Muller e xubilada: ao borde do limiar da pobreza

Evolución da pensión media de homes e mulleres en Galicia Dominio Público Praza Pública

As pensionistas galegas cobraban a finais de 2015 unha media de 594 euros ao mes, fronte ao 940 euros dos varóns

As últimas noticias sobre a perda de poder adquisitivo das pensións, tanto neste ano 2017 coma -quizais- nos vindeiros cinco anos afectan a todas as persoas en idade de xubilación, pero sobre todo a aqueles colectivos con pensións máis reducidas e, polo tanto, máis necesitadas dos incrementos. A modificación lexislativa levada a cabo polo PP en 2013 desvinculou a actualización das pensións do IPC e fixou un aumento de entre o 0,25% e o 0,5% anual. 

Nos últimos anos a fenda de xénero en lugar de reducirse aínda se fixo meirande. Se en 2006 a diferenza entre homes e mulleres era de 221 euros, en 2015 era xa de 346

As pensionistas galegas cobraban a finais de 2015 unha media de 594 euros ao mes, fronte ao 940 euros dos varóns. Nos últimos anos esta fenda en lugar de reducirse aínda se fixo meirande. Se en 2006 a diferenza entre homes e mulleres era de 221 euros, en 2015 era xa de 346. Expresado doutro xeito: en 2006 a pensión media feminina era o 65% da masculina e en 2015 ficaba no 63,2%. Cómpre ter en conta que na actualidade o salario mínimo está fixado en 707,60 euros mensuais e que o limiar de pobreza rolda os 667 euros.

As diferenzas aínda son maiores nas pensións de xubilación (1.020 euros eles, fronte a 632 elas). No caso das pensións de viuvez, máis baixas, as mulleres cobran 552 euros ao mes de media fronte a 396 nos homes. Iso si, os homes que cobran pensións desta clase son unha minoría (19 mil fronte a 168 mil no caso das mulleres). O pasado mes de outubro a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galicia) denunciaba que a cifra de pensionistas por viuvez cuxas prestacións non traspasan o limiar da pobreza -uns 667 euros mensuais- supera as 150.000, oito de cada dez.

A proporción de pensións (de todo tipo) por baixo do limiar da pobreza en Galicia (63%) está moi por riba da media estatal, máis de dez puntos, e é a maior de todas as comunidades autónomas. A única que se achega ao 60% é Extremadura, mentres que a maioría roldan o 50% e só dúas, Euskadi e Madrid, baixan do 40%.

O IGE ofrece tamén datos con outra metodoloxía, con información referida só ás persoas en Galicia e non a xubilados e xubiladas galegas que viven noutros puntos do Estado ou no estranxeiro (ao redor de 100 mil). Neste caso os importes medios son algo diferentes, cunha menor fendas de xénero (1000 euros no caso dos homes, 727 no das mulleres).

A metade das pensionistas galegas cobra menos de 635 euros ao mes e que ata un 75% percibe menos de 774

Esta estatística do IGE amosa igualmente, mediante os percentís do importe medio, que a metade das pensionistas galegas cobra menos de 635 euros ao mes e que ata un 75% percibe menos de 774.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.