Nosa Enerxía: "Cando hai subas de prezos, moita xente chámanos para aforrar no que paga"

Pablo Álvarez nunha presentación en Betanzos © Nosa Enerxía

A escalada de prezos da electricidade que se está a vivir nas últimas semanas en España está facendo que moitas persoas dirixan a súa ollada cara ás varias alternativas que dende hai uns anos se veñen conformando en forma de cooperativa. Som Energia (que vén de superar as 30 mil persoas sociais), GoiEner ou Nosa Enerxía, entidades todas sen ánimo de lucro, constrúense de forma paseniña pero sólida, apostando polas fontes renovables e polos mecanismos horizontais de decisión, abrindo unha fenda no ata agora sólido oligopolio que domina o mercado eléctrico español.

A cooperativa galega Nosa Enerxía naceu a finais de 2013 e conta xa con 244 socios e socias e aínda que nestes momento centra a maior parte da súa actividade na comercialización, prepara xa proxectos para promover a xeración de enerxía renovable de xeito distribuído e para autoconsumo, apostando "pola promoción dos valores da economía social e do emprego", fomentando "un tecido produtivo enerxético autóctono que sirva para desprendernos das técnicas de xeración de enerxía dependentes do carbono", e tamén impulsando "a intercooperación, a protección do medio ambiente, a democratización do consumo enerxético e a sustentabilidade".

"A suba débese ao modelo enerxético que temos en España, no que estamos obrigados a compensarlles ás grandes eléctricas os seus investimentos nas plantas de ciclo combinado"

Nosa Enerxía defende que os seus socios e socias xa están pagando menos pola electricidade que os usuarios e usuarias da maior parte das grandes compañías españolas, cun aforro que con respecto a Gas Natural Fenosa pode chegar aos 100 euros anuais para unha vivenda media. Falamos co seu presidente, Pablo Álvarez, que nos adianta que nos vindeiros días a cooperativa lanzará unha campaña pola que os seus socios e socias poderán aforrar 5 euros por cada nova persoas que acheguen ao proxecto, que poden chegar a 20 se achegan tres e 40 se achegan cinco.

Como valoras a escalada de prezos da electricidade nas últimas semanas? A que se debe?

Con isto da suba o Goberno di o mesmo que dicía Felipe II (“non vin aquí loitar contra os elementos”). Bótalle a culpa a que non chove, a que non hai vento ou a que baixan as temperaturas. Entón eu pregúntome: como fan eses países do norte de Europa que apostan polas renovables? A suba débese ao modelo enerxético que temos en España, no que estamos obrigados a compensarlles ás grandes eléctricas os seus investimentos nas plantas de ciclo combinado. A suba parece moi sospeitosa, hai algo que cheira a podre en todo isto. En España hai ademais un problema estrutural: aquí estanse facendo poxas enerxéticas a diario, cando en Alemaña fanse cun ano de antelación, para poder compensar estas alteracións. Aquí non se fai planificación ningunha. O sistema é arcaico e está deseñado e dirixido por persoas que teñen unha mentalidade moi arcaica, con apostas que veñen mesmo dende o Franquismo: os encoros, o carbón, as nucleares... En comparación con Alemaña, Dinamarca, Suecia e mesmo Portugal estamos quedando moi atrás.

"O sistema é arcaico e está deseñado e dirixido por persoas que teñen unha mentalidade moi arcaica, con apostas que veñen mesmo dende o Franquismo: os encoros, o carbón, as nucleares..."

O problema é o modelo enerxético?

O modelo non é eficaz. É certo que a enerxía eólica estes días está achegando algo menos do que debería e que sobre todo a hidráulica está moi baixa. Pero en cambio non se está aproveitando a solar, que con este inverno seco que estamos tendo podería compensar isto. A enerxía fotovoltaica funciona mellor nos días soleados do inverno que no verán. Temos o modelo que temos e o prexudicado é o consumidor.

"Non se está aproveitando a enerxía fotovoltaica, que mesmo funciona mellor nos días soleados do inverno que no verán"

A alarma social provocada polo ascenso de prezos está facendo que máis xente se interese por alternativas como Nosa Enerxía?

Estamos recibindo moitas chamadas e mensaxes estes días, si. Moitas veces os medios de comunicación crean unha alarma sobre estes temas e iso fai que a xente tome a decisión de buscar alternativas. Esta semana imos lanzar unha campaña para que os socios e socias paguen menos pola luz. Por cada socio ou socia nova que traian, terán un desconto de 5 euros na súa factura; se traen un segundo socio, outros 5 euros de desconto; e se traen un terceiro, xa serían 10 euros de desconto. O obxectivo é fortalecer a cooperativa.

Cantos socios e socias tedes agora mesmo?

Temos uns 244

E, ademais, algunhas institucións, non si?

Si, incorporáronse algúns concellos, como San Sadurniño, Rianxo ou Ames. Este apoio institucional é moi simbólico e pensamos que é moi importante para visualizar o compromiso con este tipo de proxectos. Noutras localidades a proposta tamén se debateu no pleno, pero non saíu adiante.

"A maior parte da xente que entra na cooperativa busca apostar por outro modelo, que non estea dominado polas grandes eléctricas, e pola enerxía verde xerada de forma sustentable"

Que buscan as persoas que se están incorporando á cooperativa? Mellores prezos? Ou fortalecer un novo modelo enerxético?

A maior parte da xente que entra na cooperativa busca apostar por outro modelo, que non estea dominado polas grandes eléctricas, e pola enerxía verde xerada de forma sustentable. Pero é certo que moitas veces, sobre todo cando hai subas de prezos daluz coma na actualidade, moita xente que nos chama busca aforrar no que pagan.

"Con respecto a un usuario ou usuaria de Gas Natural Fenosa, as persoas socias de Nosa Enerxía están a pagar ao redor de 100 euros menos ao ano"

Podedes ofrecer mellores prezos que as grandes eléctricas, tento en conta que non sodes produtores?

Os nosos socios e socias xa están aforrando cartos con respecto aos usuarios e usuarias da maior parte das grandes empresas. Con respecto a un usuario ou usuaria de Gas Natural Fenosa, as persoas socias de Nosa Enerxía están a pagar ao redor de 100 euros menos ao ano. A isto hai que engadir o 4% de beneficios, que nunha empresa privada vai para a corporación, mentres que en Nosa Enerxía contribúe ao fortalecemento da cooperativa, que é dos socios e socias, que deste xeito reciben un beneficio dobre. Canto máis grandes sexamos, teremos máis ferramentas para abaratar a luz. No momento en que fagamos un contrato bilateral cun xerador de enerxía, como fai Som Energia, poderemos ofrecer mellores prezos. Nós estamos xa negociando con algún pequeno produtor para facelo.

"Ao Goberno non lle interesa que a xente aforre electricidade, todo o contrario. A luz está sendo empregada para facer unha imposición indirecta"

Denunciaba Greenpeace a pasada semana que ao Goberno non lle interese que a xente limite o consumo de electricidade. Estás de acordo?

Ao Goberno non lle interesa que a xente aforre electricidade, todo o contrario. Se baixase o consumo eléctrico, tamén descendería moito a recadación por impostos. A luz está sendo empregada para facer unha imposición indirecta; o Goberno non podería subir o IRPF porque sería unha medida moi criticada, pero aplica outro tipo de taxas e peaxes que tamén provocan un incremento na factura. Fálase moito das subas no prezo da luz, pero esquécese que tres cuartas partes da factura corresponden a outros conceptos.

"Se España comeza a importar menos petróleo, gas e carbón, vai ter grandes beneficios na economía. E ao final o que manda é o billete e é o que vai forzar os cambios. Pero mentres isto chega, o Goberno segue na súa posición"

Es optimista con respecto ao futuro? Cres que veremos pronto en España un cambio de modelo enerxético?

Hai incerteza, pero as sensacións cara ao futuro son positivas. O optimismo non vén porque pense que vai haber decisións políticas nas que prime o bencomún que deseñen unha nova política enerxética para España. Esta nova política vai chegar, como chegan moitas cousas aquí, arrastrada porque os países da contorna van apostar por esas medidas de aforro enerxético e eficiencia enerxética e iso vai lastrar a competitividade da economía española. Xa estamos vendo como países como Portugal están a apostar polas enerxías renovables e por importar menos petróleo moito máis que España e iso está a ter beneficios para eles. En España as grandes empresas xa se están preparando para ese escenario, preparándose para a instalación de placas solares. Se España comeza a importar menos petróleo, gas e carbón, vai ter grandes beneficios na súa economía. E ao final o que manda é o billete e é o que vai forzar os cambios. Pero mentres isto chega, o Goberno segue na súa posición.

"O noso obxectivo é ser tamén produtores, e por iso este ano imos desenvolver un proxecto, mediante a creación dun fondo económico para axudar as persoas socias a instalar paneis fotovoltaicos"

E no que respecta a Nosa Enerxía, cal é o camiño? En que vos ides centrar nos próximos tempos?

Temos moitos proxectos. De momento estamos moi centrados no traballo de comercialización, pero o noso obxectivo é ser tamén produtores, e por iso este ano imos desenvolver un proxecto, mediante a creación dun fondo económico para axudar as persoas socias a instalar paneis fotovoltaicos ou mesmo para deseñar proxectos máis grandes. Tamén queremos avanzar en cuestións de mobilidade, promovendo o coche eléctrico ou a bicicleta eléctrica. Non queremos agardar ao momento en que a lexislación sexa máis favorable, queremos movernos dende xa.

 

Nosa Enerxía conta na actualidade con 244 socios e socias © Nosa Enerxía
Pablo Álvarez nunha presentación en Betanzos © Nosa Enerxía
Comparativa de prezos realizada pola cooperativa © Nosa Enerxía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.