Na súa declaración ante a Audiencia Nacional, Julio Fernández Gayoso defendía as indemnizacións millonarias aos directivos de Novacaixagalicia, entidade efémera resultado da fracasada fusión das caixas. Aqueles millóns eran merecidos por seren os seus receptores "culpables do éxito", segundo dixo ante o tribunal que o acabaría condenado a cadea. Con 86 anos cumpridos no mes pasado, pasou xa a primeira noite na prisión da Lama, unha imaxe entre reixas tan impensable como símbolo da fin dunha era e, posiblemente, do final dun xeito de facer.
Méndez marchou a tempo, saíu indemne pero pactou antes unha indemnización de 18 millóns de euros
Ou non. Mentres el é detido en Vigo, no norte, a uns 160 quilómetros, o outro gran xerifalte das caixas galegas contempla a escena. José Luis Méndez liscou ao comprobar o Banco de España a lamentable situación na que se atopaba Caixa Galicia. Pero antes pactou a súa onerosa saída, cifrada en 18 millóns de euros de indemnización e numerosos privilexios, cifra que reclamou para afastarse dun proceso de fusión cuxas fotos de brinde, cos dous banqueiros intocables xunto a Feijóo, quedarán para sempre na galería de imaxes incómodas do presidente.
Gayoso non se asignou, como outros tres directivos presos, indemnización ningunha, pero a Audiencia Nacional considérao responsable do acontecido. De feito, se algo se facía nas caixas galegas (e en moitos outros ámbitos) era porque Méndez e o seu homólogo en Caixanova o permitían. Entre os dous acumulan moreas de recoñecementos, entre eles a Medalla Castelao. E dificilmente os políticos se entrometían nas súas decisións, máis ben ao contrario.
Gayoso acaba na cadea con 86 anos e logo de 70 vinculado ao sistema financeiro galego
O que fora director xeral de Caixanova acaba na cadea logo de 70 anos (se-ten-ta) vinculado a entidades financeiras, primeiro á Caixa de Aforros de Vigo -da que acabou sendo director executivo con 34 anos- e logo como máximo responsable da gran caixa do sur de Galicia, resultado de múltiples fusións. Un percorrido semellante seguiu Méndez, 14 anos máis novo. Logo de comezar na Caja de Ahorros de Ferrol, accedeu á dirección xeral de Caixa Galicia en 1981 até que dimitiu cunha entidade en quebra camiño da fusión.
O mesmo día que Novacaixagalicia comunicaba aos sindicatos que era "insostible" a súa obra social e que eran inevitables os despedimentos, desvelábase que -descontados impostos- Méndez recibira 8,5 millóns do fondo de pensións de Caixa Galicia e outros 2,7 en concepto de indemnización por rescisión anticipada de contrato. Case 11 millóns netos de retiro dourado.
Méndez escapou a tempo mentres Gayoso era considerado pola Audiencia Nacional cooperador necesario dese "plan urdido" polos daquela directivos para "procurarse unha situación aínda máis favorable economicamente" ante a súa saída da entidade froito da fusión. E foi condenado por colaborador nese delito de administración desleal en concurso cun de apropiación indebida, ao igual que o avogado Ricardo Pradas, que foi partícipe pero tampouco levou indemnización.
As indemnizacións pactadas polos ex-directivos supoñían máis do 10% dos activos da entidade fusionada
Ambos participaron nos trámites para abonar a catro executivos unha liquidación de 18,9 millóns de euros. Todo cargado ás contas dun banco que estaba valorado daquela en 181 millóns. Xa que logo, máis do 10% dos activos dedicáronse a pagar os despedimentos de catro dirixentes da súa cúpula. Pero un deles non está na cadea nin aparece na lista de condenados. Javier García de Paredes -representante de Caixa Galicia na entidade fusionada logo de que Méndez fose apartado polo Banco de España- foi absolto pola Audiencia Nacional. A Fiscalía retirou a súa acusación na fase de informes do xuízo. Agora o FROB mantén a batalla xudicial na que lle reclama os 5,6 millóns que cobrou ao abandonar a entidade.
Librouse De Paredes pero non José Luis Pego, asesor de prensa que herdou todo o poder en Caixanova. Antigo director xeral da caixa fusionada, abandonouna cunha compensación de máis de 7 millóns de euros, que era o resultado de multiplicar o seu salario fixo (627.000 euros) polos 12 anos que lle quedaban para xubilarse cando entrou en Novacaixagalicia
Os ex-directivos agora presos non devolveron aínda os 10,5 millóns fixados polo Supremo malia a venda de inmobles embargados
Pola súa banda, Gregorio Gorriarán, que fora responsable da división inmobiliaria da entidade, levou unha indemnización de case 5 millóns, mentres que Óscar Rodríguez Estrada, responsable da "integración" das caixas,fora indemnizado con 700.000 euros. Todo, en plena crise, co paro disparado, múltiples escándalos financeiros ocupando as portadas e milleiros de clientes reclamando os cartos substraídos coas participacións preferentes, outro plan urdido polos directivos das antigas caixas galegas.
Ningún dos agora presos acabou por devolver aínda os case 10,5 millóns de euros nos que quedou fixado o importe definitivo, logo da rebaixa que fixo o Tribunal Supremo aludindo ao "chamativo erro" dos cálculos que se fixeran inicialmente.
Como aclara a propia Audiencia Nacional, nin a cantidade consignada polos condenados nin a venda de inmobles embargados foi dabondo aínda para completar os 10.445.586,31 euros que deben devolver. Que manfestasen a súa intención de reintegralos non é suficiente. Desta vez, o seu plan non chega a tanto.