Facenda pon atrancos nas axudas para a incorporación ao agro da xente moza

Explotación láctea en Galicia © Sara Torreiro

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, facía balance a pasada semana da repartición de fondos europeos do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 centrado en tres liñas de actuación: apoio a pequenas granxas, plans de mellora nas explotacións agrarias e incorporación de xente nova. Neste último ámbito, foron 618 as incorporacións de mozos e mozas ao agro ao abeiro desta achega que no global ascendeu a algo máis de 24 millóns de euros no pasado 2016 en Galicia e que conta con 20 millóns orzamentados para este exercicio. Axudas de perto de 40.000 euros de media por explotación que, no entanto, viran nun problema para moita xente nova beneficiada cando chega Facenda, que pode tributar até un terzo da subvención recibida. 

618 mozos e mozas incorporáronse ao rural ao abeiro das axudas dos fondos europeos, uns 40.000 euros de media por explotación

Así o vén de denunciar o Sindicato Labrego Galego (SLG), que critica que unhas axudas "que deberían servir para apoiar os inicios dunha actividade profesional" están, realmente, a supor para moita xente nova "un auténtico viacrucis burocrático, impositivo e sancionador por parte da Axencia Tributaria". Por que? A aplicación do IRPF, ao ser consideradas as achegas ganancia patrimonial, faise sobre o total e é "excesivo", como asegura a organización agraria. Ademais, e ao non ser consideradas investimento de capital por Facenda, como así son, non tributan de xeito rateado durante os cinco anos de período de instalación dos mozos no rural, como se facía até o ano 2014 e como levan a cabo aínda algunhas administracións. 

As axudas chegan a tributar até un terzo do total ao ser consideradas investimento de capital e non poder ratearse

"Isto crea dificultades engadidas ás persoas beneficiarias nun período moi delicado da súa actividade profesional no que se deben enfrontar a numerosas amortizacións e precisan dispoñer de liquidez", advirte o SLG, que relata o caso de xente nova que cobrou en 2014 uns 22.000 euros de subvención que, ao ser considerados ganancia patrimonial, fóronlles reducidos enre 5.000 e 6.000 euros de impostos, ao que  nalgún caso houbo que engadir sancións duns 1.000 euros polo erro de non teren declarado a axuda malia non seren informadas da obrigatoriedade de facelo. Ademais, ao serlles aprobadas as achegas no ano anterior ao cobro efectivo delas, a declaración da renda afecta ao exercicio non que aínda non se recibiran. 

"Consideran estas axudas como un gasto corrente e non un investimento de inmobilizado", di unha afectada

"Mesmo houbo casos de persoas beneficiarias que renunciaron á axuda ou, finalmente, cobraron unha contía menor, ás que se lles obrigou a pagar igual", insiste o SLG. De entre os casos, tamén está o de Conchi Docampo, labrega moza pendente de achegar a documentación requirida a Facenda pero que advirte dos problemas que vai sufrir cos novos criterios. "Consideran estas axudas como un gasto corrente e non un investimento de inmobilizado", asegura sobre uns gastos xa realizados para a súa horta. Co cambio de criterio, non poderá ratear o pagamento de impostos, asumirá un elevado pagamento tributario e verá como o cobro desta axuda -que xa foi gastada en equipamento e necesidades para a explotación coas súas conseguintes facturas- poderá afectarlle noutras posibles axudas institucionais. 

"Ao contabilizar todos os cartos nun ano só, perdes axudas noutros ámbitos; se tes fillos, a subvención para a escola infantil ou a posibilidade de comedor escolar acaban sendo afectas por esta declaración da renda", explica quen aclara que "empezar no rural non é doado" e que opina que "non pode ser que nestas circunstancias veña Facenda a darche este golpe". 

O SLG pide que se permita "ratear o imposto durante cinco anos" como paso previo á "exención fiscal" deste tipo de axudas

Ante esta situación, o SLG ve "positivamente" as 618 incorporacións de xente nova ao agro aprobadas, pero pide que se "unifique o criterio de ratear o imposto sobre esta subvención durante os cinco anos obrigatorios do período de instalación" e que "non se lle cobre a ningunha persoa beneficiada a totalidade do IRPF no mesmo ano coma se a axuda fose un incremento de capital". Ao non haber solución á vista, a organización advirte dos atrancos que terán que afrontar eses máis de 600 mozos que reciben as axudas. 

Do mesmo xeito, reclámanlle á Consellería de Medio Rural que se reúna coa Axencia Tributaria para "esixir, de maneira inmediata, a unificación de criterios para que todas estas axudas sexan consideradas investimento de capital por Facenda, de maneira que tributen de xeito rateado". Sería, como di o SLG, unha "medida transitoria" antes de que, "a medio prazo", a Xunta negocie co Ministerio de Facenda "a exención de tributos para este tipo de axudas".

"As axudas para apoiar a incorporación de xente nova ao agro deben estar exentas de tributar impostos, xa que fiscalizalas atenta contra a función para a que foron concibidas", di o SLG, que cre que "unha excesiva imposición, como o IRPF actual, crea dificultades engadidas ás persoas beneficiarias nun período moi delicado da súa actividade profesional no que se deben enfrontar a numerosas amortizacións e precisan dispoñer de liquidez".

Programas claves nun rural envellecido

Segundo destacou Medio Rural no seu balance, a pasada anualidade foi para estas axudas a de maior contía desde que se tramitan, tanto en global como de media por explotación, e nelas destináronse máis fondos neste 2016 que no conxunto das últimas catro anualidades (24,3 millóns fronte a 24,1, segundo destaca a Consellería).

Por provincias, a de Lugo foi a que recibiu un maior número de axudas, mentres que a maior parte dos expedientes (38%) corresponden a explotacións de vacas de leite e de vacún de carne, que supoñen arredor do 20%. Como destaca o SLG, programas deste tipo e a remuda xeracional son claves para afrontar retos como a estruturación do territorio, o despoboamento rural, a absoluta dependencia alimentaria do exterior ou o paro xuvenil. Máis nun pais no que, segundo os últimos datos, máis do 60% dos e das profesionais no campo superan os 60 anos de idade e tan só o 5% ten menos de 40.

Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Rural, xunto a un mozo gandeiro © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.