Os novos datos da Enquisa da Poboación Activa (EPA) situaron a taxa de paro en Galicia no 16,3%, aínda cun elevado número de desempregados no país (case 205.000) pero "no nivel máis baixo dos últimos seis anos". Así o destacou o PPdeG, que cargou contra quen, como oposición e sindicatos, negan a recuperación exemplar da que falan os populares. Á temporalidade e aos contrarios precarios e de escasas horas úneselle outra eiva na que o mercado laboral galego leva anos incidindo: a perda constante de poboación activa.
Galicia ten agora 26.000 persoas activas menos que no peor momento da crise, hai tres anos
No peor momento da crise económica en Galicia, no primeiro trimestre de 2014, coa taxa máis elevada de paro que nunca alcanzara a comunidade (23,2%), o número de activos superaba en 26.000 aos actuais. Xa que logo, o país perdeu aínda 26.000 integrantes do mercado laboral -da poboación que traballa ou busca emprego- nos últimos tres anos. A exigua recuperación non dá para evitar a fuxida cara á emigración ou o desánimo de quen xa non procura un emprego, ao que hai que unirlle a teimuda caída demográfica na comunidade.
O mercado laboral galego perdeu máis de 70.000 persoas en oito anos, desde que comezara a crise
Continúa a desaparecer poboación activa e iso tamén maquilla algo os datos. Desde aqueles primeiros meses de 2014, en Galicia baixou o paro en 92.700 persoas, pero a poboación ocupada incrementou só en 66.800. A diferenza son eses 26.000 activos que xa non o son e abandonaron o mercado laboral. As taxas de desemprego, xa que logo, melloran, pero fano un chisco máis grazas a esta diminución do número de activos: de intercambiar as cifras, as taxas serían máis de punto e medio inferior hai tres anos e superior na actualidade.
A situación é aínda peor de compararmos co comezo da crise. Desde aquel cuarto trimestre de 2008, cando se comezaban a notar os efectos da recesión mundial, Galicia sumou 76.500 parados, pero perdeu 146.800 ocupados. Xa que logo, o país perde practicamente dous afiliados á Seguridade Social por cada desempregado que suma. A diferenza, de novo, nesa caída de poboación activa que, nestes oito anos, foi de 70.300 persoas. Máis de 70.000 traballadores que desapareceron do mercado laboral galego durante a crise.