Competencia tomba o decreto de vivendas turísticas e Feijóo pídelle a mesma présa noutros asuntos

Feijóo e Nava Castro, nunha imaxe de arquivo © Conchi Paz

O pasado febreiro a Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia un decreto co que dixo querer regular diversos tipos de alugueiros turísticos que agora vén de ser impugnado pola Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia (CNMC) por considerar que impón “restricións inxustificadas” e “discrecionais” aos propietarios. Este xoves o presidente Feijóo abriu as portas a modificar ese texto se así o considera a Asesoría Xurídica da Xunta, en cuxas mans dixo deixar a cuestión, pero criticou que a Competencia non sexa tan rápida ao analizar outras cuestións como a denuncia do propio Goberno galego sobre o elevado prezo dos carburantes en Galicia.

O presidente di deixar en mans da Asesoría Xurídica a modificación do texto galego logo de que a comisión estatal censurase as súas “restricións inxustificadas” e “discrecionais”

As críticas de Competencia ao decreto galego sobre alugueiro de vivendas turísticas son numerosas. A comisión estatal di que, no caso das vivendas individuais que os particulares alugan para uso turístico, a Xunta permite que os concellos as limiten ou prohiban en determinados edificios ou barrios, o que “supón unha restrición discrecional da oferta de vivendas”. Do mesmo xeito, ao prohibir o alugueiro por habitacións considera que “limita o libre exercicio da actividade económica”. Tamén considera que a obriga de inscribirse nun rexistro, de pagar unha taxa e de impor uns servizos mínimos supón unha carga innecesaria para iniciar a actividade.

No caso dos apartamentos e vivendas turísticas a cargo de empresas, Competencia critica que se prohiba o alugueiro por habitacións e que se limite o período de aloxamento a un máximo de tres meses. Igualmente, rexeita que sexa necesaria unha autorización administrativa previa ou o “catálogo esaxerado de requisitos técnicos e servizos mínimos esixidos, que non superan a análise de necesidade e proporcionalidade da regulación”.

Para Competencia, “todas estas medidas elevan inxustificadamente os custos de entrada no mercado, desalentan a algúns operadores que xa estaban a participar no mercado con novos modelos prestación de servizo e a outros potenciais oferentes”, o que impide “que haxa prezos máis eficientes e competitivos para os usuarios”. A Xunta ten un mes para contestar a Competencia ou esta acudirá á vía xudicial, da que a propia comisión estatal lembra que lle deu a razón nun recurso previo contra unha normativa similar da Comunidad de Madrid.

Feijóo lamenta que Competencia non se dea tanta présa para analizar a denuncia da Xunta sobre o elevado prezo dos carburantes en Galicia

Ante esta situación, este xoves Feijóo asegurou que o Goberno galego fará o que lle diga a Asesoría Xurídica, que aínda está a estudar o requirimento de Competencia. Pero o presidente tamén criticou que a comisión estatal non se dea unha “dilixencia similar” para analizar as sucesivas denuncias que a Xunta lle vén transmitindo hai anos sobre os prezos dos carburantes en Galicia, máis caros que no resto de España malia contar cunha das poucas refinerías do Estado.

Sobre o decreto de alugueiros, Feijóo asegurou que a intención da Xunta era garantir “que haxa unha competencia leal” e que “a xente que paga impostos e ten o seu establecemento aberto teña unha competencia leal”. Unha afirmación, xa pronunciada anteriormente por outros responsables autonómicos, que é vista polos críticos da normativa como unha defensa por parte da Xunta do sector hoteleiro tradicional, algo que tamén lle supuxo un enfrontamento en localidades especialmente turísticas con particulares que veñen alugando as súas vivendas desde hai anos.

A dos alugueiros turísticos é unha máis das sucesivas medidas interpretadas por outros colectivos como unha defensa por parte da Xunta do sector hoteleiro tradicional

Tamén en beneficio do sector hoteleiro tradicional son analizadas por outros colectivos decisións da Xunta como a de obrigar a que os albergues de peregrinos empreguen sabas de tea ou a negativa a implantar unha taxa turística en Santiago como pide o Concello. Estas polémicas prodúcense logo de que o Goberno galego veña deixando boa parte das súas políticas turísticas en mans dos empresarios agrupados no denominado Clúster do Turismo de Galicia. Este mesmo xoves a directora de Turismo da Xunta, Nava Castro, participou nun acto desa entidade no que volveu eloxiar “a colaboración público-privada”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.