A planta proxectada por ENCE necesitaría mil toneladas diarias de biomasa

Repoboación con eucaliptos realizada en Begonte © Adega

O anuncio de ENCE de que a planta de biomasa de 40 megavatios que prevía instalar en Lourizán finalmente se construirá en Huelva, segue provocando reaccións. Se xa o pasado luns Alfonso Rueda responsabilizaba desta decisión aos "atrancos" postos polo Concello de Pontevedra, este mércores Alberto Núñez Feijoo anunciou que a Xunta tramitaría un plan sectorial para que ENCE puidese instalár a súa planta en Pontevedra no probable caso de que o Concello non lle concedese autorización. E, de igual xeito, o futuro concello Cerdedo-Cotobade, resultado da fusión das dúas localidades, ofreceuse a acoller a planta nun dos seus parques empresariais.

Estas propostas foron xa respondidas pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR), que nun comunicado sinalou que "unha planta de biomasa de 40 MW tan só beneficiaría os intereses da empresa" e que non "unha alternativa de futuro e emprego para as veciñas e veciños dun concello rural como este". "É ese o único futuro que o goberno municipal de Cerdedo-­Cotobade pode ofrecer? Reforzar o desleixo e o abandono do rural para converter este territorio nun deserto verde?", preguntouse a APDR, que incidiu en que a megaplanta de biomasa "impediría o desenvolvemento doutras alternativas económicas compatíbeis coa conservación do medio, do territorio e dos seus valores culturais e paisaxísticos, capaces de fixar xente no rural en lugar de desprazala". 

"É ese o único futuro que o goberno municipal de Cerdedo-­Cotobade pode ofrecer? Reforzar o desleixo e o abandono do rural para converter este territorio nun deserto verde?", preguntouse a APDR

"Como a propia Xunta recoñece, unha planta destas características non cubriría nin de lonxe a súa demanda de materia vexetal con residuos forestais, necesitaría achegas continuadas de material procedente de novos plantíos de cultivos como o eucalipto, con ciclos moi curtos de plantación-queima-­plantación, e o uso masivo de abonos e tratamentos químicos, que empobrecerían os solos e provocarían unha nova vaga de eucaliptización que ocuparía terreos gandeiros e agrícolas produtivos, imposibilitando outros aproveitamentos agora e no futuro", destacou a entidade.

En 2012 o INEGA no estudo Análisis de la viabilidad del mercado de la biomasa en Galicia y el norte de Portugal facía un cálculo das necesidades de biomasa que terían unha serie de plantas produtoras de enerxía, destacando que sería necesario empregar cultivos enerxéticos para garantir a subministración. Unha planta de 40 MW, coma a que baralla ENCE necesitaría máis de 400 mil toneladas anuais de biomasa, máis de mil toneladas de madeira ao día.

Unha planta de 40 MW, coma a que baralla ENCE necesitaría máis de 400 mil toneladas anuais de biomasa, máis de mil toneladas de madeira ao día

O estudo do INEGA calculaba que nun radio de 50 quilómetros arredor de Pontevedra, había unhas 176 mil toneladas de biomasa forestal primaria arbórea, absolutamente insuficiente para dar servizo a unha instalación de 40 MW. Habería que incrementar o radio a 160 quilómetros para sumar outras 360 mil toneladas e acadar así a cantidade de biomasa necesaria para facer funcionar a planta. É dicir, habería que dedicar a iso toda a masa vexetal dispoñible, ou ben recorrer a cultivos enerxéticos próximos a Pontevedra: nos 50 quilómetros que rodean a cidade poderían sumarse deste xeito outras 152 mil toneladas. O estudo tamén prevía que un incremento nas plantacións de eucaliptos nos arredores de Pontevedra podería incrementar notablemente a biomasa dispoñible para queimar: 88 mil toneladas máis nun radio de 15 quilómetros, 232 mil máis entre os 15 e os 30, e outras 232 mil entre os 30 e os 50 quilómetros.

Repoboación con eucaliptos realizada en Begonte © Adega
Planta de biomasa © Agencia Andaluza de la Energía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.