, fundamentalmente, a dous factores. Un sería a inexistencia dunha remuda xeracional clara para o presidente do grupo cando opte pola xubilación -López naceu en 1950-. Outro, os problemas xudiciais nos que se ve inmerso dende marzo de 2015, cando a xuíza Pilar de Lara lanzou a denominada Operación Cóndor. De Lara, que xa cuestionara o proceder de Monbus a raíz de escoitas do caso Pokémon, comezou esta nova operación arrestando a López e manténdoo detido durante tres días nos que foi cuestionado por presuntos movementos de diñeiro negro.
A inexistencia de relevo xeracional na empresa e os problemas xudiciais nos que se viu inmersa son, segundo fontes do sector, os principais factores que poderían provocar a operación
O levantamento do segredo de sumario, o pasado verán, revelou que a maxistrada investiga o empresario -antiga imputación- por presuntos delitos fiscais e de branqueamento de capitais, ademais de falsidade, tráfico de influencias e suborno. López, no entanto, vén declarándose "tranquilo" dende hai meses a respecto desta investigación. "Puido haber algunha irregularidade administrativa, pero está aclarada", subliñou mentres, en varias declaracións públicas, asegurou que as súas empresas sempre "cumpriron a lei".
Con este pano de fondo, o que si se admite dende a contorna de Monbus é a posibilidade de que o 34% das accións, as de Abanca, cambien de mans. Estas son as herdadas da desaparecida Novacaixagalicia e o movemento suporía que a entidade financeira siga a liña de desinvestimentos xa iniciada coa fusión de Caixa Galicia e Caixanova e, do mesmo xeito, dende a compra de Novagalicia Banco por parte do venezolano Banesco. Alén diso, indican, as intencións pasan por continuar a expansión que caracterizou o grupo nos últimos anos.
Momento clave para o sector en Galicia
A anulación polo Supremo das prórrogas das liñas de bus aprobadas pola Xunta en 2010 impactou notablemente en Monbus
Unha eventual venda de Monbus sería un movemento de grande importancia para o sector do transporte en Galicia nun momento clave. O transo é tal por mor da sentenza que o pasado marzo botou abaixo a prórroga das liñas de autobuses outorgada pola Xunta en 2010, que impactou en boa medida nas expectativas do negocio de Monbus. A maior parte das 129 prórrogas anuladas terán que ser adxudicadas de novo e, segundo a Xunta, a oportunidade será aproveitada para reorganizar o conxunto do transporte de viaxeiros por estrada, reordenando un mapa que se remonta a "diferentes momentos do século XX" e que, en boa medida, xa non responde ás necesidades de mobilidade da poboación.
Se a maioría das accións da empresa chegasen a ser vendidas -algo que López asegura non prever- a influencia da compra e venda non se limitaría unicamente ao mundo do transporte. Non en van, alén do amplo grupo de compañías de autobuses de liña, discrecionais e urbanos, das empresas de Raúl López dependen tamén concesións públicas como o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago. Ademais, López é tamén presidente do CAB Obradoiro, equipo de baloncesto da capital galega ao que chegou tras dúas xeiras na presidencia do Breogán de Lugo.