0 Gardados para despois

García de Paredes terá que devolver os 5,5 millóns da súa indemnización de Novacaixagalicia

Redacción | @prazapublica

Javier García de Paredes, que fora director adxunto de Novacaixagalicia e absolto no caso das indemnizacións millonarias que acabou con cinco ex-directivos das caixas na cadea, vén de ser condenado a reintegrar os 5,58 millóns de euros da prexubilación percibida logo de abandonar a entidade bancaria. O xulgado do social número 3 da Coruña estimou así a demanda interposta por NCG Banco (hoxe Abanca), coa intervención do FROB, contra este alto cargo e a súa esposa pola que declara a nulidade do contrato asinado en decembro de 2010. 

O xulgado ordena a García de Paredes devolver a Abanca os 5,58 millóns percibidas como prexubilación

Terá, xa que logo, que reintegrar á entidade eses máis de cinco millóns e medio de euros da prexubilación "blindaxe" percibida. Na sentenza afírmase que foron substituídas daquel cotnrato dúas follas sen informar do cambio á comisión de retribucións e nomeamentos nin ao consello de administración. Para a xuíza, "a falsidade da causa do contrato, o dolo e o erro" no que incorren a devandita comisión e o consello, que confían en que o contrato de García de Paredes está asinado desde o 30 de decembro de 2010, "son absolutamente palmarias". 

O ditame conclúe que "o contrato de alta dirección nace xa viciado, por canto que o consello de administración da entidade prestou o seu consentemento á subscrición deste sen ter un pleno e cabal coñecemento do seu contido, e aínda das súas consecuencias, toda vez que os xestores, incumprindo as obrigas normativas impostas, non lles proporcionaron unha información clara, comprensiva e completa sobre a súa natureza e sobre as súas características". 

"O consello de administración prestou o seu consentemento á subscrición deste sen ter un pleno e cabal coñecemento do seu contido"

A nova chega logo de que, nesta mesma semana, a comisión de investigación do Parlamento galego, que retomou os seus traballaos nesta lexislatura, aprobase o seu plan de traballo co único voto a favor do PP, o rexeitamento de En Marea e BNG e a abstención do PSOE. Ao proceso incorporarase numerosa documentación relativa ao ex-director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez que, no entanto, non terá que explicar no Parlamento as súas operacións inmobiliarias. Tamén se analizarán informes realizados por Deloitte, Barclays, Ernst&Young, HSBC, McKinsey & Co e Nomura International PLC, entre outros.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.