Outra folga no telemárketing: por un convenio xusto e contra a eterna precariedade

Persoal do sector do telemárketing © CCOO

Novo ano e nova folga no sector de telemárketing. Uns 5.000 traballadores en Galicia -e un total de 100.000 en todo o Estado- están chamados este xoves 26 a un paro xeral ante o bloqueo e a exigua oferta á baixa que a patronal ofrece na negociación dun convenio colectivo que acumula dous anos de conversas sen apenas avances.

Logo dun pasado ano con varias mobilizacións e folgas, CGT e CIG -sindicato maioritario no país- convocan este paro xeral que se estende a todo o Estado e que non secundan nin UGT nin CCOO, as outras dúas centrais que sentan na mesa negociadora do convenio estatal de centros de chamada, cuxa última xuntanza tivo lugar o pasado 11 de xaneiro.  

A patronal bloquea a negociación dun convenio colectivo caducado en 2014 e retira a exigua proposta de suba dun 1% dos salarios

A nova marcha atrás da patronal na negociación foi desta vez para reducir a exigua proposta inicial de subir os salarios un 1%, que retira ao superarse a súa previsión de crecemento do IPC. Con todo, como lembran os sindicatos, o incremento nos soldos dos traballadores dos call center con respecto ao 2010 apenas superou o 2% fronte a un aumento do IPC de máis do 9%, mentres que na última década a suba sitúase nos 60 euros brutos. "Estannos roubando cartos e precarizando cada vez máis", coinciden CIG e CGT. 

A proposta patronal insiste, ademais, en recortar dereitos -coma as horas para ir ao médico- e empeorar condicións, ampliando por exemplo as bandas horarias nas que os e as empregadas deberían estar dispoñibles para a empresa. Todo para un novo convenio xa que o anterior caducou en 2014 e as precarias condicións continúan estancadas. 

Movistar, Santander, Popular ou Vodafone, empresas para as que traballan os 'call center', aumentan os seus beneficios cada ano

"É un traballo que segue igual de precarizado e feminizado, sen posibilidades de conciliación, con contratos por horas e sen pinta de que a cousa vaia mellorar", expresa Laura Pérez, representante da CIG na comisión negociadora do convenio, que coincide na análise con David Doural, voceiro de CGT no sector en Galicia e presidente do comité de empresa de Extel, que vén de sufrir un ERE na Coruña co que foron á rúa máis dun cento de persoas. "Oo noso soldo é dúas ou tres veces menor que o que cobran polo mesmo traballo os empregados directos que fan o mesmo labor nas empresas para as que traballamos", destaca. 

Refírese a Movistar, Vodafone, o Banco Santander, o Popular, ademais de diversas administracións públicas. "Compañías que cada ano gañan importantes beneficios", destaca Pérez. "Empresas que non só non se preocupan desta situación, senón que aproveitaron a crise para gañar aínda máis", engade Doural, que pon un exemplo recente: o Popular vén de levar a cabo un ERE no que prescindiu de postos de traballo que foron substituídos por empregados de telemárketing que fan o mesmo labor que antes se facía desde a entidade bancaria pero por moitos menos cartos. 

A crise provocou que a un sector precarizado, feminizado e moi mozo se incorporase moita xente de maior idade

Porque o certo é que o traballo nos centros de chamadas vai cada vez a máis e o que antes era un sector limitado case exclusivamente a xente moza está a cambiar. "A medida de idade antes era baixa, pero a crise fixo que fosen moitas as persoas que tiveron que incorporase ao telemárketing malia as condicións", explica Laura Pérez. 

As condicións das traballadoras resúmense en baixos salarios, contratos a tempo parcial, temporalidade e ritmos de traballo esgotadores. Unha empregada a xornada completa cobraría 990 euros brutos ao mes, pero este tipo de xornada é case inexistente. A maioría do cadro de persoal traballa a xornadas parciais de etre 30 e 33 horas semanais e o soldo medio no sector é duns 700 euros ao mes, pouco máis do salario mínimo interprofesional. Ademais, as denuncias polo elevado nivel de estrés e ansiedade e as baixas por estes motivos son continuas. "Non é estraño ver ambulancias nas portas dos centros", lembran os sindicatos. 

O soldo medio é de 700 euros mensuais nun sector cun elevado nivel de estrés e ansiedade

Cunha negociación do convenio estancada, as escasas melloras que se conseguen veñen, segundo aclara a CGT, de vitorias nos tribunais europeos e estatais. Outra das cuestións que parece destinada a unha batalla xudicial é a conversión en indefinidos de traballadores que acumulan anos con contratos de obra, nunha evidente "fraude de lei", ou a loita contra artigos do acordo que impiden a subrogación no caso de cambio de contrata ou que facilita os despedimentos en caso de diminución de chamadas, algo que, segundo denuncian os sindicatos, "é pactado entre grandes compañías e as do sector para favorecer os recortes no persoal". "Movistar sobe ou baixa o número de chamadas en función dos seus intereses", di Doural. 

CIG e CGT convocan unha folga xeral que non apoian nin CCOO nin UGT

A última folga xeral no sector foi convocada por todos os sindicatos o pasado 28 de novembro. CIG e CGT consideran que é necesario volver mobilizarse por un convenio "xusto e digno". "Dende aquel novembro a negociacion amorteceu e é necesario retomar as mobilizacións", di o sindicato nacionalista. Na CGT, confían en que o paro a nivel estatal poida "bloquear servizo de atención ao cliente do Ibex-35", xa que moitas das empresas incluídas (bancos, enerxéticas ou de telecomunicacións) teñen o servizo subcontratado a compañías de telemárketing. 

Así, ademais do paro xeral, en diversos puntos de Galicia haberá concentracións e manifestacións. Na Coruña, a CIG convoca ás 12 na sede da empresa Atento, con percorrido pola avenida Juan Flórez, mentres que a CGT faino fronte á tenda que Movistar ten na praza de Pontevedra. En Vigo, a central nacionalista chama a unha concentraicón ás 10:30 na Praza dos Cabalos, mentres que a CGT faino ás 11 desde o mesmo lugar. Ademais, haberá concentración en Lugo, de 12 a 13 horas en Abante BPO (Avenida Infanta Elena, 300).

Concentración na Coruña pola folga do telemárketing Dominio Público @galizacig

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.