Galicia sumou 17.100 empregos durante 2016 malia perder 8.300 no último trimestre do ano. A conta é doada: a fin da campaña de verán e o bo tempo levou por diante -outra vez- en Galicia milleiros de empregos no sector servizos, onde o número de ocupados diminuíu en 9.800 persoas nos últimos tres meses respecto do período anterior. Tan só no sector primario se incrementou a ocupación entre outubro e decembro, en 3.900, mentres que descendeu na construción (-1.700) e na industria (-700).
Galicia crea 17.100 empregos en 2016 malia perder 8.300 no último trimestre pola importante baixada no sector servizos tras o verán
Estas son algunhas das conclusións dos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), que sitúan a taxa de paro en Galicia no 16,3% logo dun descenso durante o ano pasado en 18.500 persoas (-8,3%). A cifra total de desempregados no país queda nos 204.200, 2.500 menos que no anterior trimestre, un descenso do 1,2% e algo inferior ao que se dá no conxunto de España (-1,9%). En termos interanuais, a baixada tamén foi inferior á do Estado, dun 8,3% fronte ao 11,3% (-541.700 desempregados menos nun ano e unha taxa do 18,6% a nivel estatal).
O paro descende en Galicia a un ritmo inferior ao do Estado, ao igual que a creación de emprego tamén é máis de vagar. Son agricultura e pesca as que tiran da ocupación ao aumentar nun ano en 11.800 persoas e un 18%. Na industria, o número de ocupados increméntase en 6.200 persoas e no sector servizos en 4.100. Pola contra, na construción perdéronse 5.100 traballos durante o pasado exercicio. A taxa de ocupación, ademais, diminuíu tres décimas neste trimestre, ata o 44,7%.
Unha ollada ás gráficas permiten concluír como a ocupación aumenta aínda aos poucos, sen acadar aínda os ascensos dos anos previos á crise. O paro baixa máis agora pero a creación de emprego é aínda menor.
Por sexos, diminúe tanto o paro masculino como o feminino, quedando as taxas de desemprego nun 15,6% no caso dos homes e nun 17% no caso das mulleres. En canto á poboación xuvenil, de entre 16 e 29 anos, a taxa de paro descendeu durante o trimestre 1,4 puntos ata situarse no 26,5%. En comparación co cuarto trimestre de 2015 diminuíu 5,6 puntos
Ao tempo, o mercado laboral galego segue a minguar. No último trimestre, o número de activos baixou en 10.800 persoas e a taxa de actividade en catro décimas, até quedar no 53,4%. Durante 2016 perdéronse 1.400 activos. Así, a taxa de actividade é máis dun punto e medio menor que no último trimestre de 2008, co comezo da crise. Naquel mesmo momento, o número de ocupados en Galicia era de 1.196.400 persoas, 156.800 menos que na actualidade.
O caso é que a caída da poboación activa e da poboación ocupada ratifican que a creación de emprego no último trimestre do ano foi nula. De feito, perdéronse 12.700 asalariados. O incremento do número de empregos por conta propia non compensou a caída, ao haber 5.000 persoas ocupadas máis deste xeito fronte a 12.700 menos por conta allea. Ademais, pérdese máis emprego no sector público ca no privado (7.700 persoas asalariadas menos no sector público e 4.900 menos no sector privado).
Ademais, a estabilidade segue a ser unha quimera. Respecto ao trimestre anterior, en Galicia hai 3.100 asalariados menos con contrato indefinido, mentres que o número de persoas con contrato temporal diminúe en 9.600. Pero en termos interanuais, os asalariados con contrato indefinido permanecen estables e os de contrato temporal incrementáronse un 6,2%.
Por outra banda, en canto aos fogares, no último trimestre de 2016 descendeu en 2.500 unidades o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe, quedando en 69.600, un descenso do 7,3% con respecto a hai un ano. Ao tempo, o número de familias nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 600 unidades, o que supón unha suba do 2,7% en termos relativos.