Galicia encabeza a suba do paro en decembro no Estado malia á baixada anual do 10%

Vista dunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

"Os datos do paro amosarán os mellores resultados interanuais desde que comezou a crise", advertía este martes o conselleiro de Economía, Francisco Conde, que aventuraba unhas excelentes cifras para o desemprego rexistrado nos datos que se fixeron públicos este mércores. Referíase ao conxunto do Estado, que si rexistra cifras históricas, pero non parece que estivese falando de Galicia. O país lidera a suba do número de parados en decembro ao incrementarse en 2.360 persoas (+1,16%) fronte ao descenso do -2,29% en España, onde baixa en 86.849. 

Galicia lidera o incremento do paro no Estado, onde só subiu en catro autonomías

Galicia queda con 205.914 parados rexistrados nas oficinas de emprego, que son 22.894 menos que hai un ano, un descenso do 10%, máis na liña da media do Estado, onde o desemprego foi de 390.534 persoas (-9,6%), o maior interanual desde que hai series históricas. Con todo, no pasado mes de decembro tan só en catro autonomías subiu o paro (Cantabria, Navarra e La Rioja, ademais de Galicia). Malia ser un período onde aumentan considerablemente as contratacións no sector servizos pola campaña do Nadal e as posteriores rebaixas, nin así se librou o país dun mal dato que contrasta cos números positivos de compararmos con hai doce meses. 

O país destruíu en decembro case 5.000 empregos e é a cuarta autonomía que xera menos emprego en España

O que non muda é a febleza do mercado laboral galego. A comunidade perdeu no pasado mes 4.809 afiliados á Seguridade Social, o dobre do aumento do paro rexistrado. Pola contra, en España a cifra de cotizantes medrou en case 70.000 ao tempo que tamén descendeu o desemprego.

Esta diferenza dunhas 2.500 persoas entre a redución do paro e a alta de traballadores é debido a varias circunstancias, como a emigración e fuxida da poboación activa, o desánimo que leva a desapuntarse das listaxes de demandantes de emprego ou o paso á economía en b. Unha problemática, a perda de activos, que non se detén en Galicia, que é a cuarta autonomía do Estado que xera menos emprego, só por diante de Extremadura, Asturias e Castilla y León.

Daquela, o número de cotizantes en Galicia sitúase amplamente por baixo do millón de persoas, nas 963.735, e aínda así son 17.613 máis que hai un ano, un incremento do 1,9%. Un bo dato que non chega para asentar a recuperación, asentada moitas veces nun sector servizos que non tirou tanto como o agardado neste Nadal. 

O descenso do paro no sector servizos non compensa desta vez o importante incremento na agricultura, industria e construción

O paro aumenta nas dúas provincias atlánticas mentres descende en Lugo en 30 persoas e en Ourense, en 36. Na Coruña increméntase en 1.282 persoas, mentres que en Pontevedra faino en 1.144. No conxunto do país, descende no sector servizos en 914, así como no colectivo sen emprego anterior 428. Pero agricultura, industria e construción seguen a encher as listas do paro, ao subir respectivamente en 515, 1.335 e 1.852. O mercado laboral empeora aló onde debería mellorar para asentar a recuperación nun emprego que vaia máis aló da temporalidade, a hostalería e o comercio. 

O incremento do paro no mes de decembro é unha constante en Galicia nos últimos anos. Nesta ocasión, o aumento é menor que o do ano pasado, pero o dato interanual é peor que daquela. 

En termos interanuais, o paro cae en ambos sexos, pero a recuperación volve beneficiar moito máis a homes que a mulleres. O desemprego masculino descende nun 11,7% fronte á menor caída, o 8,54%, do feminino. Por idades, para os menores de 25 anos o desemprego sitúase en 9.391 persoas en decembro, cunha evolución máis favorable que a do total do paro. Medra no conxunto de idades o 1,16% e nos menores de 25 anos cae o 4,53%. No conxunto do ano hai unha caída tamén máis importante entre os mozos (- 17.3%, que son 1.969 persoas desempregadas menos fronte ao -10% do total).

Ademais, e como vén sendo habitual, o emprego que se crea nin é estable nin ben pagado. Dos máis de 71.500 contratos asinados en decembro -o que proba a elevada rotación que se dá no mercado laboral-, máis de 66.000 eran temporais, tan só o 7,5% foron fixos. En termos mensuais, baixou a contratación e con máis a indefinida: 692 contratos indefinidos menos (-11,5%) e 3.879 temporais menos (-5,5%). Na comparación anual, rexistráronse 937contratos indefinidos máis (+21,3 %) e 1.926 temporais máis (+3%)

A taxa de cobertura é do 52,5% en Galicia, onde hai 105.500 persoas desempregadas que non cobran prestación ningunha

Por outra banda, a cifra de beneficiarios con prestacións por desemprego en Galicia en novembro de 2016 é de só 98.059, polo que segue en valores mínimos. O carácter contributivo desta prestación está en mínimos, tan só 40.535 son beneficiarios de prestación contributiva. A taxa de cobertura é do 52,5% no mes, moi por debaixo do 55,7% no Estado. Xa que logo, en Galicia hai 105.495 persoas desempregadas sen ningún tipo de cobertura.

 

A Xunta céntrase no dato interanual

Desde a Xunta fan fincapé nos datos interanuais. Así, a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, asegura que Galicia "está consolidando a súa recuperación económica porque o ano acabou con menos paro e cun crecemento nas afiliacións á Seguridade Social e na contratación indefinida e a tempo completo". Repecto ao incremento do desemprego intermensual, advertiu que é algo que se vén repetindo desde que hai datos polo que "é un aumento que ten lugar independentemente da marcha do ciclo económico”.

En Marea, pola súa banda, pediu á Xunta que explique "por que Galicia ten o pero dato" do Estado e contrasta as cifras co "triunfalismo" da Xunta. Para o PSdeG, os datos son preocupantes pola "incapacidade de Galicia de aumentar cotizantes", así como pola "fenda con respecto a España". A portavoz de Emprego do grupo parlamentario, Noela Blanco, advirte que o país vai “varias velocidades por debaixo do resto” e chama a “unha reflexión profunda” pola precariedade e a temporalidade.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.