Freo de última hora á folga dos estibadores, o traballo clave nos portos obrigado á reconversión

Terminal de contedores do Porto de Vigo © www.marportactivities.com

As negociacións entre o Ministerio de Fomento, os estibadores e a patronal mudaron o guión a última hora. Houbo acordo que, cando menos polo momento, só supón adiar o conflito, que se ía traducir en paros parciais entre o 20 e o 24 de febreiro pola reforma do sector que o Goberno central prevía aprobar este venres tras impoñer uns servizos mínimos do 100%. O Executivo, nun último intento, deu en adiar unha semana a aprobación da reforma co obxectivo de que patronal e sindicatos volvesen sentar a negociar. Segue no aire, no entanto, o futuro dos máis de 6.100 operarios en 46 zonas portuarias.

En Galicia, son uns 200 os estibadores, a maioría deles no porto de Vigo

En Galicia, son arredor de 200 os estibadores afectados directamente -a maioría deles no porto de Vigo (150) e o resto repartidos entre Marín, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol-, ademais dos traballadores eventuais. Están dispostos a ir á folga convocada pola Coordinadora de Traballadores do Mar, sindicato maioritario a nivel estatal, xunto a CCOO, UGT, CGT e a central galega CIG. As actuales mobilizacións son último capítulo  dun conflito que comeza cunha sentenza do Tribunal da UE que dá a razón a Bruxelas e culpa a España de estar incumprindo as normas comunitarias sobre a liberdade de establecemento nos peiraos de interese xeral. 

Unha sentenza da UE deu comezo ao conflito ao considerar que o sistema de contratación actual nos portos vai contra as normas comunitarias

A xustiza comunitaria considera que o sistema que rexe na estiba estatal vai contra as normas da UE e España xa foi ameazada cunha sanción de 21 millóns de euros. As empresas que operan nos peiraos públicos deben entrar no capital das sociedades de xestión de traballadores portuarios (Sagep) e contratar un dos seus 6.156 estibadores. O decreto lei do Goberno acaba con esta obriga e permite contratar libremente. Para isto, dá un período transitorio de tres anos. As compañías estibadoras -socias ou non da Sagep- terán que cubrir con traballadores destas parte das súas actividades: o 75% serán operarios da Sagep no primeiro ano, o 50% no segundo e o 25% no terceiro. 

As empresas que operan nos peiraos deben entrar nas sociedades de xestión de traballadores e contratar un dos 6.200 estibadores

E despois? "Aos non contratados aplicaráselles a reforma laboral e os despedimentos páganos as autoridades portuarias; en definitiva, un ERE encuberto pagado con fondos públicos para logo pasar todos a unha bolsa de emprego, unha especie de ETT que non se sabe nin quen vai xestionar", explica Xavier Aboi, representante do sector do Mar da FGAMT-CIG.

Os representantes dos traballadores insisten en criticar "a perda total de dereitos" dos operarios de levarse a cabo a reforma, que especifica a desaparición das Sagep ou a súa conversión en centros portuarios de emprego, algo así como unha empresa de traballo temporal. Os operarios poderían subrogarse ás estibadoras ou incluírse nestas novas entidades. 

Os estibadores piden que se garanta o seu traballo logo de que se disolvan as sociedades nas que agora se inclúen

Un dos principais elementos de conflito xurdiu da pretensión dos traballadores de que se cree un rexistro onde se garanta a profesionalidade, experiencia e capacitación e de onde se contraten preferentemente os estibadores que levan anos exercendo o labor. Fomento negouse por ir contra a normativa comunitaria, polo que os sindicatos propuxeron pechar esa vía e garantir mediante outras o emprego para os operarios. Desde o Goberno formúlase agora que isto poida ser posible a través da negociación colectiva. 

As filtracións dos soldos

"Para operar nos portos hai que ter e garantir unhas determinadas condicións", advirte Aboi, que como o resto de representantes sindicais advirte do ataque á estabilidade no emprego e aos convenios que se aplican a tal hora no sector. No decreto que prepara o Goberno detállase que serán aptos para prestar este servizo portuario aqueles traballadores que acrediten "máis de cen horas de traballo no servizo de manipulación de mercadorías en calquera estado membro da UE", á marxe dos que teñan a titulación necesaria. 

Os soldos base na estiba auméntanse polos extras derivados da perigosidade, a rapidez e as quendas en fins de semana ou á noite

Desde que se anunciou a posibilidade de folga, foron varias as información que filtraron os soldos medios dos estibadores (disque máis de 60.000 euros ao ano) e nas que se acusou de nepotismo e privilexios aos seus traballadores. "Do que ninguén dixo nada foi das xornadas que traballan ou dos riscos que corren", di Aboi. A xornada destes traballadores dura seis horas e realízase en catro quendas rotatorias durante as 24 horas do día e de luns a domingos. Aínda que o salario base é unha cantidade máis que habitual, o soldo increméntase por diferentes pluses: a rapidez do traballo, a perigosidade, a nocturnidade ou os labores nas fins de semana. Segundo os sindicatos, as xornadas medias que un estibador fai en Galicia nun mes van desde as 24 ás 27. 

"Primeiro atacouse aos profesores, logo aos funcionarios e aos controladores aéreos e agora aos estibadores. Que delito cometen se traballan máis xornadas profesionais que a media, con primas por rematar antes e algún plus por diferentes conceptos logo de conseguir unhas condicións dignas?", pregúntase Aboi, que asegura que "non hai ningún estibador en Galicia que cobre eses máis de 80.000 euros dos que se fala". 

Á marxe das diferenzas, os sindicatos censuran que o novo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, rachase cunha negociación entre patronal e traballadores na que "só faltaba a sinatura". "Rachou con todo e obviou as propostas feitas", indica quen cre que o fondo do conflito é "o intento do capital e de grandes empresas con grandes bancos detrás por controlar os peiraos e abaratar custos".

Os sindicatos ven no fondo o intento de entregar o negocio dos portos a grandes firmas e "favorecer os monopolios"

“Queren acabar coa regulación laboral para facer dos portos un novo negocio para as grandes compañías, favorecendo os monopolios en contra do conxunto da sociedade, cando os portos deberan ser para crear riqueza e non miseria”, di Aboi. Polos peiraos do Estado psa preto do 60% das exportacións e o 85% das importacións españolas, o que representa o 53%  do comercio exterior coa UE e o 96% con terceiros países. Ante esta situación, o Goberno central intenta deter unha folga que pode paralizar un sector estratéxico. 

Guindastres no Porto de Vigo CC-BY-SA bluguia_pablo
Protesta da CIG contra a Sagep © CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.